Tour de Francia: Benvidos ao inferno

Contador, Nibali, Froome e Quintana Dominio Público Praza Pública

A vindeira fin de semana comeza a edición da rolda gala máis dura (ata nove etapas de montaña) e máis igualada dos últimos tempos, con Nibali, Froome, Contador e Quintana como máximos favoritos. O blog Elos e Canelas analiza as súas opcións e o percorrido.

O vindeiro sábado comezará unha nova edición do Tour de Francia. Este ano as expectativas están moi altas: dende o comezo da tempada vense anticipando un duelo nas alturas entre Nibali (Astana), Froome (Sky), Contador (Tinkoff-Saxo) e Quintana (Movistar). No Tour, ademais, con máis etapas de alta montaña e menos quilómetros contrarreloxo da historia. Esperemos que estas previsións non se vexan defraudadas (coma o ano pasado, cando as caídas de Froome e Contador deixaron o triunfo expedito a Nibali) e si poidamos ver unha verdadeira loita polo primeiro posto, despois de tres edicións de vitorias doadas. Será este un Tour para a historia, a carreira que devolverá a este deporte o foco público do que gozaba?

Dende o comezo da tempada vense anticipando un duelo nas alturas entre Nibali (Astana), Froome (Sky), Contador (Tinkoff-Saxo) e Quintana (Movistar)

Abofé que estes catro fenomenais corredores, excelente escaladores, poden ofrecer un grande espectáculo, un fascinante corpo a corpo. Nibali, Froome e Quintana prepararon a conciencia a rolda gala, con escaso desgaste ao longo da tempada e poden chegar a xullo (sobre todo á terceira semana da carreira) no momento idóneo de forma. Contador correu (e gañou) o Giro e haberá que ver como lle afecta isto ás súas pernas.

Nairo Quintana é o mellor escalador dos catro, e nun Tour con só 14 quilómetros de crono individual e nove etapas de montaña, isto quere dicir moito

Sobre o papel podemos falar dunha certa igualdade entre os catro, cada un ten as súas fortalezas e as súas debilidades. Nairo Quintana é o mellor escalador dos catro, e nun Tour con só 14 quilómetros de crono individual e nove etapas de montaña, isto quere dicir moito. Ao seu favor xoga isto (que pode ser determinante), ademais do seu carácter gañador e o seu enorme oficio como ciclista a pesar de ter apenas 25 anos. Na súa contra estará unha posible debilidade do Movistar fronte a Sky, Astana e Tinkoff, con equipos máis potentes, sobre todo na montaña. Tamén poderiamos falar da súa inferioridade nos descensos, que pode ser determinante en varias etapas (Pra Loup, Cauterets e Saint Jean de Maurienne). Ou do carácter explosivo de  tres das etapas alpinas (con 161, 138 e 110 quilómetros). Ou do risco que para o colombiano pode supor a primeira semana de competición, coa crono individual de Utrecht, a etapa de pavé en Cambrai, dúas xornadas con vento e posibilidades de abanicos e mesmo dúas chegadas para up-hill finishers e escaladores explosivos. Na complicada crono por equipos, no entanto, Movistar podería realizar un bo papel, como vén facendo nos últimos tempos. Digamos que se Quintana consegue chegar aos Pireneos sen excesivo tempo perdido cos seus rivais, pode comezar a ser considerado o home a bater, chegando a ser, quizais, o primeiro colombiano que gañe o Tour de Francia.

A experiencia, intelixencia e valentía en carreira, unida á súa calidade nos descensos e a un equipo (agora si) de garantías incrementan as opcións dun Contador que chega con máis quilómetros nas pernas que os seus rivais

Alberto Contador é igualmente un enorme escalador, se cadra un chanzo ou dous por detrás de Quintana. Porén, o madrileño engade outras virtudes: a súa experiencia, a súa intelixencia e valentía en carreira (que poden ser moi importantes nun Tour con moitos lugares nos que arriscar ou realizar emboscadas), a súa calidade nos descensos e, ademais, un equipo (agora si) de garantías (moi distinto ao do Giro, que o deixou só en todas as etapas de montaña). Na súa contra podemos citar o cansazo acumulado en Italia, onde xa deixou ver as súas debilidades nalgúns momentos.

