Vitoria do Octavio, felicidade nas Travesas

Academia Octavio © Praza Pública

O Academia Octavio logrou este venres a súa primeira vitoria na liga Asobal de balonmán. Derrotou por 33-31 ó Naturhouse la Rioja, sexto na Asobal, nun partido bonito, con moitos goles, que se no Pavillón das Travesas de Vigo. Un pavillón que, aínda que non se encheu, volcouse co seu equipo. Finalmente o público foise contento tras unha vitoria sufrida nun final de encontro trepidante. O Octavio é agora décimo con catro puntos á espera de que se complete a xornada.

O Octavio é agora décimo con catro puntos á espera de que se complete a xornada

A vitoria dos vigueses asentouse en tres piares: un veterano, un rapaz e o porteiro. Ata 19 intervencións, algunhas delas de mérito, realizou Jorge Lloria, o gardameta vigués, que resultaron decisivas no triunfo local. O veterano é Rafa Dasilva, todo corazón e coraxe, que foi o máximo goleador do Octavio no choque con 6 goles. E o rapaz é Pablo Cacheda, quen xa comanda o ataque do equipo con mando en praza pese ós seus 20 anos.

Pero non todo foi tan bonito coma o final. Houbo que sufrir moito para conseguir a tan ansiada vitoria. O Octavio foi detrás no marcador durante case todo o partido. Un partido que tamén era o do regreso de Pedro Rodríguez, xogador vigués do Naturhouse que chegaba á cita como máximo goleador dos rioxanos. O público recibiuno con aplausos, pero na pista a súa conta non pasou dos tres goles.

Saíron fríos os de Quique Domínguez. Incapaces de atopar un oco na defensa rival e permitindo as inclusións dos xogadores do Naturhouse. Ós dez minutos, caían 2-7 e o adestrador pontevedrés pedía tempo morto

Saíron fríos os de Quique Domínguez. Incapaces de atopar un oco na defensa rival e permitindo as inclusións dos xogadores do Naturhouse. Ós dez minutos, caían 2-7 e o adestrador pontevedrés pedía tempo morto. Entoouse a partir de entón o Octavio, sobre todo en ataque, e os goles caían de xeito frenético nunha e noutra portería. Pouco a pouco, o conxunto vigués recortaba distancia grazas á achega goleadora de xogadores como Kallman, Víctor Frade, Rafa Dasilva ou Pablo Alemany. Unha exclusión do Naturhouse mediada a primeira metade tamén facilitou o trance.

Así, a oito minutos para o descanso o Octavio conseguía igualar o electrónico a 14. Había partido. Non obstante, nos últimos cinco minutos da primeira metade o Octavio non viu porta, e o Naturhouse voltou lograr unha diferenza de catro goles no marcador. Íamonos ó descanso con 16-20, un promedio goleador altísimo.

Octavio saíu metido no encontro no inicio da segunda metade. Defendía en 5-1, con Germán de avanzado sobre o central rival. Naturhouse, aínda que habitualmente defendía en 6-0, tamén empregou o 5-1, sobre todo nas exclusións, cun xogador sobre Pablo Cacheda. Precisamente o de Lalín fixo no primeiro minuto da reanudación o seu primeiro gol dos cinco que anotaría no choque.

Octavio saíu metido no encontro no inicio da segunda metade. Defendía en 5-1, con Germán de avanzado sobre o central rival

O Octavio foi reducindo a diferenza pouco a pouco grazas a varias paradas do porteiro Jorge Lloria e a dúas exclusións dos rioxanos nos primeiros minutos. Cun menos, o Naturhouse adoitaba a prescindir do gardameta, o que lle custou algún que outro gol. Coa segunda exclusión dos rioxanos encadeouse a primeira dos locais. Despois virían máis. O dúo de colexiados andaluces convertiuse no branco das iras das Travesas, que protestou algunhas accións non exentas de polémica. Incluso Quique Domínguez tivo un rifirrafe cun dos árbitros. Non obstante, o Octavio non notou demasiado as exclusións.

A falta de dez minutos había empate a 28. Foi entón cando As Travesas, con algún tambor de por medio, xogou o seu partido animando, alentando ós seus e convertendo a pista nunha auténtica caldeira

No minuto 12 da segunda metade o Octavio voltou igualar o partido cun  tanto de Cerillo, máximo goleador do equipo ata este choque. Pasaban os minutos, pero seguía a igualdade no marcador. A falta de dez minutos había empate a 28. Foi entón cando As Travesas, con algún tambor de por medio, xogou o seu partido animando, alentando ós seus e convertendo a pista nunha auténtica caldeira.

Entón emerxeu a figura do eslovaco Pavel Polakovic, practicamente inédito ata entón. Con 30-31 abaixo, o 18 do Octavio marcou dous goles que voltearon o marcador. O Naturhouse solicitaba tempo morto para preparar o ataque na súa última exclusión. De novo con porteiro-xogador. Aguantou o Octavio e Quique Domínguez pediu tempo morto a un minuto do final. Os aplausos invadiron As Travesas ante un xesto de Pablo Cacheda. Sufrirase moito, pero o final feliz estaba preto. Cerillo anotou o último gol para o Octavio, que deixaba na casa a primeira vitoria da temporada para os vigueses por 33-31. Final feliz nas Travesas.

Academia Octavio © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.