Unha ducia de cancións senlleiras de videoxogos
Os videoxogos, aínda que están con nós dende mediados do século pasado, comezaron o seu esplendor nas tres últimas décadas, facéndose un oco no mainstream. Nesta ducia recompilo cancións de videoxogos, esas marabillosas historias interactivas que ás veces che fan crer máis listo do que es e de súpeto fante sufrir cun reto imposible de superar. Só versións orixinais feitas para videoxogos, evitando versións de cancións xa existentes ou coloristas adaptacións a ukelele ou orquestra sinfónica.
-
01
1. Dragonborn, de The Elder Scrolls V: Skyrim (2011)
Skyrim é a última entrega da marabillosa saga de The Elder Scrolls, uns RPG (Role Playing Game) de acción en campo aberto no que interpretas a un misterioso heroe que se ve involucrado en historias épicas a través da convulsa historia do continente de Tamriel. A banda sonora de Skyrim é unha autentica marabilla, chea de reprises intensos, cancións relaxantes e coros épicos que no seu conxunto reflexan de xeito moi acaído o espiritu da fria provincia de Skyrim, que no momento no que inicias o xogo está no medio dunha guerra civil que se complica "lixeiramente" cando os dragóns retornan ao mundo. Escollín o tema principal porque penso que é o que mellor reflecte o drama épico do xogo. Tede coidado ao poñela, é tan intensa que pode que o voso can comece a voar e cuspir lume pola boca. A música é de Jeremy Soule que tamén compuxo a música das anteriores entregas Oblivion e Morrowind.
-
02
2. Do you wanna date my avatar (2009)
Esta canción é a anomalía desta lista: non é unha canción dun videoxogo. Trátase dunha canción dunha serie web que se chama The Guild, creada, protagonizada e dirixida por Felicia Day, que é a que canta. A serie web conta historias sobre un grupo de xente que se coñecen a través dun MMORPG (xogo de rol multixogador masivo online) que, aínda que non o din, ven sendo o World of Warcraft. A canción está chea de chiscadelas a este tipo de videoxogos onde as relacións persoais e a colaboración para conseguir cousas son moi importantes, pero claro, nun mundo que non é o real. A letra é de Felicia Day e a música de Jed Whedon.
-
03
3. Baba Yetu, de Civilization IV (2005)
Este é o tema principal do xogo de simulación Civilization IV, composto por Christoper Tin. Un pouco místico ou new age para o meu gusto, pero teño que recoñecer que no seu contexto quedaba especialmente ben. E o xogo é dos mellores da saga. A canción tenta representar o avance da civilización a través das diferentes épocas.
-
04
4. Far away, de Red Dead Redemption (2010)
José Gonzalez fixo esta canción indie-folk para o xogo de Rockstar Games Red Dead Redemption, un xogo de acción e aventura ambientado a principios do século pasado no Oeste de América do norte. No xogo interpretas a un ex convicto que se ve na obriga de facer traballos suxos para o goberno. Sombreiros, cabalos, revólveres e moita violencia.
-
05
5. Katamari on the Rocks, de Katamari Damacy (2004)
Coidado ao darlle a play, pode que non poidas deixar de escoitar esta canción. Katamari Damacy é un videoxogo de puzzles que fixo Namco para a PlayStation 2. No xogo non tes que facer nada menos que reconstruír o universo que foi destruído accidentalmente polo teu pai, que é o rei do cosmos. Case nada. E para facer iso tes que facer rodas unha especie de bola máxica adhesiva á que se van pegando obxectos cada vez máis grandes ata que adquire unha masa crítica e se converte nunha estrela. O xogo é alucinante e moi divertido. A banda sonora de toda a serie é moi variada e creativa, mestura moitos xéneros musicais como o jazz e a samba. Escollo o tema principal do primeiro dos xogos da serie. A música está composta por varios artistas dirixidos por Yū Miyake. Na-na-na-na-na-na-na Katamari Damacy!!
-
06
6. Kakariko Village, de The legend of Zelda: Ocarina of time (1998)
Ben, habia que escoller unha de Koji Kondo, o músico que axudou a Shigeru Miyamoto a crear varios alicerces esenciais da historia dos videoxogos como The Legend of Zelda ou Super Mario Bros. Podería escoller cen cancións de Koji Kondo, pero quédome coa versión de Kakariko Village de Ocarina of Time para Nintendo 64, probablemente o mellor xogo ao que xoguei nunca. A música é relaxante e evocadora e reflecte perfectamente a tranquilidade rural da vila de Kakariko, un oasis no medio do caos que pode chegar a ser o reino de Hyrule.
