Unha ducia de bos filmes de Cineuropa
Dende hai dúas semanas moitos habitantes e visitantes de Compostela viven abonados á cola do teatro e co programa na man. Son catorce días nas uqe puidemos ver moito do mellor cinema do ano. Aínda fica outra longa semana de bo cinema e un bo xeito de afrontala é facer reconto dos mellores filmes que xa se viron en Cineuropa.
-
01
Heli
Amat Escalante gañou o premio ao mellor director no Festival de Cannes por esta película que aborda o narcotráfico desde o punto de vista dunha familia humilde. A precisión na dirección é unha constante que, nas escenas de violencia explícita, convértese nun desafío ao espectador. Se se acepta o reto, acompañaremos a Heli nun descenso aos infernos do que será difícil reporse.
-
02
Tom à la ferme
Un thriller psicolóxico, un melodrama e cinema noir. Tom à la ferme é unha acumulación de xéneros, de ideas e de referentes. Unha proposta cargada de elementos que, con todo, Xavier Dolan sabe equilibrar grazas ao seu dominio cinematográfico. O mozo director canadense parece empeñado en sacudirse as etiquetas de "promesa" ou "neno prodixio" para convencernos de que está preparado para ser un dos grandes.
-
03
Jeune et jolie
A nova e bonita do título é unha adolescente que alterna as clases do liceo coa prostitución de luxo. François Ozon rexeita a sordidez ou a moralina, e céntrase no aspecto estético para que coñezamos a historia a través de catro estacións e catro cancións. Un filme que abre interrogantes e convértese nun gran suspiro, nun relato agridoce dunha etapa tan enigmática e dolorosa como unha canción de Françoise Hardy.
-
04
Los ilusos
Jonas Trueba dirixe unha non-película que se busca a si mesma. Sen guión, nin produción preestablecida a película foise construíndo sobre a marcha, nun exercicio de liberdade e honestidade moi reivindicable.
-
05
Le Week End
Volver unha fin de semana a París para lembrar a lúa de mel pode ser unha gran idea... ou non. Os dous días que pasamos con este matrimonio inglés serven para crer no amor, para desenganarse e volver crer nel. Pero, sobre todo, serve para rirse e marchar sen pagar a conta.
-
06
La herida
O debut de Fernando Franco na longametraxe é unha das películas máis asfixiantes e duras que pasaron polo festival. Boa parte da culpa tena Marian Álvarez que interpreta a unha muller que sofre Trastorno Límite da Personalidade pero que descoñece a súa enfermidade. Unha película moi necesaria que convida a empatizar e reflexionar.
-
07
Camille Claudel 1915
O tándem Dumont-Binoche era un dos máis esperados e a proposta non deixa indiferente. Céntrase en varios días da vida da artista Camille Claudel durante o seu internamento nun manicomio e a correspondencia que tivo co seu irmán Paul. A atmosfera de reclusión e a ausencia de liberdade asfixian a Camille tanto como Dumont nos asfixia a nós.
-
08
Quai d'orsay
O ministerio de exteriores francés é o escenario desta sátira política protagonizada por un acabado de chegar que traballará de xeito conxunto co ministro e o seu séquito de tolos. Unha adaptación do cómic orixinal para escachar, que ademais rescata certos recursos estilísticos para a realización.
-
09
La por
Unha volta de porca sobre a violencia de xénero na que o director, Jordi Cadena, filtra o problema familiar a través do fillo adolescente. Cos mínimos recursos e sen ningunha escena de violencia explícita, consegue transmitir o medo e o horror dun mal que o invade todo, como no cinema de Haneke.
-
10
Tokyo familiy
Chegou ao festival a última hora substituíndo a unha película que caeu do cartel. Bendita a hora. O filme é un remake actualizado de Contos de Tokio (1953) a obra mestra de Ozu e posiblemente una das mellores películas da historia. Con todo, a empresa non lle vén grande a Yôji Yamada que consegue captar o espírito e o sentimento para demostrarnos que a familia e os seus problemas son atemporais.
-
11
A que che contan na entrada
Baixo os soportais do Teatro Principal, amoreados (máis aínda se chove) e esperando a que abran a porta pódense escoitar varias películas: a que viu o teu amigo onte, a que encandeou a señora de atrás ou o final da que querías ver mañá. Se é bonito ver cinema máis bonito é compartilo cos demais, aínda que non queiran.
-
12
A vindeira
Queda unha semana de festival e moitas películas que ver. Anoten: La grande beleza, L'inconnu du lac, Costa da morte, Night moves... ou non anoten ningunha e déixense sorprender. En Cineuropa, como na vida, o mellor está por chegar.