O veto do Celta a Salva, o 'admirador' de Tejero

Abel Resino, na súa presentación co Celta © celtavigo.net

Dixo que as opinións de Oleguer lle merecían menos respecto que "una caca de perro", manifestou a súa admiración polo aviador do bando franquista García Morato e polo do exército nazi Hans Rudel, encantaríalle coñecer o coronel golpista Tejero, levaba inscrito nas súas botas o lema franquista Arriba España, afirmou que os militares deberían intervir en Euskadi pouco despois dos atentados do 11-M, mostrouse disposto a ir á guerra de Irak e concedeu entrevistas a foros de ultradereita. Con ese currículo, o ex futbolista Salva Ballesta estivo a un paso de se converter en segundo adestradror do Celta, un club que pasou en tan só uns días unha tranquilidade insititucional e deportiva envexable a un balbordo nada propicio á hora de loitar pola salvación na elite.

O Celta substituíu a Herrera e apostou por Abel, que contaba con Salva como segundo adestrador

Logo da dura derrota ante o Getafe, a directiva do club vigués decidiu destituír a Paco Herrera, o adestrador que ascendeu o Celta logo de cinco anos e que asentou no equipo a varios canteiráns. Todo, tan só unhas semanas despois de que o consello amosase a súa confianza cega nun adestrador que estaba disposta a renovar incluso de volta a Segunda. O elixido para substituílo foi Abel Resino, que contaba entre o seu equipo técnico co polémico Salva Ballesta, destinado a ser o seu segundo adestrador, pero que foi rexeitado pola entidade galega.

"Por motivos políticos", apuráronse a dicir na prensa madrileña, mentres nalgúns programas deportivos chegouse a cualificar de "fascista" a decisión do Celta de rexeitar a contratación dun ex xogador admirador de Tejero e con coñecidas preferencias pola ultradereita. O propio ex futbolista aseguraba que fora vetado polas "presións" de seareiros, por sentirse "moi español" e polas súas ideas políticas. Todo, malia que Paco Herrera e boa parte do plantel do equipo vigués comparten a mesma nacionalidade.

Ballesta acusou a entidade viguesa de rexeitalo por sentirse "moi español"

Puido ser o masivo rexeitamento da afección celtiña a través das redes sociais a que acabou por decidir a directiva celeste, aínda que o presidente do club, Carlos Mouriño, insiste en que "o Celta non vetou a Salva, só non o contratou". "Seleccionamos a xente polo lado humano, logo deportivo e o técnico. Analizando o seu pasado decidimos que non o podiamos contratar logo das pescudas que realizamos. Se alguén quere aproveitar isto para facer política, é o seu problema", asegurou este martes na presentación de Abel Resino como novo técnico celeste.

"Depois do que pasou, Salva demostroume que tiñamos razón en non contratalo"

"Depois do que pasou, (Salva) demostroume que tiñamos razón en non contratalo", dixo Mouriño en clara alusión ás continuas declaracións públicas do ex dianteiro de Málaga, Levante ou Racing, entre outros, na tarde-noite do pasado luns. Fernando Vázquez, actual adestrador do Deportivo, apoiou a decisión do Celta e cualificou de "antidemocráticas" as actitudes de Ballesta, fillo de militares, piloto e amante do Exército.

En numerosos estadios de España, Salva Ballesta foi recibido con apupos e asubíos e máis dun insulto desprezable. Ante as provocacións continuas, no Sadar ante Osasuna despediuse cun "¡Qué viva España, hijos de puta!" dos afeccionados do equipo navarro. En Vigo, e incluso en Riazor, pero tamén en Barcelona, Donosti ou Bilbao nunca foi moi ben recibido.

Malia todo, son numerosos os foros de internet e os afeccionados que amosan o seu disgusto co Celta por negarse a incorporar un polémico ex futbolista que foi defendido por varios medios de comunicación que chegaron a censurar a decisión do club vigués "que vetou un adestrador por ser de dereitas". Todo, malia que non foron poucos os que lle recordaron que o anterior presidente do Celta, Horacio Gómez, e importantes ex directivos do club ostentaron cargos no Partido Popular.

Pero tamén houbo parabéns. A decisión do Celta foi destacada por numerosos afeccionados, moitos deles deportivistas que amosaron tamén o rexeitamento á figura dun adestrador polémico alá a onde vai.

Abel Resino, na súa presentación co Celta © celtavigo.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.