O Octavio descende nun final dramático

Academia Octavio © Praza Pública

O Octavio despediuse esta tarde da Asobal nun final de infarto na pista do Balonmán Huesca. Con 29-29 no marcador e balón para os vigueses, Rafa Dasilva perdía a pelota e o Huesca marcaba o 30-29 na porta baleira do Octavio. O seu adestrador, Quique Domínguez, arriscou no tempo morto anterior optando polo porteiro-xogador e saíulle mal. O Octavio salvábase cunha vitoria e podía facelo co empate, pero unha derrota os condenaba.

Con 29-29 no marcador e balón para os vigueses, Rafa Dasilva perdía a pelota e o Huesca marcaba o 30-29 na porta baleira do Octavio

A dolorosa derrota do conxunto vigués garante a permanencia do Cangas na Asobal. É máis, tal e como estaban os resultados, un triunfo ou mesmo un empate académico mandaba á División de Honra B ó conxunto cangués, que estaba xogando a esa hora o seu partido na pista do Villa Aranda con derrota momentánea. Así, o Cangas respirou coa nova que chegaba desde Huesca e, aínda que ó final perdeu 25-23, mantense unha temporada máis na liga Asobal a pesares de estar descendido en moitos momentos da tarde.

O Cangas estaba descendido porque o Octavio foi gañando durante boa parte do choque ante un rival que non se xogaba nada, o que engade aínda máis crueldade ó descenso dos vigueses, que non podían crer o que acababa de suceder ó rematar o partido. O Octavio baixa á División de Honra B con 19 puntos, que normalmente son suficientes para a permanencia, pero desta volta non o foron.

O Octavio foi gañando durante boa parte do choque ante un rival que non se xogaba nada, o que engade aínda máis crueldade ó descenso dos vigueses

Prevíase unha última xornada dramática con cinco equipos implicados e catro partidos que dilucidarían o equipo que ocuparía a última praza de descenso. Todos os partidos comezaban á mesma hora, pero o ritmo dos partidos foi distinto, por iso o Cangas sabía da derrota do Octavio cando aínda faltaban varios minutos do seu partido.

O Villa Aranda, rival dos cangueses, tamén estaban na pugna, mentres que os outros dous implicados, Cuatro Rayas Valladolid e Quabit Guadalajara, medíanse ós dous colosos da Asobal, Atlético de Madrid e Barcelona respectivamente. Gañaron os vallisoletanos, pero perderon ós manchegos. Aínda así, estes equipos só entraban a escena se Octavio e Cangas conseguían puntuar, e ó final ambos acabaron perdendo. A mágoa é que para que se salvase o Cangas tivese que baixar o Academia Octavio.

Plantel do Octavio, no Gatañal CC-BY-SA Alexandre Boubeta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.