Alberto Ramos

Unha ducia de entes que antes saían na tele, pero agora non

Non os vou enganar, aquí non atoparán máis cá enésima selección simpática que pretende sacar un sorriso e aproveitarse da nostalxia catódica. Unha selección que remexe na memoria e extrae o que un considera o máis absurdo ou curioso da programacións desa década tan desprestixiada como foi a dos noventa. E agardo que, cando a rematen de ler, proclamen: “Pois falta isto e isto.” A crítica ás ausencias é tan importante coma a propia escolla.

  1. 01

    Ratas coma Lester

    Xa non se fan ratas xigantes coma as de antes. Lester era única e por iso Beakman a aturaba. O mundo de Beakman ensinounos de todo durante os seus anos en antena.  A ciencia era unha cousa diferente, que se podía descubrir lonxe dun libro de texto. A serie durou catro temporadas e en Galicia lémbrase coma un dos programas referentes para os rapaces desa época. A saber cantas dúbidas de nenos e nenas galegas acabaron viaxando a Kansas (Missouri)! Eu coñezo algún caso. Beakman xamais lles respondeu.

  2. 02

    Monicreques para a risa

    Houbo un tempo en que as marionetas ben puideron gobernar a televisión. Situados nas ondas máis rancias, podíamos descubrir os monifates dos ventrílocuos como José Luis Moreno. Nun espazo totalmente oposto, pouco condescendente e cargado de crítica política,  Las noticias del guiñol, programa que estivo a piques de ter unha resposta para a realidade galega. Quizais, nun punto intermedio podemos situar as criaturas de Guillermo Fesser e José Luis Cano e do seu programa Gomaespuma. E xa non fai falla falar de Fraggle Rock, non?

  3. 03

    Hugo

    Un clásico neste tipo de parvadas sobre programas de televisión, nostalxia e demais paxaradas. O sorteo da ONCE case era o do menos no Telecupón. Carmen Sevilla e Hugo roubaban toda a atención do público. Hugo era unha sorte de troll que manexaba o concursante a través do teléfono. O obxectivo do becho era rescatar, superando unhas probas, a súa muller e fillos, secuestradas por unha malvada sen corazón. Un podía chegar a gañar 300.000 pesetas daquela.

  4. 04

    Coitelos polo aire

    El gran juego de la Oca e outros contedores de entretemento televisivo enchéronse durante os noventa de múltiples personaxes curiosos. De entre todos eles, hoxe imos quedar con Alberto Murroni, o lanzador de coitelos máis mítico. Coa súa longa melena, os seus pantalóns en plan Aladdin, esa impostura... Personaxe bizarro e cun estilismo tan cuestionable  coma o do propio Emilio Aragón.

  5. 05

    Maestro Leiva

    Antes de Pereza -agora tamén-, xa había un Leiva que mola moito máis. Un señor director de orquestra, co seu currículo e a súa profesionalidade, que acompañaba en todas as súas batallas delirantes a Ramón García. Era coma outra capa para o presentador. A súa batuta sucou o aire de ¿Qué apostamos? e El Gran Prix. E en non poucas edicións de Eurovisión.

  6. 06

    Parodias e cantantes

    Tony Las Vegas, Vanessa Puñales, Curro Candelas... Estes extravagantes solistas puñan voz ás –mais ou menos acertadas- letras escritas por espectadores irónicos, encabuxados, indignados ou inxenuos do momento. A corrupción, o paro, o corazón e a política mesturábanse nun espazo de hortereo, de mamarrachez,  de crítica, singulares covers , de constantinos romeros. Unha marabilla dos noventa.

  7. 07

    As malditas risas enlatadas

    Nas series de televisión, nos programas, quizais nalgúns telexornais... Escoitábase demasiado este atentado á razón. Dende as comedias americanas ás españolas, que mesturaban o malo das producións estadounidenses co peor do humor hispano.. E todo aderezado coas falsas risadas. E para exemplo, uns chistes dunha Farmacia de Guardia que non leva nada ben o paso do tempo.

  8. 08

    As pulseiras ionizadas

    Quizais me falle a memoria, pero houbo un tempo en que as pulseiras iónicas –moito antes das power balance- monopolizaban os eternos cortes publicitarios. O seu dominio só estaba ameazado polas almofadas cervicais. Ou ao revés. Non lembro quen mandaba máis.

  9. 09

    Pupo en Arestora

    Falabamos antes dos monicreques, agora ben que podemos falar dos personaxes máis ou menos entrañables que pululaban pola televisión , grazas aos disfraces e os actores. No caso da Galega, poderíamos citar ao mítico Atilano, pero imos decantarnos polo  Pupo de Arestora. Un cempés que carga premios e que interrompía en moitas ocasións os presentadores. Como curiosidade, o actor Avelino González agochábase baixo o disfrace desta mascota. A partir do minuto 11, aparece Pupo.

  10. 10

    Seguriño

    “Iso está mal, iso está mal, isto está mal, está moi mal”. Seguriño emperrouse durante moito tempo en ensinarnos a cruzar a rúa, a respectar os semáforos, a cantar a súa canción. Anuncio didáctico cuns debuxos que todos ou case todos lembramos. Concienciación viaria para os máis pequenos.

  11. 11

    Locurón no castelo

    Ao meu modo de ver, un dos programas máis bizarros das últimas décadas. La noche de los castillos ten de todo: torres, historia, cabaleiros, todoterreos, misterios... Con este cóctel, case parece un libro de Darío Xohán Cabana. A fórmula era a seguinte: a TVE, imaxino que cun orzamento xeneroso, trasladaba os seus equipos cada semana a un castelo diferente da xeografía española. Aí organizábanse diferentes probas que deberían superar os tres equipos (vermello, verde e azul) para rescatar a filla do rei Folof (Anthony Quinn), raptada por un fulano mal, moi malo, que se chama Torque.

  12. 12

    La saga de los Clark

    No desaparecido LO + PLUS, presentado por Fernando Schwartz e Máximo Pradera, sucedíanse en medio das entrevistas unha serie de microseccións. Así naceron os televisivos Ramón Arangüena e Javier Coronas. Durante o tempo, tamén acolleron as noticias do guiñol e unha singular serie dirixida por Paco Mir. Cada capítulo non duraba moito máis de dous minutos. Con todos vostedes, La Saga de los Clark.