Moléculas en galego

Unha ducia de curiosidades sobre elementos químicos da táboa periódica

O 2019 é o Ano Internacional da Táboa Periódica dos Elementos Químicos, en homenaxe ao 150 aniversario do descubrimento do sistema periódico polo científico ruso Mendeleev e de forma paralela ao centenario da fundación da Unión Internacional da Química Pura e Aplicada (IUPAC). Coincidindo co 185 aniversario do nacemento de Mendeleev (8/2/1834), recollemos unha ducia de curiosidades relacionadas con algúns elementos químicos da táboa periódica.

  1. 01

    O elemento máis lixeiro

    O hidróxeno (H) é o elemento máis lixeiro de todo o sistema periódico e o máis abundante no Universo. Pola súa banda, o elemento máis abundante na Terra é o osíxeno (O), con 456 000 partes por millón, aínda que como elemento químico non se descubriu ata o século XVIII. Na imaxe, NGC604, rexión de hidróxeno na galaxia do Triángulo e osíxeno na superficie do mar. 

  2. 02

    O compoñente básico para a vida

    O carbono (C) é o compoñente básico para a vida. Porén, na natureza nunca se presenta como elemento, senón combinado con carbóns. A concentración de carbono na codia terrestre non é moi elevada (180 partes por millón), pero o perigo de que se esgote é mínimo grazas ao ciclo do carbono. O grafito e o diamante (na imaxe) son dúas das diferentes formas nas que se atopa o carbono na natureza.

  3. 03

    O máis antigo

    O ouro (Au) é o elemento químico máis antigo empregado pola humanidade. Descoñécese a data do seu descubrimento, mais hai datos que demostran que o ouro se empregaba e se valoraba hai máis de 7000 anos.

  4. 04

    Sen illar ata o século XIX

    O aluminio (Al) é un metal moi empregado dende hai 3000 anos, mais non se conseguiu illar ata o século XIX. Naquel momento o método de obtención do aluminio era tan caro que na Exposición Universal de París 1855 o emperador Luis Napoleón III expuxo un xogo de cubertos de aluminio ao carón de pezas de ouro e de diamantes. Hoxe en día obtense de forma moito máis doada e económica e os seus usos son moi amplos.

  5. 05

    O descubrimento do alquimista

    O fósforo (P) foi descuberto polo alquimista Henning Brand no ano 1669 cando destilaba o residuo dos ouriños na busca da pedra filosofal. Considérase o primeiro científico en obter un elemento químico de xeito experimental. Joseph Wright retratou o descubrimento neste cadro.

  6. 06

    O gas radiactivo do solo galego

    O radon (Rn) é un gas nobre de alta radioactividade que se atopa nos minerais de uranio. O uranio presente nas rochas graníticas descomponse a través dun proceso natural e dá lugar ao gas radon.  Boa parte do solo do territorio galego está composto por granito, de aí que haxa altos niveis de concentración de radon no noso país. Cando este gas, no canto de diluírse na atmosfera, queda acumulado en espazos pechados, pode supor un risco para a saúde.

  7. 07

    Os descubertos dende unha mina

    O itrio (I), o terbio (Tb), o erbio (Er) e o iterbio (Yb) son catro elementos químicos pertencentes ao grupos das «terras raras». O nome dos catro elementos fai referencia á cidade sueca de Ytterby, lugar onde se atoparon os minerais a partir dos cales se descubriron estes elementos. Na imaxe, placa conmemorativa na mina.

  8. 08

    Os dous nomes do volframio

    O tungsteno ou volframio (W) é o elemento químico de número atómico 74. En 2005, o Comité Interdivisional de Nomenclatura e Símbolos da IUPAC decidiu eliminar a denominación volframio e manter como única denominación válida para este elemento a de tungsteno. Porén, esta decisión contou con moitos detractores; de feito, na actualidade segue a empregarse a denominación volframio de forma habitual, especialmente nos lugares cunha vinculación importante co elemento, como o noso país, onde se explotaron minas de volframio durante boa parte do século XX. Na imaxe (Salvemos Cabana), balasas mineiras no Monte Neme.

  9. 09

    Con nome de muller

    O curio (Cm) e o meitnerio (Mt) son os dous únicos elementos da táboa periódica que reciben o seu nome na honra dunha muller: o primeiro por Marie Skłodowska-Curie, descubridora do polonio e do radio e a primeira persoa en recibir dous Premios Nobel; e o segundo por Lise Meitner, científica de gran relevancia que formou parte do descubrimento da fisión nuclear. Á esquerda, Marie Skłodowska-Curie; á dereita, Lise Meitner. 

  10. 10

    O primeiro a nome dun científico vivo

    O seaborgio (Sg) recibe este nome na honra de Glenn Theodore Seaborg, premio Nobel de Química en 1951 e científico de gran importancia no descubrimento e illamento de moitos elementos químicos. En 1997 a IUPAC aprobou a denominación oficial deste elemento, o que converteu a Seaborg no primeiro científico vivo en recibir o nome dun elemento químico. Nos anos cincuenta descubrírase o elemento de número atómico 99, para o que se propuxera a denominación de einsteinio, mais a IUPAC non aceptou esta denominación ata despois da morte de Einstein.

  11. 11

    O que ía ser o último...

    O laurencio (Lr) ía ser o último elemento da táboa periódica cunha denominación tradicional, segundo o acordo da IUPAC de 1976, debido ás controversias que xerou a denominación dos elementos químicos nos anos da Guerra Fría, e a partir do seguinte elemento descuberto empregaríase unha nomenclatura sistemática. Así, o elemento de número atómico 104 foi o primeiro con esta nova nomenclatura: unnilquadio (Unq). Porén, a proposta non tivo moito éxito entre a comunidade científica e os descubridores do unnilquadio decidiron darlle o nome de rutherfordio (Rf), posteriormente aceptado pola IUPAC.

  12. 12

    ... e o último (ata agora)

    O oganesson (Og) é o último elemento químico descuberto ata o momento. Traballouse no seu descubrimento dende os anos noventa, pero non foi ata o ano 2015 cando a IUPAC deu por bos os resultados e confirmou a preparación do elemento con número atómico 118, o máis alto ata o de agora.