Wiggins: realidade ou marketing?

Bradley Wiggins Dominio Público Praza Pública

O blog de ciclismo Elos e Canelas abre un debate sobre as posibilidades de Bradley Wiggins de gañar o Tour. Os 100 quilómetros de contrarreloxo xogan ao seu favor, pero está por ver o seu comportamento costa arriba (e costa abaixo) 

Inauguramos unha serie de posts de debate no que por unha banda Carlos Selas e por outra Javier Fopeiro defenderán posturas encontradas. Nesta ocasión discutiremos sobre as posibilidades reais de Bradley Wiggins. Animámosvos a debater.

 

O favorito número un para o Tour deste ano (Javier Fopeiro)

Podería estar aproximadamente un segundo por quilómetro por diante do resto de favoritos, o que lle daría uns dous minutos de marxe para a montaña con respecto a homes como Evans ou Menchov

Non son un incondicional de Wiggins, non me impresionan demasiado eses numeriños de adestrar para o calor nunha carpa de xardín nin me emociona a súa concepción do ciclismo en térmos puramente científicos… e sen embargo, non teño ningunha dúbida de que será o próximo gañador do Tour.

O británico parece o único corredor cun plan claro para acadar a vitoria nesta edición tan estraña, tanto en percorrido como en participación: acumular tempo de vantaxe nos máis de 100km contrarreloxo e aproveitar a ausencia de grandes escaladores (Alberto Contador, Andy Schleck) para limitar as perdas na montaña.

Persoalmente, penso que é indiscutible que Wiggins é o mellor contrarreloxista entre os favoritos a gañar o Tour. Os resultados deste ano invitan a pensar que podería estar aproximadamente un segundo por quilómetro por diante do resto de favoritos, o que lle daría uns dous minutos de marxe para a montaña con respecto a homes como Evans ou Menchov.

A montaña do Tour non alcanza porcentaxes tan altas como no Giro ou a Vuelta, e os favoritos para a vitoria final no Tour son corredores “diesel” igual que Wiggins…

Unha vez na montaña, tampouco vai ser doado meterlle tempo ao bo de Wiggo. O que lle fai dano ao británico son as altas porcentaxes e os demarraxes poderosos, pensade por exemplo nas etapas do Angliru ou Peña Cabarga na Volta a España do ano pasado. A montaña do Tour non alcanza porcentaxes tan altas como no Giro ou a Vuelta, e os favoritos para a vitoria final no Tour son corredores “diesel” igual que Wiggins… así que, por estraño que pareza, penso que para o británico será máis doado aguantar a Evans no Tourmalet que a Cobo en Peña Cabarga.

...

 

Unha gran xogada de marketing de Sky (Carlos Selas)

Si, vale, acepto que Wiggo ten opcións, pero de aí a ser considerado un favorito hai un mundo. Nesta edición do Tour hai varios corredores que demostraron bastante máis que Wiggins: Nibali, Menchov, Evans, Scarponi ou Valverde xa gañaron unha volta de tres semanas, e outros, como Frank Schleck ou Samuel Sánchez xa subiron ao caixón do Tour de France, e, malia a todo, hai moitos que consideran o británico o gran favorito. Morden o engado que lles pon Sky.

É certo que é un percorrido ideal para el, pero tamén é apto para Menchov, Nibali, e, sobre todo, para Cadel Evans

É certo que é un percorrido ideal para el, pero tamén é apto para Menchov, Nibali, e, sobre todo, para Cadel Evans. Estase vendo o australiano moito máis atento, sempre na parte dianteira do pelotón e asumindo o rol de auténtico favorito que ten, mentres que o inglés xa tivo problemas na cuarta etapa para entrar na cabeza, e non perdeu ningún segundo porque se viu cortado tras a caída que se produciu a pouco da meta. É certo que eses finais explosivos non lle van, pero algúns xa o vimos un pouco despistado. Disque é posible que non poida coa presión, pois non leva moi ben ser foco de atención.

...

Le o post completo en Elos e Canelas

Bradley Wiggins Dominio Público Praza Pública
Ou será Evans outravolta? Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.