Héctor Anllo

Unha ducia de de spots galegos que non teñen perda

A publicidade galega é unha potencia. Son moitas as axencias que teñen sede en Galicia e tamén é notable a canteira de profesionais, malia que o sector non atravese polo seu mellor momento, falando especialmente da publicidade en lingua galega. A publicidade en galego na nosa televisión deixounos ao longo dos 27 anos do ente público spots que non teñen perda. Non están todos os que son, pero si que son todos os que están. Lucía Pérez anunciando Patacas Pereiro, o “Mintiroooso” da cervexa River, as autopromocións da TVG ou o Sanote de Gadis merecerían ducias propias.

  1. 01

    O leite (de Larsa) mola

    “Frío, quente, só ou ben acompañado, o leite mola” (especialmente se é “Leite galega 100%”). Así rezaba unha das pegadizas cancións coas que o Xabarín maila súa Xababanda intentaban a mediados da década dos noventa e ao remate das emisións do seu programa diario que os nenos galegos que pertencían á Xeración Xabarín, que xa lembrou Marcos nunha das primeiras ducias de Praza, se achegasen aos produtos lácteos da compañía galega Larsa.

  2. 02

    Seguriño! Seguriño!

    Un regordecho semáforo azul chamado Seguriño foi a mascota elixida pola Xunta de Galicia para que os nenos galegos de finais dos 90 aprendesen as normas de seguridade vial (o que está “ben, moi ben” ou o que está “mal, moi mal”, literalmente) a través de spots emitidos durante o Xabarín Club e tamén empregando packs educativos que a Consellería de Educación enviou a todos os centros educativos do país con vídeos e actividades complementarias. Seguriño! Seguriño!

  3. 03

    Ratibrom non deixa nin rata nin rato

    Malia que a versión máis coñecida do anuncio deste raticida é máis antiga e só esta dispoñible en castelán con rótulos en galego (bilingüísmo harmónico, ou algo así), as novas versións do anuncio conservan o que é un dos slogans máis lembrados da televisión do noso país: “Con Ratibrom, nin rata nin rato.”

  4. 04

    Ramón! O Fertimón!

    Que sería da nosa terra sen o Fertimón? No seu spot máis coñecido un crego recoméndalle o abono a un dos seus veciños, que lle rouba un saco do produto. “Ramón! O Fertimón!” é a frase que o cura pronuncia ao decatarse de que o Fertimón xa non estaba no seu sitio, que co tempo pasou a ser unha das frases máis lembradas da publicidade galega, que incluso Donato pronunciou nunha da novas campañas deste produto fertilizante.

  5. 05

    As de Ardebullo tamén fan anuncios

    A cooperativa láctea lucense Deleite soubo sacarlle partido publicitario a unhas das personaxes máis populares que xurdiron no Luar: “As da Conexa”, tamén coñecidas como “Mucha e Nucha” ou como as “Cantareiras de Ardebullo”. Este dúo cómico composto por Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro foi o protagonista da campaña de lanzamento da cooperativa láctea no noso país a través de pequenas pílulas cómicas co leite como principal protagonista.

  6. 06

    Vivamos como galegos!

    O que hai cinco anos comezou cun simple “Maloserá!” acabou converténdose nunha das campañas galegas máis exitosas e lembradas por todos os galegos, dentro ou fóra de Galicia. A axencia BAP&Conde, con sede na Coruña, segue botando man dos tópicos galegos, da morriña, de erros gramaticais a mancheas e de música épica para chegar aos nosos corazóns coas campañas que elabora para a cadea galega de supermercados Gadis. No vídeo, a útlima creación da serie: “Sairemos como galegos!”.

  7. 07

    Apréndeo, o rap da CRTVG

    Cun rap. Así foi como a CRTVG decidiu presentar a súa campaña de servizo público a finais do pasado ano, nun claro guiño ao público máis novo. A rapeira viguesa Aid foi a encargada da elaboración do tema “Apréndeo”, con estrofas tan definitorias como “E non digo non, son algo cultural / non o fago por pasta non son comercial / só son un medio de difusión / non aporto lixo iso non o quero non.”. A realización do spot, rodado en diversas localizacións da nosa xeografía, correu a cargo da tamén produtora viguesa Verbe.

  8. 08

    Unha vila de rockers para promocionar o Armadiña Rock 2010

    Unha lavandeira versionando o “Hey Ho, Let’s Go” de Los Ramones, un redeiro arrincando por AC/DC e o seu “Highway to Hell” ou unha mariscadora que se atreve con “Born to Be Wild” de Steppenwolf. Así promocionaba Combarro o Armadiña Rock, un festival que esta vila pontevedresa acolle cada verán. Estes simpáticos vídeos creados por Producciones Mutantes no verán do 2010 non só conseguiron a simpatía dos usuarios nas redes sociais, senón que tamén acadaron titulares de prensa nacionais e a atención dalgúns programas televisivos como o extinto “Se lo que hicisteis”.

  9. 09

    Por que a min me caeu unha Estrella no meu xardín?

    Todo un clásico de Mari Trini lanzado no ano 1982 que lle vén como anel ao dedo á nosa cervexa máis recoñecida trinta anos máis tarde. Un sinxelo spot creado pola Axencia Arista e rodado con cámara Phantom sitúanos nunha festa privada coa famosa dillei galega Eme Dj entre as súas convidadas de excepción. De súpeto, cando un dos rapaces volve da barra cunhas Estrellas na man, tropeza cunha rapaza e a festa conxélase para evitar a meirande das catástrofes: que o vaso de Estrella Galicia caia ao chan. Malia todo, a empresa cervexeira coruñesa non dispón da versión en galego do seu spot na súa conta de YouTube.

  10. 10

    Vente pa’ Galicia, vente p’acá

    Alén da histórica figura do Pelegrín ou do polémico Xubi, as campañas de promoción dos distintos anos Xacobeo destacan pola súa espectacular inversión, non sempre acompañada de éxito de crítica ou público. Se ben no úlitmo ano Xacobeo a Xunta decidiu cederlle a parte creativa á cineasta Gracia Querejeta, o spot do ano 2004 estivo protagonizado por un enorme e estraño grupo de artistas encabezado por Xosé Manuel Budiño, que interpretan en varios idiomas e estilos musicais o tema “A Galicia vente xa”, con frases como “Vente pa’ Galicia, vente p’acá. ¡Eso es!Únete a esta hoguera para bailar” que tranquilamente podían aparecer nun disco de Sonia y Selena.

  11. 11

    Con R cambiou o conto

    R, a compañía galega de telecomunicacións con sede na cidade da Coruña, sempre soubo diferenciarse doutras empresas galegas pola ampla presenza do galego nas súas diferentes campañas publicitarias e de comunicación. E así foi como comezou todo, cun conto da Carrapuchiña Vermella e mailo lobo feroz un pouco distorsionado de como o coñeciamos ata o de agora.

  12. 12

    “Niños, aquí no se habla en gallego”

    O anuncio das asasinadas Galescolas non deixou no seu día títere con cabeza grazas ao seu spot tan directo. A sentenciadora frase inicial, “Niños, aquí no se habla en gallego”, déixalle paso a un discurso de liberdade lingüística, igualdade e calidade de ensino que cada vez vemos máis lonxe.