Froome pode sacar partido da súa forma de correr calculadora e fría, nunha competición na que o desgaste vai ser moi forte, sobre todo na última semana

Chris Froome parece chegar a este Tour nunha mellor forma que o pasado ano. Arroupado polo equipo posiblemente máis forte (aínda que en moitas ocasións non consegue demostralo en carreira), o gañador do Tour 2013 pode sacar partido da súa forma de correr calculadora e fría, nunha competición na que o desgaste vai ser moi forte, sobre todo na última semana.

Nibali quere demostrar que o seu esmagador triunfo do ano pasado se debeu máis ás súas virtudes que aos abandonos dos seus rivais

Vincenzo Nibali, o actual gañador, quere demostrar que o seu esmagador triunfo do ano pasado se debeu máis ás súas virtudes que aos abandonos dos seus rivais. Tamén preparou con moito detemento a competición, comezando pola etapa de pavé que -coma o pasado ano- pode marcar diferenzas. Ao igual que Contador, Nibali pode gañar tempo nos descensos e tamén se presenta na carreira cun equipo de primeiro nivel.

Porén, sería inxusto falar só destes catro homes. Hai toda unha xeración de ciclistas novos que están emerxendo e que poden aspirar a gañar a rolda gala, ben este ano, ben nas edicións dos vindeiros anos: dende as grandes esperanzas do ciclismo francés (sobre todo Pinot, e canda a el Bardet ou Barguil) a Kwiatkowski, Kelderman ou Yates. E sen esquecer a outros, menos novos, pero cun enorme oficio: dende Purito Rodríguez (nun percorrido que se axusta perfectamente ás súas virtudes), Tejay Van Garderen (que botará de menos máis contrarreloxo), Rigoberto Urán (que non brillou no Giro e busca resarcirse), Laurens Ten Dam, Ryder Hesjedal, Rui Costa ou Bauke Mollema. E mais o papel que poidan xogar gregarios de luxo coma Valverde, Konig, Porte, Kreuziger ou Majka. A estrada, a partir do 4 de xullo, irá engadindo e retirando nomes.

image

 

Moita montaña, pouca contrarreloxo

Este Tour de Francia é singular por dúas cousas: a primeira, por presentar tan só 14 quilómetros de contrarreloxo individual, situada ademais na primeira xornada; e, segundo, por contar con ata nove etapas de montaña, sete delas indubidablemente de de alta montaña (Plataforma Recorridos Ciclistas comparou neste post as ascensións deste ano en Giro, Tour e Vuelta). Nunca a carreira galega se presentara tan desequilibrada, botando en certa maneira por terra aquela máxima de que para gañar o Tour había que ser ser un corredor completo. 

En todo caso, o que dende logo haberá neste Tour deseñado con moito esmero (e bastante maldade) será espectáculo, tanto nas etapas pirenaicas e alpinas, coma noutras xornadas que poden deparar sorpresas. A única dúbida, en todo caso, é se esta excesiva dureza, sobre todo por estar moi concentrada, pode acabar resultando contraproducente, retraendo a loita entre uns favoritos temerosos de perder folgos ou pensando na (aínda máis dura) etapa do día seguinte. 

image

 

Pero aínda que a montaña se reserva para a segunda metade da competición, a primeira semana vai ter emoción abonda e lugares nos que os favoritos poden marcar diferenzas e mesmo perder todas as súas opcións. Por suposto, na mente de todos está a 4ª xornada, con chegada a Cambrai e os seus 6 treitos de pavé nos últimos 50 kms; un total de 13,3 kms nesta superficie, os mesmo que os da recordada etapa de Arenberg, o pasado ano. 

