O país dos mil campos de fútbol

Campo de fútbol en Baiona CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez

Galicia é o país dos mil ríos. E do millón de vacas. E dos non sei cantos hórreos. Nas últimas décadas, ademais, outro tipo de estruturas comezaron a ser habituais en todos os concellos, estendéndose pola maioría das parroquias: campos de fútbol, pavillóns cubertos, pistas polideportivas..., servizos que non poden faltar en ningún lugar independentemente do seu uso real e demanda.

A Enquisa de Infraestrutura e Equipamentos Locais, que elabora o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a través das distintas deputacións provinciais, ofrece unha completa información sobre os inmobles e servizos existentes en todos os concellos de menos de 50 mil habitantes. Nun dos seus capítulos debulla as instalacións deportivas de cada localidade, así coma as súas características, unha estatística que nos permite poñer números a unha realidade doadamente observable en moitas zonas.

As cifras totais (nos datos de 2014, últimos dispoñibles) achéganse ao milleiro de campos de fútbol: 825 sen ter en conta os existentes nas sete cidades do país. A Deputación da Coruña si completou a información para Ferrol, A Coruña e Compostela, que suman 75 terreos de xogo máis. Os pavillóns cubertos suman 376 fóra das cidades, un número que tendo en conta as sete urbes sería moi superior (Compostela, A Coruña e Ferrol fan 89 en conxunto.

1.335 son as pistas polideportivas (non cubertas), cunha presenza moi importante en toda Galicia, tanto nas zonas rurais coma nas cidades (316 nas tres urbes coruñesas). Finalmente, contabilízanse 220 piscinas, máis as existentes nas cidades, 45 só en Ferrol, A Coruña e Compostela.

Dun ano a outro obsérvanse importantes variacións, que obedecen seguramente a cambios metodolóxicos e a ausencia dalgunhas informacións, o que dificulta poder establecer comparacións entre os datos actuais e os que se rexistraban un tempo atrás. Mesmo así, advírtese un continuado incremento no número destas infraestruturas. Por exemplo, en Lugo dos 77 pavillóns cubertos existentes no ano 2000, pasouse a 110. O mesmo sucedeu en Ourense, onde pasaron de 43 a 65. Ou en Pontevedra, de 48 a 69.

Pavillón en San Cibrao das Viñas CC-BY-NC-ND César Mares
Campo de herba artificial en Neda © Radiofusión
Pista polideportiva en Sandiás © Xavi Feix

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.