Elos e Canelas, o blog de ciclismo de Praza, analiza con detemento a proba en ruta do Campionato do Mundo de Ciclismo, celebrada este domingo.
Non houbo grandes sorpresas. Por moito que o Cauberg estivese máis lonxe de meta do que estamos afeitos, por moito que a proba de Sub23 rematase en sprint (case) masivo -en palabras de @fopeiro- e por moito que se queira reprochar agora ao gran Alejandro Valverde que non estivo atento ou que non axudou a Freire, a superioridade do campión valón no tramo máis duro do Cauberg e a súa resistencia nos escasos dous quilómetros seguintes demostraron que estamos ante a próxima lenda do ciclismo belga. Un ciclismo que non para de darnos xestas e heroes. Aínda non se adiviña a decadencia de Tom Boonen e xa podemos confirmar a Philippe Gilbert como un dos grandes ciclistas de todos os tempos.
Aínda non se adiviña a decadencia de Tom Boonen e xa podemos confirmar a Philippe Gilbert como un dos grandes ciclistas de todos os tempos
É posible que o actual campión do mundo tivese claro que a cita en Limburg era a máis importante do ano e que se despistase durante a primavera e durante o Tour, pero na Vuelta xa o vimos demostrando a súa calidade, nomeadamente na etapa segoviana. Era sen dúbida a principal baza belga, a principal garantía de vitoria e o máximo favorito indiscutible, polo que a selección estivo á altura do que se esperaba dela.
Fíxoo movendo o prato grande e deixando atrás a Boasson-Hagen e a un dubitativo Valverde. O resto ficaron claramente por detrás, non estaban a ese nivel
Ten moito mérito o seleccionador, pois son moitos os galos no poleiro belga, e non só porque teña que xestionar a presenza da estrela de BMC e a do gran Tom Boonen senón tamén porque outros corredores como Van Summeren, Leukemans, Van Avermaet, Roelandts ou Meersman son superclases capaces de gañar, nalgúns casos con palmarés envexable. Pero é que ademais hai unha cuestión política de fondo que non debemos esquecer. É tal a calidade de Gilbert que vimos de ver como un equipo plagado de flamengos traballou arreo para un líder valón. A segunda bala na recámara, Tom Boonen, serviu incluso para despistar os Valverde e compañía: pódese aprezar como Tommeke parece aguantar en principio o Cauberg pero que xusto no momento en que quedaba absolutamente cravado nese tramo do 12%, o vencedor do día lanzou o seu demoledor ataque.
E fíxoo movendo o prato grande e deixando atrás a Boasson-Hagen e a un dubitativo Valverde. O resto ficaron claramente por detrás, non estaban a ese nivel. Literalmente coa lingua de fóra coronou o Cauberg e non mirou atrás ata trescentos metros de meta, cando apertou o puño e celebrou a vitoria con tempo de recrearse. Alzou os brazos varias veces.
Parece ser que en meta afloraron disensións no equipo español, que a opción máis clara que tiñan era Freire e hai quen di que Valverde debeu agardar por el, pero non parece ter moito sentido esta interpretación dada a machada final de Gilbert
O mundial estivo á altura do que del se esperaba. As seleccións, coas súas distintas estratexias, e sen pinganillos, pareceron compactas e non houbo grandes erros. Todos o intentaron, pero a superioridade do gañador e do seu equipo foi tal que non había nada que facer.
O traballo de Francia e España dando pulo ao grupo dianteiro e dificultando o labor belga son incuestionables. Parece ser que en meta afloraron disensións no equipo español, que a opción máis clara que tiñan era Freire e hai quen di que Valverde debeu agardar por el, pero non parece ter moito sentido esta interpretación dada a machada final de Gilbert.
...
Podes ler o resto do post no blog Elos e Canelas