Pero haberá máis: posibilidade de vento e abanicos na 2ª (Zelande) e 6ª etapas (Le Havre). E o Muro de Huy na 3ª etapa, no mesmo escenario no que conclúe a Frecha Valona, con 1,3 km ao 9,4% de media, chegando nalgúns lugares aos 20%. Os up-hill finishers terán outra opción na 8ª etapa (Mûr de Bretagne). 

Esta tolemia de inicio de Tour rematará na 9ª etapa cunha crono por equipo de 28 kms e bastante dura, mesmo cunha chegada en ascenso (dous kms ao 6%). Haberá que ver cantos equipos chegan completos a esta cita colectiva, que habitualmente se programa para os primeiros días de carreira, nunca tan tarde.

image

 

Na 10ª etapa, trala primeira xornada de descanso, chegarán os Pireneos, co primeiro de tres días de montaña. A de Pierre Saint Martin será a menos dura de todas as etapas pirenaicas e alpinas, pero haberá que ver como responden as pernas dos ciclistas aos 15 km de ascensión ao 7,4% neste primeiro contacto coas costas.

image

 

Máis complicada será a etapa do día seguinte, coa dureza do Tourmalet (8,5% de pendente nos seus últimos 13 kms). Está lonxe da meta, pero non tanto coma outros anos. Un longo e técnico descenso deixará os ciclistas ao pé a última ascensión do día, moi tendida (10 kms ao 4,3%), pero que pode facer dano se a carreira chega partida (como sucede coa combinación Mortirolo-Aprica). Haberá que ver, igualmente, se os corredores gardan forzas ou non para a máis dura das xornadas dos Pireneos, que chega un día despois.

Esa 12ª etapa, con final en Plateau de Beille. Os seus 16 km ao 7,8% chegarán despois de tres duros portos (Aspet, La Core e Lers).

image

 

Non haberá descanso entre os Pireneos e os Alpes. Nestas catro etapas hai dúas (Rodez e Valence) algo máis cómodas. Pero dende logo non o será a que conclúe en Mende, no Macizo Central, con 40 quilómetros finais de enorme dureza, cos portos de Sauveterre e Mende (con rampas do 14%). Tamén a etapa con final en Gap, xusto antes da segunda xornada de descanso, pode animar a carreira, co Col de Manse a só 12 kms da meta e o seu perigoso descenso (aquel no que caeu Beloki).

image

 

E chegan os Alpes, con catro xornadas consecutivas de alta montaña, de mércores a sábado. Na etapa de Pra Loup os corredores terán que superar o Col d’Allos (13 kms ao 6%), e un complicado e rápido descenso (no que este ano, na Dauphiné, Bardet arriscou e gañou) para afrontar a última ascensión, curta pero dura.

A etapa de Saint Jean de Maurienne non finaliza en alto pero pode ser unha das máis fermosas de todo o Tour. Inclúe o Glandon e os seus 22 kms de ascensión e un perigoso descenso, para subir, a dez quilómetros da meta, un porto de 3ª(que ben podía ser de 2ª) e que é, posiblemente, o máis esteticamente belo desta edición: Les Lacets de Montvernier, con 17 curvas de ferradura en só 4 kms de ascensión e unha pendente media do 8%. Un terreo perfecto para unha emboscada.

image

 

A etapa de La Toussuire, con 138 quilómetros, a súa dureza e explosividade (o Col du Chaussy súbese dende o mesmo inicio) pode comezar a decidir o Tour. Croix de Fer (23,6 kms ao 6,8%) e Mollard precederán unha últma ascensión, que sen ser tan esixente coma outras si é moi longa (19 kms ao 6%). Pode que nesta xornada o desgaste acumulado comece a pasar factura.

image

 

E chegamos á derradeira etapa alpina, o sábado, con só 110 quilómetros, e na que Alpe d´Huez (14 kms ao 9% e 21 curvas de ferradura) ditará sentenza. Aínda que a substitución (decidida esta semana) do Galibier por La Croix de Fer lle resta algo de esixencia á parte inicial, o cansazo de catro xornadas consecutivas de alta montaña serán suficientes para romper a carreira. Corredores, benvidos ao inferno.

image

Contador, Nibali, Froome e Quintana Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.