Un gol de Park dálle a segunda vitoria da temporada ó Celta

© Celta de Vigo

O Celta impúxose este sábado ó Xetafe por 2-1 nun partido bonito e emocionante en Balaídos. O surcoreano Park Chu-Young, unha das atraccións do choque, debutou no estadio celeste anotando o tanto do triunfo dos vigueses nada máis saír ó terreo de xogo. Foi, ademais, o primeiro gol dun surcoreano na liga española. Tamén o dinamarqués Krohn-Delhi foi determinante ó dar as dúas asistencias de gol. O adestrador do Celta, Paco Herrera, e Alexis, defensa do Xetafe, foron expulsados no tempo de desconto.

Un continuo ida e volta definiu os primeiros minutos do choque. Mario Bermejo, a principal novidade no once céltico, e Álvaro Vázquez gozaron de sendas oportunidades nos primeiros cinco minutos. A defensa do Xetafe non podía conter a un activo Iago Aspas, que protagonizou a ocasión máis clara da primeira metade cun disparo ó pau tras tocar o meta do Xetafe. O ritmo baixou e o Celta fíxose co control do xogo co paso dos minutos. Así, o conxunto vigués gozou de outras tres ocasións no primeiro tempo, dúas delas desaproveitadas polo incansable Mario Bermejo. As dúas vitorias do Celta na presente temporada coincidiron cos dous encontros do cántabro coma titular. O Xetafe apenas inquedaba a área celeste, pero Javi Varas tivo que sacar un balón perigoso a Álvaro. O Celta foi superior na primeira metade, pero marchaba ó vestiario sen o premio agardado.

As dúas vitorias do Celta na presente temporada coincidiron cos dous encontros de Bermejo coma titular

No segundo tempo, o Xetafe amosou a intención de ir buscar o partido ó campo do Celta. Presionou máis arriba e adiantou as liñas. Subiu o nivel do partido. Pedro León avisou cun disparo afastado que atallou Varas. Cando máis apretaba o Xetafe, Krohn-Delhi levouse un balón en campo propio, zafouse de varios rivais que lle perseguían e puxo unha pelota de ouro para que Augusto Fernández marcara o primeiro da tarde no minuto 12 da reanudación. Pero pouco lles durou a alegría ós máis de 17.000 espectadores que había en Balaídos. Diego Castro avisou cun remate de cabeza primeiro e Barrada marcou despois o gol do empate tras unha grande xogada, cun autopase incluído, do pontevedrés Diego Castro, fillo de Fernando Castro Santos. Foran tres minutos de tolemia en Balaídos a falta de media hora de xogo por diante.

Herrera cumpriu a súa palabra de facer xogar a Park, e o dianteiro respondeu cun gol que saciou a grande expectación xerada durante a semana

Os adestradores tiraron de banquiño para intentar solventar a contenda. Colunga entraba por Álvaro no Xetafe e Park substituía a Bermejo nas filas celestes. O primeiro balón que tocou o surcoreano rematou nas redes de Moyá ó rematar un centro de Krohn-Delhi, convertido no asistente dos dous tantos celestes. Herrera cumpriu a súa palabra de facer xogar a Park, e o dianteiro respondeu cun gol que saciou a grande expectación xerada durante a semana. O Xetafe introduciu un dianteiro por un centrocampista, mentres o Celta fixo dous trocos máis ben defensivos. O Xetafe atacaba e o Celta buscaba resolver nalgunha contra. O ambiente caldeouse ó final, cando o colexiado expulsou a Paco Herrera por protestar e ó xogador do Xetafe Alexis por golpear coa man a Hugo Mallo.

Polo tanto, o Celta acadou con todo merecemento a súa segunda vitoria da temporada. Quedaron en Vigo tres puntos que permiten ó Celta escalar cara un posto máis tranquilo da táboa clasificatoria.

© Celta de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.