Un Celta digno cae 3-1 ante o Barcelona

Dominio Público Praza Pública

O Celta perdeu este sábado por tres goles a un no Camp Nou, un encontro no que por momentos puxo en apuros ó Barcelona. Bermejo volveu marcar para o Celta, mentres que Adriano, David Villa e Jordi Alba en claro fóra de xogo, anotaron os goles blaugranas. Tres dos catro tantos chegaron en seis minutos frenéticos mediada a primeira metade.

Boa parte do ocorrido no partido, sobre todo na primeira metade, explícase desde o caderno dos adestradores

Boa parte do ocorrido no partido, sobre todo na primeira metade, explícase desde o caderno dos adestradores. Ante as baixas en defensa do sancionado Cabral e do mancado Samuel, Jonathan Vila, expulsado o mércores en Almería, actuou no centro da zaga celeste. Paco Herrera apostou por un 4-3-2-1, con Iago Aspas na punta, Bermejo e Álex López por detrás e as bandas, Augusto e Krohn-Delhi, axudando na contención a Borja Oubiña. Deste xeito, defendía tapando espazos polo centro e concedéndollos ó Barcelona polas bandas.

Polos costados chegaron os tres goles do Barcelona, dous deles marcados precisamente polos laterais titulares. Pero esta aposta tan ofensiva implicaba moito risco

Pola súa parte, Tito Vilanova, no seu reencontro cun dos seus ex equipos como xogador, sacou un once moi ofensivo con tres centrais, dos que dous son laterais, e con Xavi, Iniesta e Cesc xuntos no centro do campo. Non obstante, como o Celta só lle concedía espazos por fóra, co partido iniciado atrasou a Busquets e recuperou a defensa de catro para que os laterais puideran subir. Polos costados chegaron os tres goles do Barcelona, dous deles marcados precisamente polos laterais titulares. Pero esta aposta tan ofensiva implicaba moito risco.

O Celta, que saíu cunha actitude claramente defensiva e contragolpeadora, esperaba ó Barcelona, dono absoluto do balón, para responder ás súas chegadas con perigosos contraataques, permitidos pola fórmula de Vilanova. Así, o Celta gozou de varias contras perigosas que chegaban despois de ocasións claras do Barcelona, que tiña encerrado ó Celta na súa área. A máis clara foi un man a man que Valdés detivo a Iago Aspas.

Era un intercambio de golpes, pero o Barcelona asestaba máis que o Celta

Era un intercambio de golpes, pero o Barcelona asestaba máis que o Celta. Nunha desas, no minuto 20 de partido, Adriano, lateral dereito, rematou un centro de Pedro ó fondo da rede. Un a cero. Posición axustada pero legal do canario. Tres minutos máis tarde, noutra contra, Bermejo aproveitou un rexeitamento de Valdés tras un disparo de Álex López para meter a puntiña e igualar a contenda. Pero non fora todo. Dous minutos despois, gran xogada entre Iniesta e Villa pola esquerda que conclúe con gol do asturiano. 2-1 e o gozo do Celta nun pozo. Pouco lles durou a alegría do gol.

A partir de entón, baixou o ritmo do partido e o Celta medrou mediante posesións máis longas. Pouco a pouco, cambiou a súa actitude inicial. Antes do descanso, o máis salientable foi un disparo de Álex López que tocou nun defensa e foise a córner e un man a man no que Messi non chegou a disparar. Ademais, Adriano retirouse mancado e substituíno Alves.

Messi estivo menos atinado que de costume e non puido dedicarlle un gol ó seu fillo Thiago, nado o venres

Javi Varas, porteiro do Celta e protagonista durante a semana pola súa grande actuación do ano pasado co Sevilla, na que detivo un penalti a Messi nos últimos instantes, permitiuse o luxo de regatear a Messi. Desde logo, se hai un duelo particular, o gardameta vai por diante, máis aínda se consideramos o partido gris do arxentino. Messi estivo menos atinado que de costume e non puido dedicarlle un gol ó seu fillo Thiago, nado o venres.

A segunda metade tivo menos historia. No descanso Tito Vilanova meteu a Bartra por Cesc para equilibrar ó equipo, devolver a Busquets ó centro do campo e non sufrir tanto atrás. Tras outra ocasión clara de Iago Aspas no primeiro minuto, conseguiuno. O Celta tiña máis posesión ca antes, pero apenas chegaba á área rival. Así transcorreu o choque ata que chegou a xogada polémica. Taconazo de Villa a Jordi Alba, en posición adiantada, e gol do catalán. Fóra de xogo claro do lateral que o xuíz de liña non viu. Agravio para o Celta, coma o penalti do Bernabeu.

O Celta mantense na parte media baixa da táboa con dez puntos. Pero a travesía polo tramo difícil do calendario rematou

Perdendo 3-1, o Celta foise arriba e o partido abriuse. Foi un ida e volta. O Barcelona chegaba, o Celta tamén chegaba. Non se rendeu, acabou en campo rival, pero o marcador non se moveu do 3-1. Tralo 2-1 do minuto 25 do primeiro tempo foi un equipo atrevido e valente. Por iso pode estar coa cabeza alta. Foi unha derrota digna nun campo dificilísimo. O Celta mantense na parte media baixa da táboa con dez puntos. Pero a travesía polo tramo difícil do calendario rematou. Unha das mellores novas para os de Paco Herrera.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.