De ser home, Verónica Boquete sería xa considerada un mito do deporte galego. Éo de todas as maneiras. Líder e capitá da selección española que disputará por primeira vez na súa historia un Mundial absoluto neste ano, internacional desde 2005 e emigrante futboleira con experiencia es varias ligas internacionais, a compostelá acaba de ser nomeada embaixadora do fútbol feminino da UEFA.
Chégalle este recoñecemento -e esta responsabilidade- tan só uns meses despois de que fose incluída entre a listaxe das dez mellores futbolistas do mundo na selección previa á escolla do Balón de Ouro. Os seus éxitos, o seu liderado e o seu exemplo dentro e fóra do campo outorgáronlle agora un papel relevante por parte do máximo organismo futboleiro do continente e ao pouco de que unha prestixiosa marca deportiva a escollese tamén como embaixadora dos seus produtos, a primeira ocasión que algo semellante ocorre no Estado.
Verónica Boquete será embaixadora da UEFA dentro do programa de desenvolvemento do fútbol feminino
“É unha honra ser embaixadora do fútbol feminino en Europa. Será unha grande motivación e sobor de todo unha responsabilidade”, asegurou nas redes sociais Vero Boquete tras coñecerse que sería a embaixadora do fútbol feminino da UEFA xunto a outras catro xogadoras como Camille Abily, Lotta Schelin, Laura Georges e a ex-internacional alemá Steffi Jones. O seu labor será o de ser un modelo para outras futuras estrelas deste deporte e detnro do programa que o organismo europeo ten para o desenvolvemento do fútbol feminino.
A fubolista galega engade outro recoñecemento a unha carreira cargada de éxitos e títulos
A futbolista galega de 27 anos participará en campionatos e actividades varias nas que transmitirá as súas experiencias e coñecementos no fútbol entre as máis novas, algo que, como xa destacou noutras ocasións, é fundamental para que as rapazas teñan tamén referentes femininos, á marxe das grandes e millonarias estrelas masculinas.
A actual xogadora do FFC Frankfurt engade un novo recoñecemento á súa carreira, que enche cunha morea de títulos á espera da agardada Champions europea da que quedou a un paso o ano pasado co Tyresö sueco, co que, non obstante, si obtivo o título de Liga. Suma ademais varios subcampionatos, dúas copas da Raíña, un campionato de Europa sub-19 e outro torneo nos Estados Unidos. E terá este verán o desafío do Mundial, ese que a FIFA obriga as mulleres a xogar en céspede artificial, imposición contra a que se rebelou Boquete como antes fixera contra o veto ás mulleres nos coñecidos vídeoxogos de fútbol ou contra o machismo que leva sufrindo desde que de pequena apostou polo fútbol en Compostela. Galicia, Aragón, Cataluña, Rusia, EUA, Suecia e agora Alemaña xa gozaron do seu fútbol, dunha calidade.