Volve o derbi a Primeira. Regresa cinco anos e medio despois e faino con máis forza que nunca. Logo dun ascenso conxunto á elite e de dous clásicos apaixonantes na pasada campaña, os dous grandes galegos afrontan a temporada con ilusións renovadas. Os celtistas porque abandonaron o inferno tras cinco anos de reconstrución e os deportivistas porque regresaron á división de honra ao primeiro intento, evitando así un enorme risco económico. E volven a enfrontarse no derbi máis galego das últimas décadas.
No último derbi en Primeira había máis uruguaios que galegos. Ningún no Celta e dous no Deportivo.
Naquel último clásico galego en Primeira, sobre o campo houbo bastantes máis uruguaios que galegos no céspede. Nin un canteirán nin xogador da terra no Celta. Dous galegos e un canteirán (Pablo Álvarez e Iago Iglesias) no Deportivo. Moito cambiou desde aquela. Había polo menos trinta anos que non se xuntaban tantos xogadores da terra nun partido de rivalidade.
Os vigueses levan tempadas coa aposta pola base logo dun descenso que obrigou a reducir custos e a mirar para a sempre prolífica da Madroa máis do que se fixera ata entón. Algo semellante ocorreu no Deportivo, equipo de onde saíu o único Balón de Ouro do fútbol español, que descendido tras vinte anos na elite e abondosos investimentos, trata de cumprir a predición do seu presidente Lendoiro: “Que a metade do plantel proceda da canteira en 2015”.
Un mínimo de oito galegos estarán o sábado sobre o céspede de Balaídos
O Celta conseguiuno moito antes. Non é estraño que sete canteiráns formen no equipo inicial do equipo olívico nesta Primeira División, ao igual que o facían na Segunda. No Deportivo, se non hai sorpresas, tres futbolistas criados no filial (dous deles galegos) serán titulares este sábado en Balaídos.
Túñez (nado en Venezuela), Hugo Mallo (Marín), Roberto Lago (Vigo), Oubiña (Vigo), Álex López (Ferrol) e Iago Aspas (Moaña) son os galegos fixos no once que Paco Herrera presentará ante un Deportivo onde Álex Bergantiños (A Coruña) e Juan Domínguez (Pontedeume) serán os representantes da terra. Os celestes Sergio (Catoira) e Toni (A Coruña) tamén contan con posibilidades de participar da festa do fútbol galego, pero máis que o deportivista Seoane (Ourense), esquecido nos últimos partidos por Oltra.
Atrás quedan os tempos nos que era complicado atopar un galego sobre o campo nun derbi
Serán todos eles os que collan o relevo dos Fran, Otero, Salgado ou José Ramón, últimos galegos asentados nos seus equipos e cunha morea de derbis nas costas. E por fin repartirán a honra da canteira galega da que en moitas ocasións só podía presumir un futbolista (ou dous como moito). A crise, tamén no fútbol, pode traer algunha cousa positiva. Nos equipos galegos tróuxonos unha camada de bos futbolistas que chegarían para conformar unha selección galega. Mágoa dos moitos que xa quedaron no camiño.