Un Celta gris logra a súa primeira vitoria a domicilio

O Celta acadou a súa primeira vitoria a domicilio © Liga BBVA

O Celta conseguiu por fin os seus primeiros puntos a domicilio. Foi no partido do luns da xornada 13 ante o Zaragoza. Un Zaragoza que dominou boa parte do partido ante un Celta repregado atrás sen nin sequera acerto para saír á contra. Pero un gol de Iago Aspas a oito minutos do final deulle ós de Paco Herrera un triunfo tranquilizador tras cinco xornadas sen gañar que o afasta da zona de descenso. Un troco ambicioso do adestrador do Zaragoza cando asediaban ós vigueses permitiu ó Celta facerse dono do centro do campo e ser superior nos últimos minutos.

O Celta tivo a primeira ocasión no primeiro minuto nun disparo de Mario Bermejo que detivo Roberto. Non obstante, tras uns primeiros minutos de dominio alterno, o Zaragoza fíxose co mando do partido e meteu ós vigueses na área. O colexiado Delgado Ferreiro anulou correctamente un gol a Postiga por fóra de xogo ós 9 minutos de choque. O Zaragoza chegaba a frontal da área celeste sen dificultades, mentres ó Celta custáballe un mundo superar a presión rival e achegarse a área contraria. Fíxoo cun centro de Krohn-Delhi que Apoño lle sacou da cabeza a Mario Bermejo e con algún achegamento de Iago Aspas sen demasiado perigo.

O Zaragoza mandaba, pero non creaba ocasións demasiado perigosas para a meta céltica. A partir da media hora o encontro quentouse por unha dura entrada de Sapunaru a Bermejo, que lle custou o cartón marelo, unha entrada mutua entre Álex López e Postiga e unha clara falta de Cabral, coa man sobre a faciana do rival, que foi castigada con cartón marelo, pero puido ser vermello. Dúas veces foi expulsado Cabral nas últimas xornadas e, pese a ver o cartón, Paco Herrera non o retirou no descanso como si fixo a semana pasada con Iago Aspas.

O dominio zaragocista incrementouse no comezo do segundo acto. No primeiro minuto, o Zaragoza dispuxo dunha dobre ocasión, a máis clara do choque ata o momento: un disparo de Víctor Rodríguez que sacou Varas primeiro e un remate de cabeza de Postiga que detivo despois o meta sevillano. Por ese entón o Zaragoza asediaba a área celeste. Víctor Rodríguez disparou fóra, aínda que Augusto Fernández tamén lanzou desviado un balón rexeitado por Roberto nunha falta.

Contrariamente a outras moitas veces, o Celta estaba por diante sen merecelo

Non obstante, todo cambiou a partir do minuto 60. Para buscar a vitoria, Manolo Jiménez, técnico zaragocista, meteu a Aranda, dianteiro, polo mediapunta Edu Oriol. O Celta, que ata entón non atopaba os pases para saír á contra ante a boa presión rival, comezou a gozar de posesións máis longas. Krohn-Delhi destapouse como asistente víndose cara ó centro e as ocasións comezaron a chegar.

Iago Aspas, de novo o mellor do Celta, tivo unha clarísima coa zurda que sacou unha gran man de Roberto. Bermejo e Álex López gozaron de senllos remates de cabeza ata que, no minuto 82, Krohn-Delhi serviu un balón de ouro a Roberto Lago e o lateral centrou para que Iago Aspas marcase o gol do triunfo. Contrariamente a outras moitas veces, o Celta estaba por diante sen merecelo. Paco Herrera, que non efectuara trocos ata ese intre, meteu a Park por Álex López, nun cambio estraño co marcador a favor.

Empurrou o Zaragoza nos últimos minutos e puido marcar nun tiro de Aranda que sacou noutra boa intervención Javi Varas e nun remate de cabeza de cabeza do central Loovens. Paco Herrera tivo a Bustos varios minutos preparado antes de saír no minuto 91 para perder tempo e certificar o primeiro triunfo a domicilio deste Celta. Un triunfo moi tranquilizador tras cinco partidos sen gañar e que afasta os celestes da zona perigosa. Despois de 13 xornadas, os vigueses son décimo quintos na táboa a catro puntos do descenso. O próximo reto será levantar o 2-0 da Copa ante o Almería.

O Celta acadou a súa primeira vitoria a domicilio © Liga BBVA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.