Un Coruxo ambicioso logra un empate ante o líder Tenerife

O Vao Dominio Público Praza Pública

O Coruxo salvou un punto este domingo na visita do líder do grupo I de segunda división B, o Tenerife, ó campo do Vao. Aridane, pichichi do grupo, adiantou ó conxunto canario no minuto 32, nun rexeite que os xogadores locais reclamaron como man. O Coruxo, grazas ó seu grande empuxe no segundo acto, empatou cun remate de cabeza do capitán Antúnez. O equipo de Antonio Gómez puido gañar se Iosu Villar aproveita unha das dúas ocasións seguidas que tivo a sete minutos da conclusión. Tamén puido facelo ó Tenerife se o colexiado non anula outro tanto de Aridane por fóra de xogo. Sergio Aragoneses, porteiro pontevedrés do Tenerife, tivo que intervir decisivamente desbaratando varias ocasións locais. O conxunto canario segue invicto no grupo despois de doce partidos.

Sergio Aragoneses, porteiro pontevedrés do Tenerife, tivo que intervir decisivamente desbaratando varias ocasións locais

O Coruxo prosegue co seu inicio de liga positivo no grupo I de Segunda División B. Máis que polo resultado, polo xogo que amosaron os pupilos de Antonio Gómez ante o líder. O conxunto vigués puido gañar perfectamente na segunda metade, pero volveu pecar de falta de pegada. É o terceiro equipo menos goleador do grupo, pero o Vao segue sendo un fortín (catro vitorias e dous empates) e mantense sexto con 19 puntos. O Tenerife é líder con un máis que o Avilés, segundo.

É o terceiro equipo menos goleador do grupo, pero o Vao segue sendo un fortín (catro vitorias e dous empates) e mantense sexto con 19 puntos

O partido foi entretido no segundo tempo. Menos no primeiro. O Tenerife tiña a pelota, pero non atopaba o xeito de entrar na zaga galega. O Coruxo, que optaba por un xogo máis directo, contou coas mellores ocasións: unha de Samuel, que picou por enriba do longueiro nun man a man, outra de Iosu Villar de cabeza detida por Aragoneses e un disparo de Antúnez.

Non obstante, o Tenerife, que combinaba no centro do campo pero non pisaba a área dos verdes, deu o primeiro golpe pasada a media hora de encontro. Fernando, meta do Coruxo, saca a córner un disparo de Cristo Martín. No saque de esquina, Aridane, o pichichi dos canarios, atópase cun rexeite solto na área pequena e anota para o Tenerife entre o peito e o brazo. O colexiado Román Román decreta o tanto pese ás protestas do porteiro Fernando. Sen apenas achegarse, o Tenerife ía por diante.

O Coruxo tentou ir cara arriba antes do descanso sen resultado, excepto un remate do central Alberto García. A reacción local tardaría ata a segunda metade, cando o Coruxo saíu decidido a buscar o empate. Non obstante, foi o Tenerife quen puido marcar nun disparo de primeiras de Aridane.

Antonio Gómez, técnico local, introduciu no minuto 13 dous trocos que resultarían decisivos. Víctor Besada aportou distribución no centro do campo e chegada arriba. Cano situouse na banda esquerda, a perna cambiada, para virse cara dentro e permitir as subidas do lateral Aitor Pastoriza. Así chegaron as ocasións máis claras do Coruxo, como o gol do empate. Corría o 22 do segundo acto cando o capitán Antúnez rematou de cabeza ó fondo das mallas un bo centro de Aitor Pastoriza. O Coruxo obtiña o premio que xa merecía. O Vao víñase arriba, eran os mellores minutos dos verdes no partido.

Corría o 22 do segundo acto cando o capitán Antúnez rematou de cabeza ó fondo das mallas un bo centro de Aitor Pastoriza. O Coruxo obtiña o premio que xa merecía. O Vao víñase arriba, eran os mellores minutos dos verdes no partido

Álvaro Cervera, adestrador do Tenerife despois de pasar a pasada temporada polo Racing de Santander en primeira, movía o banco na busca de solucións. Yeray e Nico deixaron detalles no ataque canario. O partido xa era un ida e volta. O Tenerife tamén chegaba, e, tras unha boa xogada combinativa, Yeray disparou, Fernando rexeitou e Aridane marcou, pero o liña levantou a bandeira e anulou o tanto.

Non obstante, o Coruxo era o que máis golpeaba. Tres minutos despois Iosu Villar, o xogador que demostrou máis calidade actuando na mediapunta do Coruxo, desaproveitou dúas ocasións clarísimas de forma consecutiva e mesmo guión. Cano íase cara o centro, Aitor Pastoriza entraba pola esquerda, Iosu Villar remataba na área e Sergio Aragoneses sacaba. Aí estiveron as opcións do Coruxo de levarse os tres puntos. Aínda que o seguiu buscando ata o final, non conseguiu romper o empate a un no marcador. Un punto valioso ante o líder que reforza a confianza do equipo.

O Vao Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.