Unha xenialidade dálle ao Celta unha nova vitoria en Elxe

O dianteiro Charles, no Elche-Celta © celtavigo.net

O Celta pechou a súa particular semana fantástica cun triunfo no campo do Elxe 0-1 grazas a un gol de Nolito, de novo o mellor home dos célticos, no minuto 90. Despois do empatar no Vicente Calderón e de gañar o derbi contra ó Deportivo, o conxunto dirixido por Eduardo Berizzo sumou unha nova vitoria no partido que abriu a sexta xornada de liga onte venres en Elxe e se sitúa, con 12 puntos, en postos de Liga de Campións á espera do que ocorra no resto de partidos.

O Celta, pouco recoñecible na primeira metade, mellorou notablemente tralo descanso e acabou atopando o gol da vitoria no minuto 90, cando Krohn-Delhi debuxou unha marabillosa vaselina que deixou a Nolito só contra o meta local para que o gaditano definira coa zurda á escuadra. O gol puxo fin a un segundo tempo moi aberto no que o partido puido caer para calquera dos dous lados e no que Elxe tivo o 1-0 nun remate que botou preto da liña de gol.

A cara foi a vitoria; a cruz, a lesión do arxentino Augusto

Sen dúbida, a cruz foi a lesión do arxentino Augusto Fernández, que acababa de reaparecer despois dunha rotura fibrilar e, segundo comunicou o Celta, sofre unha lesión muscular no xemelgo interno da súa perna dereita e, a falta de ser sometido ás pertinentes probas, podería estar seis semanas de baixa. Mancouse arredor do minuto 22 de partido despois dun mal xiro e foi retirado de inmediato con acenos de dor.

O Celta afrontaba o seu terceiro partido en seis días visitando a un rival necesitado de sumar despois dun gris inicio de temporada. Ata cinco cambios introduciu o adestrador celeste no equipo inicial: o central Sergi Gómez por Hugo Mallo no lateral dereito, Jony por Planas no lateral zurdo, Pablo Hernández e Augusto por Krohn-Delhi e Álex López nos dous interiores e Charles por Larrivey na punta de ataque.

A primeira metade foi moi pobre, sobre todo por parte do Celta. O Elxe presionou arriba e o conxunto céltico, con tantos trocos, non atopou a fluidez doutros partidos. Aínda que apenas inquietou ó meta Sergio, de feito non disparou a porta ata o minuto 42, o Elxe frecuentou a área viguesa. A potencia do dianteiro Jonathas, a velocidade Garry Rodrigues e algún disparo desviado de Víctor Rodríguez eran o máis perigoso.

Iso si, Jonathas saltou varias veces cos brazos abertos e tocou na cara en máis dunha ocasión a Fontás. Viu o cartón marelo, mentres que o central catalán tivo que ser vendado na cabeza e lle aplicaron cinco puntos. Por parte celeste, só Nolito aparecía en ataque e xeraba algunha ocasión, como un disparo desviado de Pablo Hernández e algún intento do propio atacante gaditano.

Cambiou lixeiramente o panorama a partir da primeira media hora, cando o Elxe diminuíu a presión e empezou a aparecer Krohn-Delhi, que entrara por Augusto, no centro do campo. O Celta, entón si, comezou a carburar. Participou máis Orellana e asociouse con Nolito, na conexión que tan bos resultados estalle dando ó Celta, e que volveu marear á defensa rival. Tívoa primeiro Orellana a centro de Nolito, despois Nolito non aproveitou un rexeite tras un disparo de Orellana e, xa na segunda metade, Orellana rematou fora un centro de Nolito.

Abriuse o partido tralo descanso e, se ben o Celta era o claro dominador, o Elxe gozou de moi boas ocasións nas contras. Por exemplo, nun remate de Garry Rodrigues tras unha internada de Jonathas pola dereita que se marchou lixeiramente á esquerda da meta de Sergio, ou, sobre todo, nun remate de cabeza dunha falta lateral de Fontás en propia porta que tocou no longueiro e botou antes da liña de gol.
O conxunto galego, que tamén chegaba a área rival, intentouno cun disparo de Pablo Hernández tras unha grande combinación entre Nolito e Charles, e despois volveu tela Orellana, pero o seu disparo foi demasiado cruzado. Preto da media hora da segunda metade Larrivey entrou polo desaparecido Charles, e xusto despois o Elxe gozou doutra ocasión clara nunha incursión de Coro pola dereita que desbotou Cabral. Jonathas intentou cazar o rexeite de tacón pero detivo Sergio.

O Elxe, que se estaba sacudindo o dominio céltico, tivo outra boa ocasión nun disparo lonxano de Garry Rodrigues que se envelenou tras tocar nun defensa. Sergio parou en dous tempos. Nesas estabamos cando, no minuto 90, o Celta aproveitou unha contra para facer o gol da vitoria. Krohn-Delhi inventouse unha vaselina imposible que deixou só a Nolito, quen definiu coa zurda superando a Manu Herrera. Foi un erro do Elxe á hora de tirar a liña do fóra de xogo. Así pois, cunha dose de fortuna, o Celta logrou un importante triunfo que o afianza na zona alta e lle permite seguir co seu excepcional inicio de temporada.

O dianteiro Charles, no Elche-Celta © celtavigo.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.