Unha ducia de doces de Entroido
O domingo de piñata pecha o tradicional ciclo de Entroido. Unha festividade pagá que, xunto aos praceres da carne de porco, destaca pola degustación de doces típicos. Sobremesas como as filloas ou as orellas, populares en toda Galiza, ás que se lle unen flores, rosquillas, chulas... dependendo das zonas. E así o expresa o dito: No Entroido non te compores e énchete de filloas, orellas e flores!
-
01
Filloas
O doce por excelencia do Entroido é, sen dúbida, a filloa, cuxo termo procede do latín foliŏla, pequena folla. Cunha existencia documentada desde a Idade Media, ao longo da nosa xeografía presenta diferentes denominacións como filló, afilló, filloga, filloza, farandela, freixó, freixolo, marrucho..., distintos ingredientes e varios modos de cociñar. Para facelas prepárase un amoado con fariña, ovos, sal e, a maiores, leite, auga ou caldo. Cócense sobre unha filloeira de ferro, unha tixola ou unha pedra e tómase con mel, azucre ou mesmo chourizos. Existe tamén unha variedade á que se lle engade sangue da matanza do porco.
-
02
Orellas
Doce de tixola moi popular no Entroido en todo o país cunha probable orixe a mediados do século XIV, segundo o historiador e gastrónomo Jorge Guitián. Prepárase unha masa con fariña, ovos e auga que tamén pode levar manteiga, reladura de limón ou anís. Despois de amasar, estírase ben, córtase en anacos e frítense, acadando unha forma de orella. Nalgunhas zonas, como na Mariña lucense, son coñecidas como "orellas de frade".
-
03
Flores
Sobremesa que adoita levar os mesmos ingredientes que as filloas de leite. Precisa dun molde especial de ferro, habitualmente con forma de flor, que hai que quentar no aceite. Logo móllase no amoado para que se lle adhira a masa e despois somérxese na tixola co aceite ben quente.
-
04
Follas de limón
Sobremesa similar ao paparajote murciano mencionada por Picadillo, Xaquín Lourenzo e Cunqueiro, entre outros. Cun amoado similar ao das filloas e as flores, a folla de limoeiro adoita empregarse como molde do mesmo xeito que coas flores. Porén, hai quen retira a folla ao principio, pero tamén quen quita unha vez que comeza a fritirse e mesmo quen a deixa. Típica de concellos da zona da Ulla, Arzúa, Arousa e a Mariña lucense, aparecía en anuncios de prensa de hai máis de 100 anos de confeitarías da Coruña.
-
05
Rosquillas
As rosquillas fritas son outra das sobremesas típicas de Entroido, habituais en concellos da Arousa, Vigo, Muros-Noia, Bergantiños, a Terra Chá ou a Mariña lucense. Poden cociñarse coa mesma masa que as orellas. Na comarca de Ordes, en vez de facerse rosquillas redondas, frítense paus alongados que reciben o nome de “periquitos”.
-
06
Bandullo ou vincha
Coñecida como bandullo, buchelo, calleiro, enchido, tripón, vexiga ou vincha, trátase dunha sobremesa feita a base de pantrigo, ovos, leite e azucre que se embute na tripa gorda do porco e se coce no forno. En moitas zonas foise perdendo a tradición da tripa e cocíñase en potas. Na Terra de Montes persiste a cocedura na vincha, celebrándose unha festa de exaltación en Cerdedo desde o ano 2000.
-
07
Bica
A bica branca de Laza, feita con claras de ovo, azucre e fariña, é unhas das máis sonadas do Entroido ourensán. Ademais, a presenza deste doce nestas datas esténdese por toda a provincia a concellos como Xinzo de Limia, Trasmiras, Viana do Bolo, A Pobra de Trives, Bande ou Ourense.
-
08
Cañas
Doce de tixola formado por un canudo de masa recheo de crema ou nata e cuberto de azucre. No Entroido é habitual atopalas de sobremesa no Deza ou no Carballiño.
-
09
Chaolas
Sobremesa típica do Concello de Cariño, na comarca do Ortegal, feita a base de fariña e ovos e fritida na tixola. Segundo o xornalista e gastrónomo Miguel Vila, as chaolas son unha variedade de orellas que, ademais de levar leite na masa, se diferencian polo modo de estirala, posto que se fai só coas mans e non cun rolo.
-
10
Mazapáns
Doce típico do val de Lourenzá que nada ten que ver co de améndoas do Nadal. Fanse dúas masas, unha madre con fariña, auga e fermento e unha segunda con ovos, azucre, sal, manteiga, limón e fariña. Déixase fermentar a primeira, mestúranse ambas e mázanse. Logo, estírase, córtase en anacos e frítense.
-
11
Sapos
Especie de chulas características da Limia. Xunto coa fariña, o leite e os ovos, adoitan levar cervexa ou gasosa a modo de fermento, polo que ao fritilos inflan lembrando a un sapo inchado.
-
12
Torradas doces
Sobremesa fritida feita con rebandas de pan reseso empapado en leite e rebozado en ovo. Aínda que tamén é un doce típico da Semana Santa, a súa presenza no Entroido aparece, entre outras, nas comarcas de Ferrol e da Coruña.