Piden un carril bici Vigo-A Guarda "en condicións" coincidindo coa presentación de La Vuelta

Crítica ao estado do carril-bici entre Vigo e A Guarda © afectadosporelcarrilbicivigoaguarda.blogspot.com

A edición 2013 da Vuelta a España presentouse esta fin de semana en Vigo. Terá un ano máis un percorrido montañoso e con finais de etapa que buscarán a sorpresa. Ademais, ao igual que o pasado ano, Galicia terá un gran protagonismo nela, ao abeiro dun importante apoio institucional da Deputación de Pontevedra. A rolda comezará en Vilanova de Arousa cunha contrarreloxo por equipos e continuará con catro etapas máis con final no Monte Da Groba, Mirador de Lobeira e en Fisterra, na que a organización denominou etapa da fin do mundo, que antes subirá ao Mirador do Ézaro. A etapa Sober-Lago de Sanabria despedirá o paso da Vuelta por Galicia.

A presentación da rolda, que tivo lugar este sábado no Teatro García Barbón, foi escenario tamén das reivindicacións dos cicloturistas de Vigo e do Baixo Miño

Pero a presentación da rolda, que tivo lugar este sábado no Teatro García Barbón, foi escenario tamén das reivindicacións dos cicloturistas de Vigo e do Baixo Miño. Varios grupos levan meses protestando contra o deseño e o actual estado do carril-bici que une Vigo e A Guarda e que, segundo denuncian, presenta numerosos problemas. En primeiro lugar, que é estreito, cunha anchura tan limitada que nalgúns treitos fai imposible o paso dunha bicicleta. O manual para o carril bici da DGT afirma que "o ancho recomendable nos carris-bici estará comprendido entre 2,5 e 3 metros". Tamén se denuncia o seu abandono, polo que é frecuente que nalgúns lugares estea cuberto por vexetación ou por terra caida dende os muros próximos. Outros dos obstáculos que os ciclistas atopan frecuentemente no seu camiño son os coches, que decote empregan o carril-bici para aparcar.

Outros dos perigos están nos bordillos de cemento que nel se colocaron e tamén nas gomas que serven para separar este carril da calzada: uns e outros elementos provocan caídas constantes, o mesmo que a pintura deslizante que se empregou para marcar os pasos de peón. E, en xeral, denúnciase un desleixo na conservación do firme, co asfalto desgastado, con baches e pedras. Os ciclistas lembran que nos últimos meses foron moitos os accidentes que se rexistraron neste treito e que algún deles mesmo se saldou con feridos de gravidade. Tamén salientan que esta situación non só prexudica os ciclistas e que os peóns tamén se ven afectados, cun incremento da perigosidade para eles.

Os cicloturistas continuarán reclamando nos vindeiros meses unha mellora nesta vía e a construción de máis carrís-bici, e máis a medida que se achegue a disputa das etapas galegas da Vuelta a España. Queren facer fincapé no paradoxo de que as administracións públicas apoien con tanto entusiasmo a celebración de probas ciclistas cun importante impacto publicitario, e que ao tempo descoiden a base do cicliturismo ou a propia seguridade dos ciclistas nas estradas da provincia de Pontevedra. 

 

Etapas en Galicia 

24 de agosto. Vilanova de Arousa-Sanxenxo 27,0 Km (CRE)
25 de agosto. Pontevedra-Baiona Monte da Groba 176,8 Km 
26 de agosto. Vigo- Mirador de Lobeira 172,5 Km
27 de agosto. Lalín- Fisterra 186,4 Km
28 de agosto. Sober- Lago de Sanabria 168,4 Km 

Crítica ao estado do carril-bici entre Vigo e A Guarda © afectadosporelcarrilbicivigoaguarda.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.