O Octavio gaña pero non sae do descenso

Os xogadores do Octavio agradecen o apoio do público © Alexandre Boubeta

O Academia Octavio gañoulle este domingo 28-22 ao Ciudad Encantada de Cuenca nas Travesas. A vitoria desloceu debido aos triunfos do Cangas ante o Cuatro Rayas e do Quabit Guadalajara ante o Aragón, que manteñen o conxunto vigués en postos de descenso a falta dunha xornada para a conclusión da liga Asobal. Os seus 19 puntos, suficientes noutras ocasións, non abondan para acadar a permanencia na presente temporada. Na última xornada o Octavio debe gañar na pista do Huesca, oitavo clasificado, e esperar o tropezo dalgún dos seus rivais. Unha vitoria académica obrigaría o Cangas a puntuar na pista do Villa Aranda, tamén implicado, para non perder a categoría.

O Octavio dominou o partido de principio a fin e obtivo un triunfo cómodo ante o Ciudad Encantada de Cuenca, un equipo de metade de táboa sen nada en xogo. O conxunto vigués fundamentou a súa vitoria na intensidade defensiva, que impediu ver porta aos visitantes durante moitos minutos e acabar o primeiro tempo con só sete goles en contra. A gran actuación do meta Lloria, sobre todo na primeira metade, e o acerto goleador de Rafa Dasilva, que rematou o encontro con sete goles, tamén axudaron.

O conxunto vigués fundamentou a súa vitoria na intensidade defensiva, que impediu ver porta aos visitantes durante moitos minutos

A escaseza de goles foi a tónica dos primeiros minutos. Cando se levaban dez só se marcaran cinco: 3-2 para os locais. A intensidade en defensa e as paradas de ambos porteiros destacaban por riba dos goles. Foi a partir de entón cando o Octavio apertou atrás e conseguiu distanciarse no marcador: oito minutos sen encaixar e un parcial de 5-0 ata o 7-2. Fran González e Pablo Cacheda, con senllos dobretes, sobresaían nos locais. As dúas primeiras exclusións chegaron polo bando visitante, e o Octavio conseguiu estabilizar a vantaxe entre catro e cinco goles.

No 11-7, a falta de oito minutos para o descanso, os vigueses volveron apertar os dentes para ampliar aínda máis a diferenza. O Octavio endosou un parcial de 3-0 con dous goles de Fran González e un de Dasilva que poñían o 14-7 no marcador ao descanso. Pouco importou a exclusión de Arkaitz Vargas, na que o adestrador Quique Domínguez dispuxo a fórmula do porteiro-xogador, pois o Octavio mantívose sen recibir nin un gol. Ningún xogador do Cuenca pasaba dos dous goles, e Ángel Pérez de Inestrosa, terceiro máximo goleador da Asobal, só levaba unha diana. A defensa viguesa fora un muro infranqueable.

Se no inicio do partido os goles escasearan, o comezo do segundo tempo foi todo o contrario. Os tantos sucedíanse nas dúas porterías, pero o Octavio conseguiu manter a renda arredor dos sete goles, ata que o marcador reflectía un 18-11 aos cinco minutos. A difererenza non variou con dúas exclusións case simultáneas dos visitantes, pero tampouco coas dúas consecutivas de Germán, nas que os locais repetiron a fórmula do porteiro xogador. A vantaxe seguía situándose arredor dos sete goles, mesmo se incrementou ata nove cando Fran González puxo o 21-12 no minuto 12 da segunda metade. Moito tiñan que torcerse as cousas para non lograr os dous puntos.

O Octavio volveu atopar o ritmo cun Rafa Dasilva que sempre aportaba algún gol de potente lanzamento

O Cuenca intentou reaccionar. A defensa 4-2 dos visitantes con marcaxes individuais sobre Cacheda e Fran González dificultoulles aos vigueses ver porta durante uns minutos. Dúas boas paradas do porteiro visitante, Diego Moyano, posibilitaron un parcial de 3-0 favorable ao Cuenca co que se achegou no marcador a seis goles no 22-16. Non obstante, o Octavio volveu atopar o ritmo cun Rafa Dasilva que sempre aportaba algún gol de potente lanzamento e coa irrupción nos últimos minutos do pivote Alemany.

A exclusión de Dasilva non cambiou o guión, o Octavio tiña o partido no peto e rematou mantendo a renda de seis goles e conseguindo unha vitoria por 28-22 que lle permite seguir crendo na permanencia. Á mesma hora que o Octavio estaba xogando, o Quabit Guadalajara disputaba ó seu partido ante o Aragón. Polo tanto, os transistores funcionaron nas Travesas, pero as novas que chegaban non foron boas. Os manchegos gañaron 32-27, condenando ó Octavio a gañar na pista do Huesca e agardar o que aconteza noutros partidos para manterse unha temporada máis na liga Asobal.

Un intre do partido © Alexandre Boubeta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.