Unha selección galega de elite

Once inicial da reestrea da selección galega en 2005 © R. Aguete

O exitoso comezo dos galegos na elite do fútbol, tanto en Primeira como en Segunda División, e a máis que fundamental achega dos xogadores da terra no Celta, Deportivo ou Lugo fai medrar as ilusións sobre unha hipotética selección galega, que reapareceu en 2005 e desapareceu sen expectativas de regreso logo de catro partidos amigables no Nadal.

Máis de vinte xogadores galegos destacan agora en importantes equipos da elite do balompé español ou do estranxeiro, tan só uns anos despois de que Fernando Vázquez e Arsenio Iglesias tivesen que rebuscar en diferentes ligas e países para poder completar unha convocatoria. Tal e como destacou Praza, a Galicia futboleira dá agora de sobra para dúas seleccións e foron moitos os afeccionados que se animaron a través das redes sociais a facer o seu once ideal deste hipotético equipo do país, polo que moitos futbolistas devecen logo das exitosas experiencias pasadas.

Lectores de Praza elixiron o seu once ideal dunha hipotética selección galega

Chegouse a crear unha etiqueta en Twitter (#11daselecciongalega) e varias propostas de equipo inicial foron enviadas a este diario a través de diferentes redes sociais. O resultado, logo de contabilizar todos os elixidos e a disposición preferida no campo de xogo, é este: Diego López (Real Madrid); Hugo Mallo (Celta), Pablo Insua (Deportivo), Túñez (Celta), Roberto Lago (Getafe); Borja Oubiña (Celta); Álex López (Celta), Juan Domínguez (Deportivo); Thiago Alcántara (Bayern Múnic), Iago Aspas (Liverpool) e Rodrigo (Benfica).

Thiago, Aspas e Rodrigo formarían a dianteira titular dunha selección con outros internacionais como Oubiña ou Diego López

En definitiva, un de Paradela, dous do Morrazo, outro de Arzúa, dous de Vigo, un ferrolán, outro de Pontedeume e dous brasileiros de orixe criados en Galicia (Thiago, nado en Italia, e Rodrigo). Foron os once xogadores máis votados dunha lista onde estes dous últimos tiveron duros competidores para formar o ataque: Jonathan Pereira, do Villarreal, e Diego Castro, do Getafe. Entre os que máis votos recibiron, tamén Álex Bergantiños (Deportivo), Trashorras (Rayo Vallecano), Bicho (Deportivo) ou Denís Suárez (Barcelona B).

Sexa como for, todos os participantes coinciden en destacar a calidade do equipo, sobre todo en comparación co que se puido formar nas anteriores experiencias amigables da Irmandiña. E non houbo localismo ningún. A maioría de deportivistas coincidiron en incluír a Oubiña, Hugo Mallo ou Aspas no seu once ideal, do mesmo xeito que Juan Domínguez foi elección masiva entre os celtistas. De feito, foron estes xogadores, xunto a Diego López, os preferidos polos afeccionados que se animaron a contarlle a Praza o seu once titular. O actual porteiro do Real Madrid foi o que acumulou máis apoios.

E todos pularon por un mesmo conxunto, aquel que logrou superar durante catro partidos as rivalidades e retesías entre uns e outros. Ese foi o principal valor daquela efímera selección galega que agora, de volver, non temería a ninguén.

 

Thiago Alcántara, co Bayern de Múnic © fcbayern.com.de

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.