-
07
7. Build that Wall (Zia's Theme), de Bastion (2011)
Bastión é un deses xogos que che fan vomitar arcos da vella do preciosismos que son, e ademais é a primeira produción indie desta lista. Neste xogo interpretas a un cativo que se move por un mundo de fantasía que acaba de ser semi-destruido e agora flota no vacío, o cativo ten que enfrontarse a múltiples perigos para conseguir unhas fontes de poder para reconstruír o mundo. Ah, e ten unha deliciosa perspectiva isométrica como eses xogos clásicos de 8bits como o Head over Heels, Knight Lore ou Marble Madness. A canción que escollín é a canción de Zia, composta por Darren Korb.
-
08
8. Grizzly Hills Theme, de World of Warcraft (2005)
Foi complicado escoller unha das moitisimas cancións que podes escoitar de fondo nas túas aventuras no mundo de Azeroth. Pasei demasiadas horas xogando a este xogo e esas cancións formaron parte da banda sonora da miña vida durante moitos anos, a épica de Stormwind, a guerrilleira Orgrimmar, as relaxantes músicas dos elfos, etc. Este MMORPG coida moito todos os detalles e a música non é menos. Finalmente escollín a canción principal da zona Grizzly Hills, unha canción triste e evocadora duns bosques do frio norte que pasaron tempos mellores.
-
09
9. Scars of Time, de Chrono Cross (1999)
Chrono Cross é un xogo de rol de Square Enix para Playstation. Neste xogo interpretas un rapaz chamado Serge que de súpeto aparece nunha realidade alternativa na morreu cando aínda era un cativo e nas pesquisas para saber o que pasou vese envolto nunha serie de acontecementos que derivan nunha historia moito máis complexa e perigosa na que o propio mundo está en perigo. O seu tema principal chámase Scars of Time, foi creado por Yasunori Mitsuda e xa forma parte da historia da música dos videoxogos.
-
10
10. Main theme, de The Secret of Monkey Island (1990)
Este xogo de 1990 da recentemente desaparecida LucasArts marcou un antes e un despois na historia dos videoxogos para a xente da miña xeración. Unha aventura gráfica complexa, dificultosa pero chea de honestidade e humor. Houbo unha segunda parte que non estaba mal e unha serie de lamentables secuelas co único obxectivo de explotar o filón comercial que acabaron coa serie. Escollo o tema principal que é o máis representativo, cun estilo moi reggae-pirata caribeño, foi composto por Michael Land e foi o primeiro traballo que fixo para LucasArts. O xogo orixinal foi dirixido por Ron Gilbert, que tamén fixera os clásicos Maniac Mansion e Day of the Tentacle. Por certo, Ron Gilbert coquetea coa idea dun novo Monkey Island, continuación do 2. Ei, mirade aí: un mono de tres cabezas!
-
11
11. Main theme, de Quake (1996)
A música do Quake foi composta por Nine Inch Nails, probablemente fose o primeiro caso de música de xogo composta por un grupo "mainstream". O resultado foi unha banda sonora escura, potente e que creaba unha atmósfera de violencia terrorífica. Do xogo pouco hai que dicir: acción sen fin en primeira persoa, moitos viñeron despois que o melloraron, pero nunca esqueceremos a primeira vez.
-
12
12. Still Alive, de Portal (2007)
Se vas facer play nun dos vídeos que sexa este. Trátase do tema final do xogo Portal da compañia Valve (os que fixeron o Half Life). Trátase dun xogo de puzzles/plataformas en primeira persoa no que interpretas a Chell, unha rapaza que se ve atrapada nunha especie de laboratorio hipertecnolóxico onde é sometida a unha serie de probas por unha intelixencia artificial chamada GLaDOS. Estas probas son puzzles que tes que resolver usando un dispositivo que permite crear portais entre diferentes paredes para chegar aos sitios que che permiten resolver os puzzles. Ao rematar o xogo soa esta marabillosa canción de Jonathan Coulton que interpreta Ellen McLain, que tamén é a que lle da a voz a GLaDOS. O xogo Portal 2 tamén ten unha canción final cantada por GLaDOS que se chama Want you gone, que ben podería estar nesta ducia.