A primeira filmación coñecida dun partido de fútbol proxectada en España foi un derbi galego entre o Deportivo e o Vigo Football-Club. Así o asegura o Centro de Investigacións de Historia e Estatística do Fútbol Español (Cihefe), membro oficial no Estado da International Federation of Football History and Statistics (IFFHS), principal organismo sobre datos históricos do deporte rei e colaborador da propia FIFA.
Un partido entre Deportivo e Vigo en 1911 foi o primeiro filmado e proxectado en España
Foi o investigador Luis Javier Bravo quen descubriu a existencia desta filmación, que consistía nun documental deste partido disputado na Coruña o 24 de xuño de 1911, hai máis de cen anos, e no que "se prestaba especial atención á toilette do público feminino asistente e ao aspecto das localidades". Foi estreada máis dun ano despois (o 2 de xullo de 1912) no Salón París da mesma cidade. "Ao prezo de corenta céntimos a butaca ou quince a xeral", explicábase nas informacións xornalísticas da época.
Tal e como explica Cihefe, non se sabe de ningunha outra filmación anterior dun enfrontamento futbolístico, aínda que se descoñece onde está e a onde foi parar a deste enfrontamento entre Deportivo e Vigo. Nin a Filmoteca Nacional nin o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) saben nada da gravación, aínda que Bravo cre que "é moi posible que se deteriorase co paso dos anos". Si se sabe quen o filmou. Foi Eduardo Villardefrancos, dono do Salón París, que adoitaba coller unha cámara e saír a tomar imaxes dos actos públicos que se realizaban na cidade. Logo, proxectábaos no seu cinema antes dos filmes, tal e como puido comprobar e tal e como fixo con esta fita.
O partido gravouse para logo ser proxectado nun cinema, antes dos filmes
A filmación foi a daquel partido entre o Deportivo e o Vigo, que participaban nun torneo de fútbol benéfico organizado pola Asociación da Prensa da Coruña no que tamén xogaba o tamén vigués Fortuna, que daquela era o campión de Galicia. Foi unha xornada especial, porque nunca antes se organizara de tal xeito un torneo daquel deporte que non había moito que chegara ao país a través dos peiraos. Imprimíranse as bases do campionato, que se entregaban aos asistentes "xunto cun caderno e un lapis para poder tomar nota do que alí acontecía", segundo lembra Cihefe baseándose nas informacións nos xornais da época.
Cihefe asegura que a primeira filmación de temática futbolística, á marxe dun partido, tamén tivo lugar en Galicia
Pero aínda hai máis. Se a primeira filmación proxectada dun partido foi un derbi galego, a Cihefe asegura tamén que a primeira filmación coñecida con temática futbolística -fose un partido ou non- proxectada nun cinema tamén tivo lugar en Galicia. Foi no Pabellón Lino, un edificio modernista situado na Coruña e que foi destruído por un incendio en 1919.
A devandita filmación tivo lugar o 30 de maio de 1911, segundo os xornais da época. Non se coñece moito desta filmación, máis aló de que se levou a cabo, como recoñece o investigador Bravo, que di "poder asegurar" que, no caso de ser feita -como parece- por un cidadán da cidade sería "a máis antiga coñecida con temática futbolística, tanto na súa realización como na súa proxección".