Táboas, unha web en galego para o deporte galego

Partido entre o Deportivo da Coruña e o Celta de Vigo © D. Sport

"Táboas, onde o deporte galego atopa o equilibrio". Así se define este novo portal galego de información deportiva que vén de estrearse na Rede. Dous xornalistas moi novos, Manuel Varela e Álvaro Abuín, deron vida a un proxecto con pouco máis dunha semana de vida e a ilusión de converterse en referente das novas sobre fútbol, fútbol sala, baloncesto, balonmán.... Ou o que lle boten.

Táboas informa sobre o deporte galego e en lingua galega, ocupando un nicho que estaba baleiro

"Vimos que as cousas non estaban como para atopar traballo e pensamos nun proxecto para o futuro que nos gustase e que nos puidese dar para subsistir", aclara Varela, que explica que se centraron no deporte galego, porque foi nese ámbito onde viron "un nicho sen cubrir". "Hai páxinas deportivas, pero que se centran case exclusivamente no fútbol, e outras que tratan máis disciplinas pero que non están no noso idioma", explica un dos creadores dunha web na que xa escriben cinco xornalistas.

Saben que será difícil conseguir ingresos polo momento, pero xa están na busca de posibles anunciantes ou pequenas subvencións. Será despois do primeiro mes de vida, tras o que analizarán "que é o que máis lle gusta aos lectores". Logo desta primeira semana, Manuel Varela recoñécese "satisfeito" do número de visitas e agradecido polas boas críticas recibidas.

"Queremos fuxir do xornalismo de trincheiras e de temas que nada teñan que ver co deporte"

O seu obxectivo, e tamén se cadra a razón deste pequeno éxito nos inicios, é "fuxir das trincheiras e do xornalismo de equipo". "Unha das primeiras cousas que nos preguntaban cando comezou a páxina era se eramos do Deportivo ou do Celta e é iso precisamente do que queremos escapar, queremos dar unha visión global e galega", conta Varela, que aclara tamén que o propósito é "falar de deporte e do que ten que ver con el", pero escapando "de temas que nada teñen que ver con iso". "Non imos falar do fillo de Piqué ou de Shakira", exemplifica.

"Queremos demostrar que os deportistas pensan, teñen a súa ideoloxía e as súas inquedanzas, tamén políticas"

Os seus referentes son outras iniciativas exitosas a nivel estatal, como as revistas culturais Panenka ou Líbero, que partindo do fútbol tratan temas que van moito máis aló dunha pelotiña e unha portería. "Queremos demostrar que os deportistas pensan, teñen a súa ideoloxía e as súas inquedanzas, tamén políticas en moitos casos", explica Varela, que pon como exemplo a entrevista na que Verónica Boquete explica a súa relación coa extinta selección galega.

Polo de agora, en Táboas pódese ler sobre o Deportivo, o Celta, o Lugo e demais equipos de fútbol ata Segunda B e Terceira, pero tamén do Liceo de hóquei, do Obradoiro ou do Breogán, do Guardés e do Porriño feminino de balonmán, do Azkar ou do Santiago Futsal... E de moito máis. Deporte galego, en galego e para Galicia.

Taboas.org, o novo portal galego de información deportiva Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.