Un Celta inofensivo cae no Bernabéu

Higuaín intenta disparar ante Mallo © RealMadrid

Paco Herrera xa avisara antes do partido: O Celta faría o que o R. Madrid lle deixara facer. O R. Madrid deixoulle facer ben pouco en ataque, o Celta apenas inquedou a área rival. Só tres disparos a porta en 90 minutos, dous deles cando o partido agonizaba. O R. Madrid encarrilou o choque cunha vaselina de Higuaín desde a esquerda que superou por arriba a Sergio, titular pola gastroenterite de Javi Varas. Cristiano Ronaldo sentenciou a contenda ó transformar un penalti inexistente de Cabral a Ozil.

Herrera advertiuno: O Celta faría o que o Madrid lle deixara facer e o Madrid deixoulle facer ben pouco

Optou a adestrador do Celta por blindar o centro do campo coa presenza de Bustos en detrimento dun home de ataque. Pola súa banda, Mourinho, ante as baixas en defensa, ubicou a Essien no lateral esquerdo, a Sergio Ramos no dereito e a Varane de central xunto a Pepe. Ademais, xuntou a Xabi Alonso, Modric, Kaká e Ozil no centro do campo.

O R. Madrid comezou mandando no xogo, aglutinando toda a posesión e xogando no campo contrario. O balón non lle duraba os xogadores célticos, incapaces de pasar do centro do campo. Ós tres minutos Kaká dispuxo da primeira ocasión, un disparo alto. Sergio Ramos rematou fora de cabeza pouco despois. Nunha acción sen perigo aparente desde a esquerda, Higuaín puxo o primeiro gol ós dez minutos. Un centro chut coa zurda superou por arriba a Sergio e se colou pola escadra do pau longo. Nunca saberemos se era iso o que pretendía facer.

O conxunto branco seguía dominando a pracer, pero non creaba demasiado perigo sobre a meta céltica. Aínda así, Ramos e, sobre todo, Cristiano Ronado gozaron de sendas ocasións. O Celta, que ata entón apenas vira o coiro, conseguiu polo menos achegarse á área rival. Un remate de cabeza de Cabral e un disparo lonxano de Iago Aspas que sacou Casillas foron o máis perigoso do Celta en toda a primeira metade.

Co paso dos minutos, o Celta foi acaparando máis posesión. Krohn-Delhi víñase ó centro para asociarse e Augusto Fernández ofrecía desmarques pola dereita. Entre tanto, Cristiano Ronaldo disparou ó lateral da rede primeiro e despois pediu un penalti por man na área de Roberto Lago, unha man inexistente.

O Celta seguiu acaparando o balón no inicio da segunda metade, pero seguía sen chegar á meta rival. Paco Herrera foi valente e introduciu a un dianteiro, Mario Bermejo, por un mediocentro como Bustos. Pouco despois, o adestrador catalán meteu a surcoreano Park por Iago Aspas, o máis activo en ataque, nun troco moi discutible. O Real Madrid seguía cómodo a pesares de non ter o balón. Sergio Ramos, Cristiano Ronaldo por dúas veces e Varane puideron facer o segundo. No minuto 65 de partido, o colexiado Clos Gómez sinalou penalti nunha caída de Ozil con Cabral. O arxentino apenas toca ó alemán e, desde logo, non é o causante da súa caída. Cristiano Ronaldo puxo o segundo e sentenciou a contenda.

A partir do gol de Ronaldo, o Celta deixou de crer, malia mellorar nos últimos minutos

A partir do gol, o Celta deixou de crer. O R. Madrid coleccionaba chegadas mentres os trocos de Herrera non surtían efecto. O último foi introducir a De Lucas por Augusto na banda dereita. O equipo mellorou nos últimos minutos, pero os brancos puideron facer máis goles. Precisamente De Lucas disparou por segunda vez a porta no minuto 82. Casillas sacouna, como tamén sacou máis tarde un cabezazo de Park, inédito ata ese intre, tras un bo centro de Hugo Mallo. O colexiado anulou correctamente no desconto un gol de Benzema por fora de xogo. Ó final fixéronse notar os seguidores célticos nas gradas do Bernabéu facendo soar a Rianxeira.

A expedición celeste voltará a Vigo cun sabor amargo, sabedores de que non fixeron todo o que poderían facer, pero sen ter que lamentar unha derrota contundente e coa incógnita do que pasaría se o colexiado non sinala o penalti do segundo gol merengue. Segue sen puntuar fóra de casa e permanece con nove puntos á espera dos demais partidos da xornada. O tramo complicado do calendario pasa factura. Próxima parada: derbi contra o Deportivo en Balaídos.

Higuaín intenta disparar ante Mallo © RealMadrid

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.