Unha marcha de 350 quilómetros lembra o ponteareán Delio Rodríguez, o ciclista con máis vitorias na Vuelta

Delio Rodríguez, recibido a ombros en Ponteareas en 1934 Dominio Público Concello de Ponteareas

O 31 de maio de 1945 o ponteareán Delio Rodríguez gañaba a Vuelta a España. Facíao cunha diferenza de máis de 30 minutos con respecto ao segundo clasificado (Julián Berrendero), un récord que aínda non foi superado (nin o será). O ciclista galego conserva tamén a mellor marca de etapas gañadas na rolda española, un total de 38, moi por riba das 20 de Alessandro Petacchi ou das 18 Laurent Jalabert.

Nacido o 19 de abril de 1916 en Ponteareas, Delio Rodríguez finou en Vigo en 1994. Para conmemorar o seu 25 cabodano este sábado celébrase unha marcha cicloturista de nada menos que 350 quilómetros de percorrido, entre Madrid e Valencia. O evento lembra o histórico Premio Cifesa, que unía estas dúas cidades, e que se celebrou en catro ocasións, das que Rodríguez gañou en tres delas. No evento, os participantes pedalearán vestidos con indumentarias propias dos anos 30 e calcúlase que tardarán 15 horas en completar o percorrido.

Os irmáns Rodríguez, Delio o segundo pola dereita, coa camisola do Deportivo (1942-43) Dominio Público RCD Deportivo A Coruña

A marcha, organizada por Bici Piñón Fijo, foi presentada este luns en Ponteareas, coa presenza de Álvaro Pino, da filla de Delio, Margarita Pilar Rodriguez, e do seu neto, chamado tamén Delio Rodríguez. “Delio levou o nome de Ponteareas por toda España e volverá levalo unha vez máis o vindeiro 8 de xuño”, destacou o concelleiro de Deportes en funcións, Benito Márquez. O alcalde en funcións, Xosé Represas, felicitou aos organizadores por esta iniciativa e subliñou que “o ciclismo vai ligado a Ponteareas ao igual que a música ou as alfombras florais de Corpus".

Ponteareas é, de feito, a única localidade que pode presumir de contar con tres gañadores da Vuelta a España: Delio Rodríguez (1945), Álvaro Pino (1986) e o propio irmán de Delio, Emilio Rodríguez, gañador en 1950. Nesta familia ciclista destacou tamén Manuel Rodríguez (2º clasificado na Vuelta de 1950 que gañou o seu irmán) e Pastor Rodríguez, que chegou a ser 14º na rolda española. 

Os logros acadados por Delio Rodríguez, que á súa vitoria na clasificación xeral de 1945 e aos seus 38 triunfos parciais suma 32 xornadas vestindo a camisola de líder (só superado por Zülle e Heras), poderían ter sido maiores de non ter coincidido a súa traxectoria (1936-1950) coa Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial, que obrigaron a suspender seis edicións da carreira.

Delio Rodríguez, que ademais acumulou ducias de vitorias noutras carreiras (Volta a Cataluña, Volta a Galicia, Volta a Portugal, Vuelta a Asturias, Vuelta a Burgos, Subida ao Naranco...), competiu para un gran número de equipos, entre eles o Deportivo da Coruña, que neses anos contaba cunha sección ciclista.

Faixa de apoio a Delio Rodríguez en Ponteareas © Concello de Ponteareas
Presentación da marcha, este luns en Ponteareas © Concello de Ponteareas
Presentación da marcha, este luns en Ponteareas © Concello de Ponteareas
Presentación da marcha, este luns en Ponteareas © Bici Piñón Fijo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.