Na súa segunda participación no Gran Camiño o actual gañador do Tour de Francia volveu realizar unha exhibición, un adestramento de calidade co que levou non só a clasificación xeral, a dos Puntos e a da Montaña, senón tres das catro etapas
Jonas Vingegaard naceu na pequena vila de Hillerslev, no norte de Dinamarca, unha zona na que a chuvia forma parte da paisaxe. Debe ser por iso que en Galicia se atopa como na casa. Na súa segunda participación no Gran Camiño o actual gañador do Tour de Francia volveu realizar unha exhibición, un adestramento de calidade co que levou non só a clasificación xeral, a dos Puntos e a da Montaña, senón tres das catro etapas. Fíxoo loitando contra os elementos e contra unha nómina de rivais de moita categoría (Bernal, Carapaz, Gaudu, Rodríguez, Tarling, Martínez, Carthy...) aos que dominou a vontade.
Ao igual que fixo o pasado ano, Vingegaard iniciou en Galicia a preparación cara ao seu grande obxectivo da tempada, o Tour de Francia, no que aspira a unha terceira vitoria consecutiva ante Pogačar, Evenepoel e Roglic. O danés, a pesar dos seus triunfos en París en 2022 e 2023, aparece para algúns afeccionados un chanzo por debaixo dalgúns dos seus rivais. Jonas é máis frío, gaña o Tour simplemente por ser o mellor en todos os terreos, pero non realiza as exhibicións de Pogačar, Evenepoel ou mesmo Van der Poel e Van Aert.
O novísimo Lenny Martínez (20 anos) fíxose coa segunda posición grazas á súa actuación na derradeira etapa que rematou no Monte Aloia. E o renacido Egan Bernal completou un podio de categoría
Non realiza exhibicións? Un ano máis no Gran Camiño Vingegaard atacou de lonxe en todas as etapas, apoiándose na súa imponente capacidade e non tanto no seu potente equipo. Non necesitaba facelo pero fíxoo, para desesperación dos seus rivais, que simplemente pugaron por ser o mellor dos mortais.
O novísimo Lenny Martínez (20 anos) fíxose coa segunda posición grazas á súa actuación na derradeira etapa que rematou no tudense Monte Aloia. E o renacido Egan Bernal completou un podio de categoría na que probablemente foi a mellor nova que nos deixou a carreira: o retorno do colombiano a un nivel que se achega ao que coñecemos antes do seu brutal accidente de hai pouco máis de dous anos.
Hai que destacar a carreira do limiao Carlos Canal, mellor galego da proba, segundo na etapa que finalizou en Ribadavia e 13º na clasificación final
A sorprendente actuación do ecuatoriano Jefferson Cepeda ou as magníficas prestacións de Raúl García Pierna, Xabier Mikel Azparren ou Pablo Castrillo destacan tamén nun Gran Camiño no que tamén hai que destacar a carreira do limiao Carlos Canal, mellor galego da proba, segundo na etapa que finalizou en Ribadavia e 13º na clasificación final, demostrando que non só é un home rápido, senón que comeza a escalar con solvencia.
Xunto a Vingegaard, a meteoroloxía foi a gran protagonista da carreira. O vento obrigou a non establecer diferenzas da fermosa contrarreloxo da Coruña, a chuvia e o frío marcaron as etapas lucense e ourensá e, de novo na etapa deste domingo entre Ponteareas e Tui, as precipitacións non só obrigaron a acurtar o percorrido, suprimindo un dos pasos polo Monte Aloia, senón que dificultaron a (imprescindible) transmisión televisiva.
Ao igual que o pasado ano foi a neve o principal inimiga da proba, de novo as inclemencias meteorolóxicas marcaron a terceira edición da carreira
Ao igual que o pasado ano foi a neve o principal inimiga da proba, de novo as inclemencias meteorolóxicas marcaron a terceira edición da carreira. Febreiro non é, dende logo, un mes moi fiable para a organización dunha carreira ciclista en Galicia pero esta é a fiestra concedida pola UCI para a proba galega, que noutro momento da tempada non podería atraer a notable nómina de equipos e corredores que está a recibir.
Na crono da Coruña triunfou o británico Joshua Tarling, outro nome que dará moito que falar nos vindeiros anos e que tamén pasa a formar parte do palmarés da carreira galega. Foi a única etapa que Vingegaard non se anotou, unha mostra de que está a outro nivel.
Na crono da Coruña triunfou o británico Joshua Tarling, outro nome que dará moito que falar nos vindeiros anos
Na bonita chegada a Chantada, atravesando o encoro de Belesar e o alto de San Pedro de Líncora, o danés asestou o seu primeiro golpe, que tan só resistiron nun primeiro momento Bernal e Cepeda. Pero a explosividade que lle falta a Vingegaard, compénsaa con resistencia no esforzo, un motor que é imposible de seguir. En Ribadavia de novo Vingegaard atacou de lonxe, a pesar de que o Alto do Couso non semellaba o mellor escenario. E fíxoo de novo na descafeinasa derradeira etapa con chegada ao Monte Aloia, na que tan só Lenny Martínez estivo preto do seu nivel.
En Chantada, Ribadavia e Tui Vingegaard atacou de lonxe e ninguén puido seguilo, unha mostra de que está a outro nivel
A pesar dos inconvenientes externos, o Gran Camiño péchase con eloxios ao deseño das etapas, tanto dende un punto de vista deportivo coma de imaxe de país e promoción turística, un dos obxectivos da iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e as deputacións provinciais. A carreira galega consolídase e comeza a presentar un palmarés propio de probas de primeiro nivel. No debe segue a estar a meteoroloxía, que en situacións extremas obriga á organización á adopción de decisións difíciles (en ocasións forzadas pola presión dos grandes equipos), que nunca poden deixar contentos a ciclistas e afeccionados.