Nunha semana na que centos de páxinas e minutos xornalísticos énchense coa final da Copa de Europa que o domingo disputan Real Madrid e Atlético, unha galega fixo historia este xoves. Tamén na Champions, tamén na súa final e tamén en Lisboa. En categoría feminina. Verónica Boquete disputou a final co Tyresö sueco, deu un gol e anotou outro, pero o seu equipo acabou caendo pola mínima (4-3) ante o Wolfsburgo alemán, que remontou o 2-0 co que se adiantara o conxunto amarelo.
O gol e a asistencia de Vero Boquete non foron suficientes para que o Tyresö acadase a Champions
O destino foi cruel para a galega Vero Boquete, que quedou a un só paso de se proclamar campioa da Liga de Campións, xunto ao seu equipo, o Tyresöo sueco, que acabou perdendo nos últimos minutos co Wolfsburgo alemán na gran final disputada no estadio do Restelo, da capital portuguesa. Foi unha final máis, e se cadra a máis importante, dunha futbolista que non deixa de medrar. A santiaguesa, símbolo do fútbol feminino peninsular desde hai anos, non cumpriu o seu soño nin o das cen persoas que chegaron de Galicia e medio milleiro que viaxaron desde Suecia para apoiar un conxunto que case acada o título na súa primeira participación neste torneo.
Pero Verónica deu un paso máis na súa carreira cara ao Balón de Ouro. Anotando un gol e dando outro para o seu equipo, nun partido espectacular e competido no que o Tyresö se adiantou con estes dous goles, pero que viu como as que eran vixentes campioas igualaban ao comezo da segunda parte. Logo sería a brasileira Marta, que marcara o primeiro gol, a que volvería poñer por diante o conxunto da galega, que puido escoitar os ánimos que chegaban desde as bancadas, incluída a Rianxeira que soou desde a zona dos afeccionados galegos. Pero as alemás, mellores fisciamente, volveron remontar nos últimos minutos.
A galega púxolle acento galego á final da Liga de Campións e anotou outro éxito máis nun enorme palmarés
Con esta final da Liga de Campións, Verónica Boquete amplía un palmarés difícil de igualar e que a levou a gañar títulos e recoñecemento por todas partes do mundo e en varios continentes. Desde que despuntara naquel mítico Funeraria Apóstol de fútbol sala, non houbo equipo que non se rendese á súa calidade e liderado. De alí pasou ao fútbol grande e ao Xuventú de Aguiño para dar o salto logo ao Zaragoza, xa en división de honra. Virou máis ao leste e acabou no Espanyol para se converter nunha perica máis e nun símbolo que acolleu con orgullo o mesmo número de dorsal que no equipo masculino lucía Daniel Jarque, falecido repentinamente por unha afección cardíaca.
Logo marchou aos Estados Unidos, pasou por tres equipos, sumou vitorias e foi recoñecida como a mellor futbolista nun país onde o soccer feminino ten moita máis importancia da que se lle pode dar en España e boa parte de Europa. Non lle foi peor en Rusia nin na Liga sueca, da que se proclamou campioa a pasada tempada co Tyresö, e onde segue rodeada das mellores futbolistas do mundo. Entre elas, a brasileira Marta, cinco veces proclamada mellora xogadora do planeta, ou a estadounidense Christen Press, máxima goleadora continental do ano.
Boquete, que é internacional española desde 2005, está agora a un paso tamén de disputar o seu primeiro Mundial feminino que se disputará en Canadá en 2015. O equipo lidera o grupo 2 de clasificación europa e atópase a dúas vitorias de confirmar a súa primeira participación mundialista da historia. Será o próximo desafío desta compostelá antes de regresar á liga dos EUA, onde foi elixida mellor xogadora en 2011. Confirmado a súa fichaxe polos Portland Thorns, volverá facer as maletas para seguir amosando a súa calidade e enchendo de títulos unha equipaxe que non deixa de aumentar. Varios subcampionatos, dúas copas da Raíña, un campionato de Europa sub-19, unha liga sueca e outro torneo nos Estados Unidos... A Champions terá que agardar pero o seu fútbol segue facendo historia.