Unha ducia de de músicos/as portugueses/as a quen prestar atención
Quedan moitos fóra pero a ducia é bastante representativa do que agora soa no país veciño -do que tan pouco sabemos na maioría dos casos-. Tamén é representativa dos nosos gustos. Realmente nós queriamos poñer 12 vídeos de António Zambujo pero os 11 que veñen con el non desmerecen. Esperemos que isto sirva de base para que busquedes e escoitedes máis. O programa Tres Peixes Voando da Radio Galega tamén é unha boa fonte de información musical. Agardamos que vos guste a ducia e vémonos nos concertos!
-
01
Os Azeitonas e Miguel Araújo
Banda de rock do Porto. Un dos seus puntos fortes son os directos, como podemos ver no dvd Em Boa Companhia Eu Vou. Un dos membros, Miguel Araújo, autor da maior parte das cancións da banda, sacou un disco en solitario, Cinco dias e meio, que tamén merece ser escoitado. O título responde á premura da etapa de gravación, pois en cinco xornadas e pico foi quen de cantar e tocar todos os instrumentos necesarios para rexistrar os once temas que compoñen a súa primeira aventura só.
-
02
João Afonso
Fillo de emigrantes portugueses, pasa a infancia en Mozambique, onde se empapa da música africana que marcará as súas composicións, en perfecta fusión coa canción de autor portuguesa. A súa relación de parentesco co Zeca Afonso (é o sobriño) condicionou a súa carreira, abriulle a porta a numerosos concertos de homenaxe, pero tamén a comparacións inxustificadas. Ten demostrado, disco tras disco, que as súas composicións teñen valía á marxe da herdanza familiar.
-
03
Carminho
Medrou escoitando cantar fado á súa nai, Teresa Siqueira, e tivo sorte no reparto de dons porque a natureza regaloulle unha voz prodixiosa e un gusto excelente para utilizala. É unha das figuras emerxentes do fado tradicional, que reinterpreta e actualiza para todos os públicos.
-
04
Ana Moura
A voz grave do fado. Despois de varios traballos fieis á tradición, o seu último disco, Desfado, merece unha especial mención porque dá entrada a destacados compositores actuais que restan medio século ó seu estilo de canción e actualizan o fado ata facer un traxe á medida dunha Ana Moura rexuvenecida.
-
05
Deolinda
Grupo ao que xa tivemos a oportunidade de escoitar no Festigal ou no San Froilán. A súa peza Parva que eu sou xa é considerado coma o himno dunha xeración. Ana Bacalhau presta a súa privilexiada voz a Deolinda, unha moza que vive en Lisboa e conta as súas vivencias. A alma do grupo é Pedro da Silva Martins, autor de todas as letras e músicas e que ten demostrado ter unha imaxinación infinita. Preparan novo disco para a primavera que vén.
-
06
Homens da luta
Grupo creado nun programa de televisión. Cun estilo de canción protesta "paródico". Foron escollidos para representar a Portugal en Eurovisión no ano 2011 co seu tema A luta é alegria.
-
07
Luísa Sobral
Cantora bilingüe en inglés e portugués. Con claras influencias do jazz, ten un estilo moi singular, con humor e ao mesmo tempo dotado de calidade musical. O nome do seu primeiro disco é The Cherry on my Cake.
-
08
Ricardo Ribeiro
Unha das voces máis prometedoras do fado tradicional. Sen saír das liñas marcadas polos puristas, fai un estilo de fado propio, con tanta delicadeza na interpretación como potencia vocal. Ofrece unha boa opción para os amantes do fado máis puro e que desexen escoitar algo novo.
-
09
Virgem Suta
Son de Beja, e aí o tempo é relativo. Prescindiron das novas tecnoloxías e déronse a coñecer á antiga usanza, percorrendo Portugal de cabo a rabo e tocando en todos os palcos onde os quixeron escoitar. Dúas guitarras e voz, só iso, unha aposta sinxela e directa con moito por contar.
-
10
Sara Tavares
Naceu en Lisboa de pais caboverdianos. O seu estilo é un bo exemplo das influencias da música africana na oferta musical portuguesa. Deuse a coñecer nun programa de selección de talentos para Eurovisión e logrou representar ao seu país en 1994.
-
11
Rancho de Cantadores de Aldeia Nova de São Bento
A música máis tradicional non podía faltar nesta listaxe. Neste caso é a da rexión do Alentejo. Hai que dicir que este tipo de agrupacións seguen a crearse entre a xente máis nova, un bo exemplo é o Grupo Coral Os Bubedanas. António Zambujo tamén exerce de bo embaixador desta música.
-
12
António Zambujo
O noso favorito. Só e coa banda. Música tradicional do Alentejo + fado + música brasileira -principalmente João Gilberto- + música africana, aderezado con Tom Waits e Chet Baker = Zambujo. Como di Caetano Veloso, "o que se ouve em Zambujo é algo já que vai mais fundo". Os seus últimos discos sitúano nun estilo propio que fai únicos a súa música e o seu xeito de interpretar. Escoitade e gozade, quedaredes azambujados/as.