Héctor Anllo

Unha ducia de caídos nas semifinais de Eurovisión

Si, miñas donas e meus señores. Xa chegou un ano máis a semana favorita de millóns de europeos (e non tanto)! Este sábado celébrase en Estocolmo (Suecia) a final do LXI Festival de Eurovisión, un dos acontecementos musicais máis importantes do globo, por non dicir o máis importante.

Durante esta última semana celebráronse xa as dúas semifinais ou roldas, un sistema que foi implantado no 2004 debido á inxente cantidade de países participantes e aos desacordos co xeito de clasificación empregado ata a data. Agora ben… Aínda que este sistema sexa máis xusto para conseguir un posto na final de Eurovisión (Big 6 aparte, claro), non sempre gañan os mellores eurotemazos. Parécevos logo que fagamos un pouco de memoria polas caídas en semifinais (de Eurovisión) máis famosas? Imos aló!

  1. 01

    Suzy - Quero ser tua (Portugal 2014)

    Un TEMAZO para comezar esta retrospectiva polas cancións que foron inxustamente eliminadas nas semifinais. Era o ano da volta de Portugal trala súa saída no 2013 e Portugal chegou con Suzy, unha auxiliar de voo que fixo bailar a toda Europa co seu pegañento Quero ser tua, pero non conseguiu pasar de semifinais. Os nosos veciños teñen unha mala sorte histórica no certame, xa que non pasaron de semifinais en 8 das 11 veces que participaron desde que existe este formato, non pisan a final desde 2010 e este ano non participan. Casualmente Portugal non participou os anos nos que o festival se celebrou en Suecia. Casualidade ou mala sorte?

  2. 02

    Kate Ryan - Je t’adore (Bélxica 2006)

    Ser a raíña das discotecas de media Europa a principios dos 2000 non foi suficiente para que Kate Ryan, unha habitual das discotecas e verbenas galegas, conseguise pasar á semifinal do 2006 representando a Bélxica cun temazo dance moi na liña do que nos tiña acostumados. Alerta: Desde esta actuación os pés de micro con leds tamén son un elemento gafado en Eurovisión. Sen ir máis aló, este mesmo ano Dinamarca empregounos na súa actuación e non conseguiu pasar á semifinal deste sábado.

  3. 03

    Evridiki – Comme Ci, Comme Ça (Chipre 2007)

    Esta illa mediterránea ten unha longa tradición de participación en Eurovisión, nada máis e nada menos que desde o ano 1981. A chegada das semifinais ao concurso fíxolle entrar nunha mala racha, conseguindo pasar á final só en 6 das 12 veces nas que participaron desde o 2004. Unha das súas actuacións máis lembradas foi a da cantante Evridiki no 2007, que era considerada unha das favoritas desa edición.

  4. 04

    Stella Mwangi - Haba Haba (Noruega 2011)

    A Noruega non se lle dan especialmente ben as cancións con trociños noutros idiomas que non sexan o noruego ou o inglés. As dúas únicas veces que perderon en semifinais ademáis deste ano (que foi nun perfecto inglés por parte de Agnete) foron con cancións con fragmentos en castelán como Ven a bailar conmigo no 2007 (18º posto da semifinal) e Haba haba no 2011, con fragmentos en suajili no restrouso. (17º posto da semifinal).

  5. 05

    DJ BOBO - Los vampiros están vivos (Suiza 2007)

    Outro caso de recoñecido artista internacional que vai ao festival de Eurovisión a probar sorte. Neste caso falo de DJ BoBo, o pinchadiscos que fixo bailar e tararear a medio mundo coa canción Chihuahua, famosa por saír nos anuncios dunha coñecida marca de refrescos. A pesar da súa fama, só conseguiu quedar 20º na súa semifinal. Tanta xenreira lle tivo que pillar á súa actuación que é imposible atopala en YouTube :(

  6. 06

    DQ - Drama Queen (Dinamarca 2007)

    Dinamarca, como bo país nórdico, é (case) sempre un dos rivais máis fortes a bater polos países participantes en Eurovisión. Só caeu en semifinais catro das trece veces nas que participou desde que este sistema foi introducido, as dúas últimas no 2015 con Anti Social Media e este mesmo ano con Lighthouse X (lembrades o dos pés de micro con leds que vos dixen?) deixando a Suecia como único país representante da sección nórdica. Unha das súas caídas en semifinais máis sonada foi no 2007 coa drag queen DQ, a primeira drag que competía en solitario en Eurovisión, e o seu petardazo Drama Queen.

