Un gol no minuto 92 condena ó Celta ós postos de descenso

Un intre do encontro © Celta de Vigo

O Celta sumou outra derrota este sábado por 0-1 diante do Valencia. O paraguaio Valdez saíu no minuto 88 e marcou o gol para o triunfo do seu equipo no 92. Antes, o xuíz de liña xa anulara por un fóra de xogo inexistente outro tanto a Soldado. O conxunto vigués acusou un notable descenso físico nos últimos 20 minutos e rematou metido na súa área. Con esta derrota, suma xa cinco partidos sen gañar, unha vitoria en dez xornadas e dúas en dezaseis, é dicir, once puntos dos últimos 48. Así, o equipo celeste afunde nos postos de descenso e cada vez complica máis a súa permanencia na primeira división.

Paco Herrera cumpriu o seu segundo partido de sanción no palco, onde observou como o Valencia volveu gañar a un equipo galego no tempo de desconto, como fixo hai dúas semanas en Riazor. Cabral foi o gran damnificado do once inicial, no que Bellvís substituía ó sancionado Roberto Lago. Ademais, o chileno Orellana volveu vestir a camiseta celeste tras ser un dos baluartes do ascenso na pasada temporada e demostrou unha gran complicidade con Iago Aspas. O moañés foi un dos focos do encontro pola súa posible fichaxe polo Valencia a final de temporada. Por outra parte, Borja Oubiña viu o seu quinto cartón marelo e se perderá o próximo compromiso ante o Xetafe.

Nos primeiros minutos, o Celta non cheirou o balón

O Valencia comezou apropiándose do balón e levando a iniciativa do xogo nuns primeiros minutos sen perigo para ningunha das dúas porterías. O Celta, como se di coloquialmente, non cheiraba o balón. A proba é o seu 33% de posesión nos primeiros 18 minutos. O conxunto celeste non se recoñecía como o equipo alegre e vistoso que adoita ser. A primeira chegada foi un disparo alto do valencianista Jonas. O Celta espertou ó fío do cuarto de hora: adiantou a presión e comezou a asomar pola área rival. No minuto 13 foi a seu primeiro achegamento, no 15 o seu primeiro disparo e no 17 a punto estivo de facer o primeiro gol. Orellana roubou en campo contrario e asistiu a Iago Aspas, que a mandou desviada na máis clara dos celestes en todo o partido.

Así, o Celta medraba e conseguía equilibrar un partido dominado anteriormente polo Valencia. Aínda así, o central celeste Demidov sacou de xeito providencial un disparo de Tino Costa que se colaba na rede galega. Pouco despois, Guaita sacaba un bo disparo de Iago Aspas que tocara no defensa che Cissokho. Precisamente o lateral francés, mancado anteriormente nunha xogada con Augusto Fernández, era substituído por Joao Pereira, lateral dereito que se colocaba na banda contraria. Aínda que o Celta dominaba lixeiramente, as ocasións máis claras eran valencianistas. O equipo visitante puido adiantarse no desconto do primeiro tempo cun remate de cabeza de Rami que se estrelou no pau de Javi Varas.

No primeiro minuto do segundo acto chegou a xogada polémica. Roberto Soldado, que xa caera en fora de xogo varias veces na primeira metade, rematou a gol un gran pase de Banega. O xuíz de liña levantou a bandeira, pero a súa posición era tan axustada que debe considerarse en liña co último defensor. Mentres, o técnico visitante moveu os laterais, sacrificando a banda contraria ó galego Barragán. O banco celeste reaccionou inmediatamente metendo a Bermejo por Augusto Fernández, co que Orellana se situaba na dereita para buscar o lateral máis débil. Dous disparos desviados de Krohn-Delhi e Albelda tras unha mala saída de Varas foron a bagaxe dos primeiros minutos.

O Celta acusou un forte descenso físico nos últimos vinte minutos

O partido estaba igualado e podía caer para calquera dos dous equipos. Non obstante, o Valencia deu un paso adiante e o Celta acusou un forte descenso físico nos últimos vinte minutos. Dúas ocasións na cabeza e nas botas de Bermejo foron a súa única produción ofensiva no tramo final, fronte a un Valencia que contou con varias ocasións e asediou a portería de Javi Varas. A dous minutos para o 90 Valdez ingresou no terreo de xogo e, catro minutos despois, co Celta metido na súa área, acertou a rematar ás mallas un centro desde a dereita de Joao Pereira. O público de Balaídos lamentaba unha nova derrota do seu equipo nos últimos minutos. Un público que, con máis de 18.000 espectadores, demostrou que está co seu equipo a pesares de vivir un momento moi complicado. Un momento onde o abismo da segunda vese cada vez máis cerca.

Un intre do encontro © Celta de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.