Ifrit

Unha ducia de de filmes de Sitges 2012

Nesta fin de semana remata a 45ª edición do Festival Internacional de cinema Fantàstic de Catalunya e, antes de coñecer o palmarés, déixovos aquí esta ducia de filmes que se puideron ver alí. Non son todos da sección competitiva, nin son os mellores, nin os peores, só unha pequena selección do que alí se está a falar dunha programación de ducias e ducias de filmes de todos os estilos. Algúns xa están nos cines, outros teremos que agardar a velos en Cineuropa, no CGAI... Esta ducia non está recomendada para estómagos febles nin xente que vaia durmir soa.

  1. 01

    The Cabin In The wood (Drew Goddard, 2011)

    "Esta xa a vin!" , dirán moitos ó escoitar o argumento: Un grupo de amigos van pasar uns días a unha cabana no monte e comezan a pasar cousas raras. Pero é que esa é unha das características dos filmes de terror, utilizar argumentos similares para ofrecer cousas distintas, novas o orixinais. É verdade que non sempre é así, pero ás veces pasa. E ademáis Joss Whedo é co-autor do guión. Estrea, 26 de outubro.

  2. 02

    The Lords Of Salem (Rob Zombie, 2012)

    O músico Rob Zombie leva xa algúns anos realizando filmes de terror con notábel éxito. Coa súa precuela de Halloween os seareiros do xénero estaban divididos, e semella que o mesmo pasa co seu último filme, no que conta a visita das bruxas de Salem á localidade dos nosos tempos con fatídico resultado.

  3. 03

    Berberian Sound Studio (Peter Strickland, 2012)

    Outro filme que mantén dividos aos afeccionados. Así que haberá que velos para tirar a nosas propias conclusións. Un técnico de son que está a dobrar un filme italiano de terror comeza a obsesionarse co mesmo e...

  4. 04

    Cosmópolis (David Cronenberg, 2012)

    Dirixida por David Cronenberg, protagonizada por Robert Pattison, contén crítica social, gustou a crítica e público. Teno todo para gustar a moita xente! Tamén saen Juliette Binoche, Paul Giamatti, Samantha Morton ou Mathieu Amalric.

  5. 05

    Chained / Antiviral

    Ademáis dos clásicos, agora tamén podemos ver filmes dos seus fillos. Inda non alcanzaron a sona dos seus pais, pero apuntan maneiras. Despois da multipremiada Surveilance Jennifer Lynch presenta Chained (2012) e Brandon Cronenberg Antiviral (2012)

  6. 06

    Dracula 3D (Dario Argento, 2012)

    Tamén temos mostras de pais que traballan con fillas, como o director Dario Argento e a actriz Asia Argento, neste proxecto persoal de reinterpretación do mito vampírico.

  7. 07

    V/H/S (10 directores, 2012)

    Clásicos en 3D e agora un filme de cámara no ombro. Un sub-xénero do que sempre hai algunha mostra grazas aos baixos orzamentos que precisa e que rara é a vez que non aporta algo novidoso.

  8. 08

    Choi-jong-byeong-gi Hwal (War Of Arrows, Han-min Kim, 2011)

    E agora unha de chineses (inda que chega desde Corea do Sur). Épica, coreografías imposíbeis, grandes exércitos, ambientacións coidadas ao detalle e o protagonista é un arqueiro, por suposto

  9. 09

    Rurôni Kenshin: Meiji kenkaku roman tan (Samurai X, Keishi Ohtomo, 2011)

    Espectacular adaptación da serie de animación xaponesa homónima que contaba a historia dun samurai de gran destreza coa catana que está farto da guerra e a violencia. Pura diversión.

  10. 10

    Iron Sky (Timo vueronsola, 2012)

    Despois da súa derrota en 1945 os nazis montan unha base na cara oculta da lúa onde esperarán o momento para facerse co dominio do mundo. Unha comedia con toques de acción feita en parte grazas a unha campaña de crowdfounding. Moitos xa a veríades en internet, pero podedes disfrutala en pantalla grande xa que nesta mesma fin de semana a estrean en cines comerciais.

  11. 11

    O Apóstolo (Fernando Cortizo, 2012)

    Moito levo escoitado deste filme, pero xa case tiña perdida a esperanza de poder vela. O filme é unha colección de historias populares contadas con bonecos de plastilina en stop-motion coa voz de coñecidos actores galegos (Carlos Blanco, Xosé Manuel Olveira 'Pico', Luis Tosar, Manuel Manquiña, Pedro Alonso, Celso Bugallo...)

  12. 12

    ABCs of Death (27 directores, 2012)

    E rematamos con algo que non é un filme, senón unha colección de curtas na que directores consagrados e relevelacións actuais do cinema de fantástico e de terror amósannos as súas máis escuras perversións por orde alfabética. O fotograma é da peza Sins Of The Fahters, do director español Nacho Vigalondo.