Un Celta moi superior cae ante o Granada

Augusto intenta rematar entre varios xogadores do Granada © Granadacf

Non foi dabondo. Os erros defensivos do Celta no primeiro cuarto de hora do partido condenaron os vigueses a unha derrota inmerecida por xogo e ocasións. O equipo celeste tirou moito máis a gol que o Granada e xogou máis e mellor que o seu rival, pero a sorte non estivo do seu lado.

Os erros defensivos do primeiro cuarto de hora condenaron o Celta

"Erramos nas dúas áreas", resumiu o adestrador celeste, Paco Herrera, consciente de que as eivas defensivas puxeran moi costa arriba o encontro para o conxunto galego, por moito que Iago Aspas botara o equipo ás costas para intentar remontar un marcador que xa estaba demasiado complicado. O tanto do moañés -que respondeu botando a man á orella aos asubíos da bancada local- non foi suficiente. Tanto el como parte dos seus compañeiros errar ocasións de todas as cores e non puideron conseguir un empate que, como mínimo, mereceron os vigueses.

Todo se complicara no minuto 11. Un penalti algo inxenuo de Bellvís sobre Torje doulle ao Granada o primeiro gol, anotado por Siqueira. Tan só seis minutos despois, outra boa xogada do lateral esquerdo facilitou o segundo dos andaluces, obra do outro protagonista da xogada da pena máxima.

O porteiro do Granada, Toño, parou todo e de todas as maneiras posibles

O resto, un monólogo do equipo celtiña que acabou co Granada metido na súa área e achicando como podía os centros e xogadas coas que Paco Herrera teimaron unha e outra vez. Toño, porteiro local, foi o protagonista. Ao igual que fixera no Camp Nou hai unha semana, o gardameta parou todo e de todas as maneiras. Foi un muro demasiado alto para o Celta, que volve cunhas excelentes sensacións, pero co peto baleiro.

Augusto intenta rematar entre varios xogadores do Granada © Granadacf

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.