Un golazo de Adrián sentencia ó Celta

Os xogadores do Atlético celebran o gol de Adrián © clubatleticodemadrid.com

O Celta perdeu onte por 1-0 no Vicente Calderón ante o Atlético de Madrid na última xornada de liga do ano. A pesares de ser dominado durante case todo o partido, o Celta aguantou o empate ata o último cuarto de hora. Adrián saíu no segundo tempo e marcou coa zurda un gran gol pola escadra no minuto 76 que desnivelou a balanza. O Atlético quedouse despois cun home menos pola expulsión do central Miranda, que viu a segunda amarela por unha man clara na coroa da área.

O Celta só tivo a intención de chegar arriba ó principio das dúas partes. O resto do choque foi dominado por un Atlético de Madrid que chegaba as inmediacións da área rival con certa comodidade. O Celta estaba pechado atrás e o seu único recurso era mandar balóns arriba para que Iago Aspas correra e  pelexara. Un Iago Aspas que onte estivo bastante só porque Paco Herrera esqueceu os tres dianteiros e formou con tres centrocampistas, Oubiña, Natxo Insa e Álex López na mediapunta, máis liberado de tarefas defensivas, na súa volta ó once titular despois de superar unha lesión. As súas esporádicas chegadas ó ataque eran o único apoio para Iago Aspas.
Así, tras uns minutos iniciais esperanzadores do Celta, cedo o Atlético de Madrid fíxose co mando das operacións. Arda Turan, o mellor do choque na noite de onte, empezaba a aparecer no ataque local e Koke disparou ó pau no minuto once tras unha perda na saída de Borja Oubiña.

Despois dun cuarto de hora volveu á carga o Atlético cun cabezazo desviado de Godín e un remate fora coa planta do pé de Diego Costa. Pouco despois, Arda Turan dispuxo doutro disparo detido por Javi Varas. Entre tanto, Augusto Fernández rematou mal arriba un centro de Álex López nunha das poucas chegadas celestes. No tramo final do primeiro acto Falcao pisou levemente a Cabral e Diego Costa simulou penalti do central arxentino nun piscinazo que non fixo picar ó colexiado Pérez Montero.

O Celta saíu na segunda metade coa pretensión de irse cara a arriba e de inquedar á meta rival. Álex López disparou alto no segundo minuto da reanudación. Pouco despois, en dous minutos o central do Atlético Miranda cometeu dúas accións similares, co brazo estendido sobre a cara de Iago Aspas co balón en xogo, que lle custaron a primeira amarela.

Non obstante, o tempo pasaba e o Atlético comezou a ter présa na busca do gol do triunfo. Só ó Málaga, que caeu no último instante, aguantou a igualdade no Calderón máis minutos que o Celta. Polo contrario, ó conxunto vigués sí lle servía o empate e comezou a perder tempo, polo que Javi Varas viu o cartón marelo. O ‘Cholo’ Simeone movía ó banquiño na busca de solucións. Cristian ‘O Cebolla’ Rodríguez, Adrián e Raúl García ingresaron no seguinte cuarto de hora. Máis madeira para a ofensiva local. Nunha das carreiras pegadas á cal do uruguaio, mancouse o lateral Hugo Mallo, pero puido rematar o partido. No Celta, entraba Mario Bermejo por Álex López para acompañar a Iago Aspas.

Tras un aviso con remate alto de Falcao, Paco Herrera metía a Jonathan Vila por Natxo Insa e colocaba tres centrais para manter o resultado. Ó pouco de cambiar a táctica, nun balón solto na frontal, Adrián enganchou  un zurdazo que se colou pola escadra da meta de Javi Varas. Gran gol de gran xogador. O Celta volvía encaixar goles que lle custan puntos nos últimos minutos dos partidos, como lle vén ocorrendo nas últimas datas.

Nunha subida polo carril, Hugo Mallo non soubo que facer e desaproveitou unha boa chegada celeste. Pouco despois, unha contra atlética que case acaba en gol rematou cunha dura entrada de Falcao a Túñez no afán por disparar que lle custou a amarela. O Atlético quedouse con dez por expulsión de Miranda, que viu a segunda cartulina por unha man clara na coroa da área. Iago Aspas esvarou no lanzamento da falta. A pesares de estar con dez, nos últimos minutos os locais aferráronse á lección de Arda Turan sobre como aguantar a pelota para non pasar apuros.

O Celta remata o 2012 cunha nova derrota e mantén a súa xeira dunha soa vitoria en dez partidos. Á espera do que ocorra na xornada de hoxe, cada vez ve máis preto a zona de perigo. É decimoquinto con 15 puntos en 17 partidos, polo momento dous por riba dos postos de descenso. 2013 debe traer vitorias e puntos se o Celta non quere sufrir no último tramo do campionato.

Os xogadores do Atlético celebran o gol de Adrián © clubatleticodemadrid.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.