Hai uns días Francisco Jorquera presentou unha pregunta no Congreso para coñecer a canto ascende a débeda dos clubes de fútbol con Facenda e a Seguridade Social. Non é a primeira vez que o fai. Xa na lexislatura anterior solicitáralle ao goberno que lles esixise aos clubes que saldesen esas débedas, que en 2011 eran de 632 millóns de euros con Facenda e 3.082 millóns coa Seguridade Social, tendo en conta unicamente os clubes de primeira e segunda división. Case catro mil millóns en total, o equivalente a algúns dos plans de axuste postos en marcha polos gobernos do Estado.
Ángel Barajas, responsable do Máster en Xestión Empresarial do Deporte que organiza a Universidade de Vigo, é un dos nove expertos que asesoran a UEFA sobre o "xogo limpo financeiro". Neste labor de asesoramento participan outros investigadores universitarios, como Wladimir Andreff, da Universidade da Sorbona; Stephen Morrow, da Universidade de Stirling (Escocia); Jo Swinner, da Universidade de Lovaina; Konstantine Sonin, da Universidade de Moscova; Petros Mavroidis, da Universidade de Florencia; Stefan Szymanski, da Universidade de Michigan; Egon Franck, da Universidade de Zúric, e o consultor en comunicación Mark Oliver, que foron recibidos en Xenebra por Andrea Traveso, director da UEFA.
O Estado destinou en dúas ocasións grandes cantidades de diñeiro público ao saneamento dos clubs de fútbol
Algúns dos temas que se debateron foron os das consecuencias da crise económica na economía dos clubs, ao diminuír o financiamento das administracións ou se existe ou non “unha burbulla” no sector, polo papel dos investidores multimillonarios nos equipos. “Do que se trata é de que os clubs se xestionen ben para garantir a súa supervivencia e a das competicións nas que participan. Se un equipo ten que deixar a liga por temas económicos no só sae prexudicado el senón tamén a competición”, apunta Barajas.
O Estado ao rescate
O Estado destinou en dúas ocasións grandes cantidades de diñeiro público ao saneamento dos clubs de fútbol. E vista a evolución das súas débedas, non parece lonxe o día en que pidan un terceiro rescate. Os dous refinanciamentos anteriores foron facilitadas por gobernos do PSOE. En 1986 perdoouse unha débeda de 20.727 millóns de pesetas dos clubs de Primeira, Segunda e Segunda B. Alí impúxose a conversión dos clubs en sociedades anónimas deportivas. E só seis anos despois os clubs volveron recibir a axuda do Estado, cunha débeda que superaba xa á anterior (31.000 millóns de pesetas).
Hai moitos clubes cuxa débeda duplica, triplica ou mesmo multiplica por catro os seus orzamentos
Hoxe, vista a situación, con débedas que segundo as fontes se sitúan entre os catro mil e os seis mil millóns de euros, pódese esperar unha solución semellante. Hai moitos clubes cuxa débeda duplica, triplica ou mesmo multiplica por catro os seus orzamentos, coma o Español (débeda: 151 millóns, 300% do orzamento), Valencia (500 millóns, 300%), Atlético de Madrid (300 millóns, 300%) Racing de Santander (129 millóns, 300%), Zaragoza (110 millóns, 400%), Deportivo da Coruña (107 millóns, 200%), Levante (61 millóns, 300%), Tenerife (32 millóns, 350%) Valladolid (30 millóns, 180%), Betis (55 millóns 200%), Real Sociedad (47 millóns, 130%) ou Mallorca (40 millóns, 120%). No caso de Real Madrid (543 millóns) ou Barcelona (489), as débedas son mesmo maiores e equivalen, máis ou menos, aos seus respectivos orzamentos.
- Web persoal de Ángel Barajas.