Outros tres puntos voan de Balaídos

Unha xogada do celta CC-BY-SA Zelia García

O Celta volveu á crua realidade. Tras gañar ó Real Madrid o mércores en partido de Copa, volveu caer na liga por 0-1 en Balaídos ante o Betis. O gol chegou a dez minutos do final tras unha gran manobra do dianteiro verdibranco Jorge Molina. O Celta gozou despois de tres ocasións moi claras, pero non foi quen de empatar. As opcións celestes diluíronse cun remate de Mario Bermejo ó pau sen porteiro no minuto 92.

O Celta suma un só triunfo en nove xornadas e catro partidos na casa sen coñecer a vitoria

O encontro non será recordado por un xogo brillante, sobre todo nunha primeira metade carente de ritmo e ocasións. O Celta suma un só triunfo en nove xornadas e catro partidos na casa sen coñecer a vitoria. A mala xeira en liga, que achega ó equipo a dous puntos do descenso, contrasta cun varios bos resultados na Copa do Rei.

Paco Herrera repetiu a disposición do encontro contra o Real Madrid e, ante a baixa por lesión de Álex López, aliñou a tres dianteiros, dous extremos e un só mediocentro. O dinamarqués Krohn-Delhi atrasou a súa posición cara ó dobre pivote xunto a Borja Oubiña, Park situouse en banda esquerda e Bermejo por detrás de Iago Aspas. No Betis, a ameaza era un Rubén Castro que foi dúbida ata última hora e pasou inadvertido sobre o céspede.

A primeira metade foi bastante pobre por parte dos dous equipos. O Celta empezou apropiándose do balón, pero tralo primeiro cuarto de hora as forzas igualáronse, mesmo o Betis gozou de bastante posesión nalgún momento. Só o conxunto verdibranco dispoñía de ocasións, tiros lonxanos sen ningún perigo para Javi Varas. Á media hora de choque, Salva Sevilla pediu un penalti de Cabral que non existiu. A máis clara do primeiro acto foi un disparo de Iago Aspas con perna dereita que se marchou desviado tras un pase de Krohn-Delhi.

As emocións chegarían tralo descanso. Toni entrou por un desaparecido Park e Bellvís por un mancado Roberto Lago no lateral esquerdo. O Celta saíu máis ambicioso, disposto a presionar arriba e a crear perigo na área rival. Apareceron a intensidade e o ritmo. Non obstante, pese ó dominio celeste, as ocasións seguían sendo verdibrancas. Rubén Castro, Salva Sevilla, Beñat de falta e de novo Salva Sevilla puxeron a proba a Javi Varas en disparos sen demasiado perigo.

Entre tanto, Jorge Molina substituía ó amoestado Juan Carlos no ataque bético e  diluíase o dominio céltico. Non obstante, pouco despois o Celta gozou dos seus mellores minutos. Un remate de Iago Aspas ó lateral da rede, a máis clara dos locais, e pouco despois, outra na que Bermejo non atinou a rematar, así o testemuñaban. O Betis respondía cun remate de cabeza de Jorge Molina detido por Varas.

Para culminar o despropósito, Mario Bermejo, angulado pero sen porteiro, desperdiciou a última ocasión celeste contra o pau no minuto 92. Fallou o tiro

Chegaba o tramo decisivo do partido e as táboas seguían no marcador. Un gol sería determinante. O público de Balaídos, case 16.000 persoas nunha noite de luns, alentaba ós seus na busca do gol do triunfo. Non obstante, nunha incursión pola esquerda, Nacho brindou un balón de costas a Jorge Molina, que, nunha gran manobra de dianteiro centro, controlou, xirouse e marcou de tiro cruzado. Faltaban dez minutos e a balanza inclinábase para o lado bético.

Pero o Celta non se rendeu. Primeiro, a falta de seis minutos para o 90, Augusto rematou arriba incomprensiblemente un balón franco tras un córner. Herrera retirouno de inmediato por De Lucas e o arxentino foise golpeando ó banquiño. O central Túñez foise cara arriba e gozou dun remate de cabeza que sacou Adrián cunha grande man abaixo no minuto 89. Para culminar o despropósito, Mario Bermejo, angulado pero sen porteiro, desperdiciou a última ocasión celeste contra o pau no minuto 92. Fallou o tiro.

O Celta pechará o ano no Vicente Calderón ante o Atlético de Madrid o vindeiro venres ás dez da noite. Se non quere verse en problemas, debe volver sumar na liga canto antes para afastarse da zona perigosa

Como dixo tras o partido o adestrador do Betis, Pepe Mel, o máis xusto sería o empate, pero o partido desequilibrouse ó final para o Betis. Varios xogadores queixáronse do céspede de Balaídos, que puido acusar as últimas chuvias caídas sobre Vigo. Tamén o cansazo tralo partido contra o Real Madrid puido supoñer un hándicap para o conxunto vigués. O Celta pechará o ano no Vicente Calderón ante o Atlético de Madrid o vindeiro venres ás dez da noite. Se non quere verse en problemas, debe volver sumar na liga canto antes para afastarse da zona perigosa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.