Unha ducia de cousas para darlle á lingua
Unha botella de champaña francés, unha caixa de pizza, un cartón de leite, un sobre de azucre ou unha minigaita son algúns dos doce elementos dos que quixen botar man para reflexionar e amosar certas potencialidades que o galego ten para a comunicación, sobre todo comercial. Fíxeno nunha charla no TEDxGalicia que se pode ver en vídeo aquí, e reconvertémolo agora nesta ducia de cousas para darlle á lingua.
-
01
Unha botella de champaña francés
Credes que pode haber alguén que deixe de mercar unha botella de champaña francés por estar etiquetada en francés? Non, verdade? Máis ben ao contrario. Como di un amigo meu, se ves unha botella de champaña francés que non estea etiquetada en francés, desconfía! Ás veces comunícase máis coa identificación de orixe que coa comprensión lingüística.
-
02
Un cartón de leite
Os produtos alimentarios galegos asócianse con calidade. E que mellor maneira de, xa a primeira vista, facer ver que un produto é galego, que a través da lingua na súa etiqueta? Igualiño que co champaña francés! Incluso nun estudo realizado hai uns anos polo Consello da Cultura Galega, Publicidade e lingua galega, ensináronselles ás persoas enquisadas dous cartóns de leite idénticos, só coa diferenza de que un estaba etiquetado en galego e outro en castelán, e, se ben é certo que á maioría, ao 54%, lle daba igual, tamén é certo que o 44% botoulle a man, escolleu, o cartón en galego, e só o 1,7% o cartón en castelán. E é que o galego suma ben máis do que pode restar.
-
03
Unha caixa de pizza
A identificación de orixe a través da lingua vai máis aló da etiquetaxe, e faise tamén na comunicación audiovisual, como neste anuncio en italiano que puidemos ver nas nosas casas. E non é que Buitoni, de Nestlé, non teña cartos para a súa dobraxe, nin é que no noso país haxa unha porcentaxe altísima de xente que fale italiano. Pero non pasa nada, a intercomprensión non é problema, e a través do italiano comunícase eficientemente a orixe do produto.
-
04
Un perfume
E igual ca un anuncio de comida en italiano podemos ver moitos outros a diario noutras linguas: de coches con frases en alemán, de café en inglés, ou…...de perfume, con ducias de anuncios que vemos na tele en italiano, inglés, francés ou, incluso, en inglés con acento francés, con esa dobre identificación: a da internacionalidade a través do inglés, e da orixe, co acento francés. E a reflexión é obrigada, claro: por que non anuncios en galego para anunciar produtos ou mensaxes que queiramos, e conveña, asociar coa súa orixe galega?
-
05
Unha carta dun restaurante
Podería ser de moitos outros, pero só por poñer un exemplo: a Casa de Xantar o 16, usando o galego, comunica moito máis, máis aló, que simplemente informar que é o que ten de comer. Identifícase con ser de aquí, con usar produtos de aquí, con facer comidas de aquí. E nós, cando imos por aí fóra, onde queremos cear? Nun restaurante pensando para turistas, deses con menú na porta en catro linguas en grande na que se di: turistas, este restaurante é para vós!, ou nun restaurante propio do sitio en que estamos, e non pensado para turistas? Comunicando a través do galego, o 16 é un dos restaurantes de Compostela que máis turistas recibe...
-
06
Unha minigaita
Sabedes cal é o lugar máis visitado de Compostela polo turismo despois da catedral? É a Praza de Abastos. Praza rotulada integramente en galego, que fai a publicidade en galego, na que a lingua ambiental é o galego, na que a maioría dos praceiros e praceiras falan galego, etc. E, outro do dato: o maior estudo cualitativo realizado por Turgalicia sobre a marca turística Galicia deu como unha das conclusións xerais que os/as turistas consideran que a lingua galega fai de Galicia un lugar especial, con carácter propio, non estandarizado, e que supón un dos valores e elementos simbólicos que en maior medida sustentan a imaxe de Galicia como destino turístico diferenciado, un lugar especial e con carácter propio. Como lle imos agochar ao turismo o que consideran como un dos principais valores do noso país!? Vaia, como vedes, a minigaita só era unha desculpa para falar de turismo! :-)
-
07
Un folleto de R
Que mellor que marcar a diferenza e comunicar orixe que a través da lingua? Tamén para a telefonía, comunicacións, novas tecnoloxías, etc., por suposto! O de R é un exemplo, pero que ademais arrastrou as demais compañías a intentar identificarse do mesmo xeito no mercado, e así comezaron a facer publicidade en galego, dicindo, “eh!, que nós tamén somos algo de aquí!”. E o mesmo está a pasar coa publicidade nas rúas do país dos bancos ou de empresas diversas, desde Mediamark ata a maionesa Hellman’s, por exemplo.
-
08
Un zoco
E se de comunicación, publicidade e identificación estamos a falar, aquí todo un símbolo disto. Un zoco de Elena Ferro, quen conseguiu actualizar, poñer de moda, facer tendencia e expoñente máximo de modernidade un elemento tradicional como é o zoco, e, ao tempo, facer unhas das campañas de comunicación máis potentes do país a custo 0, todo a través da lingua, da creatividade e da identificación. Os zocos de Elena Ferro xa son todo un símbolo do que cómpre, e do que podemos, facer a través do galego, e da actualización e posta en valor que a lingua necesita.
-
09
Unha camisola
E relacionado con moda e creatividade tamén supuxeron un antes e un despois as camisolas con mensaxes retranqueiras en galego. Un exemplo de comunicar creatividade, retranca, orixinalidade, mensaxes, moda, humor, etc., que non, noutra lingua non funcionarían.
-
10
Un sobre de azucre
Cando imos tomar un café é bastante habitual que nos poñan un sobre de azucre con frases célebres ou motivadoras, e que estean en castelán. Así, sobres de azucre con frases en castelán xa non son algo orixinal. En galego, quen se anime a facelos, si, podería ser algo especial, distinto, único, singular… Se cadra xa hai algúns, pero, aínda así, supoñen algo diferente, que se diferencia do resto. O sobre de azucre só é un exemplo, pero seguro que a vós se vos ocorren moitos máis, e mellores, de como a lingua pode singularizar un produto ou idea.
-
11
Un cesto
É o que o sustenta todo. A transmisión, o herdo. Onde se mete todo. O que sabía meu avó, e despois meu pai. A sabedoría, popular... Podería estar falando da lingua, pero neste caso falo dun cesto... Da metáfora da necesaria transmisión do herdo.
-
12
Un disco de Apego
Por tres razóns. Primeira. A música é linguaxe universal e a lingua non é impedimento para escoitala. Canta xente sen saber inglés escoita U2, The Beatles ou The Rolling Stones? Segunda. Houbo un momento en que se dicía que o galego non servía para certos estilos musicais e, de repente, temos, moito e de calidade, rap, rock, indie, pop, cumbia, hip hop... E vivimos un momento espectacular da música infantil. O que se cría que non era posible, si que o é. E terceira. O CD é do proxecto Apego, porque simboliza o que as nenas e os nenos de hoxe, que son as cidadás e os cidadáns do futuro, han queren que o galego sexa.