  7. 07

    Gisela - Casanova (Andorra 2008) Quedou 16 de 19

    O pequeno país dos Pireneos nunca conseguiu pasar de semifinais en todas as veces que participou no certame, de xeito ininterrompido do 2004 ao 2009. O fracaso máis sonado foi, se cadra no ano 2008, cando a RTVA decidiu enviar a Eurovisión a Gisela, unha das concursantes da primeira edición de Operación Triunfo con Casanova, un petardo-temazo en inglés que quedou no 16º posto das 19 cancións da semifinal. O mellor posto de Andorra foi no ano 2007 con Salvem el món de Anonymous, quedando ás portas da final na 12ª posición.

  8. 08

    Dustin The Turkey - Irelande Douze Points (Irlanda 2008)

    Un pavo representando a Irlanda? Pois si. Este popular boneco no país da cervexa tostada foi o encargado de representar aos irlandeses no 2008, o mesmo ano no que España enviaba a Rodolfo Chikilicuatre e que moitos eurofans lembran como o ano máis tróspido da historia do festival. Paradoxas da vida, Irlanda é o país que máis veces gañou este festival, cun total de 7, pero leva sen pasar á final desde o 2013, incluindo tamén esta edición.

  9. 09

    Emmy - Boom Boom (Armenia 2011)

    O país do Cáucaso foi un dos últimos en incorporarse ao certame, no ano 2006. Na súa curta historia en Eurovisión consegiu darnos algunha actuación memorable como as de André no 2006 ou Sirusho no 2008 e incluso a unha representante que polo seu nome podería pasar perfectamente como galega: Eva Rivas. A única vez que non conseguiron calificarse para a final foi no ano 2011 coa bizarrísima Boom Boom, mais este ano parten como favoritos, aínda que non exentos de polémica.

  10. 10

    Anna Bergendahl - This Is My Life (Suecia 2010) Quedou 11 de 17

    A única eliminación en semifinais de Suecia foi se cadra un dos maiores #eurodramas da historia recente. Suecia é un dos países que máis vive o festival de Eurovisión, como pode verse cada ano no Melodifestivalen, a popular preselección sueca que ten a todo o país paralizado durante 6 semanas, e na exquisita realización da televisión sueca cada vez que lles toca organizar o certame. Por este motivo cando Anna Bergendhal, gañadora do Melodifestivalen 2010, quedou ás portas de pasar á final en Oslo no ano 2010 cun 11º, os suecos entraron nunha profunda depresión que lles fixo espabilar e conseguir a victoria dúas veces en menos de 3 anos.

  11. 11

    Valentina Monetta - The Social Network Song (San Marino 2012)

    O de Valentina Monetta si que é perseveranza. Esta cantante de San Marino, un dos estados máis pequenos de europa, representou tres anos consecutivos ao seu país en Eurovisión desde o 2012. Como ben di o refrán, a única vez que conseguiu pasar á final foi no ano 204, no seu terceiro intento. Esa foi tamén a única vez na que San Marino coseguiu pasar á final das 7 edicións nas que participou, incluido este mesmo ano con Serhat, unha das grandes sorpresas da primeira semifinal.

  12. 12

    Greta Salóme - Hear Them Calling (2016)

    O #Eurodrama máis recente foi a eliminación de Islandia na primeira semifinal desta edición. Greta Salomé partía como unha das favoritas de Eurovisión 2016, mais non conseguiu entrar dentro dos 10 países seleccionados polo xurado e os telespectadores europeos o pasado martes. Con esta eliminación e a de Maria Olafs no 2015, Islandia suma dous anos consecutivos sen pasar de semifinais e deixa a Suecia como único representante dos países nórdicos.