Mourullo

Unha ducia de gifs para non perder(se) no Carballo Interplay

Chega abril, volve o Carballo Interplay. Desde o mércores 3 ata o sábado 6 a capital de Bergantiños acolle a sexta edición do seu festival de contidos audiovisuais. Vai aquí unha ducia de pistas para percorrelo, de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.

  1. 01

    As webseries

    Desde Canadá ata Singapur. De Galicia a Barcelona. Do Líbano e Nova Celandia. Nesta sexta edición do CIP terás ocasión de probar trinta e catro webseries do mellor e máis selecto do mundo mundial.

  2. 02

    Estrea CIP: Sígueme

    A noitiña do xoves 4 será para a estrea do premio a mellor proxecto en lingua galega do CIP 2018, unha webserie feita por estudantes de Comunicación Audiovisual da USC que lles deu por afiar o dente na Psicoloxía.

  3. 03

    Jirafas podcast

    O podcast e videoblog, presentado por David Sainz, grava cada programa nunha cidade distinta, con público en directo, e un convidado como protagonista. Para esta ocasión a cidade será Carballo e os convidados protagonistas o cómico David Suárez e o guionista Enrique Lojo.

  4. 04

    Nin musas nin segundonas

    Isabel Cano fará un percorrido persoal e de homenaxe ás mulleres que crearon a industria do videoxogo. Ademais analizará diferentes representacións de distintos xogos e reflexionará sobre a importancia de ter referentes, as iniciativas na busca dun cambio e os medios para facer visible o traballo das compañeiras.

  5. 05

    Encontro con creadores galegos de internet

    Para saber da explosión de creatividade na rede galega dos últimos anos, todo ollos e oídos o venres pola mañá para Marcos López (Tele Jaita), Miguel Silva Conde (Aquel-e), Laura Cruxeiras (Corasón de Churrasco, Blanca & Tinta) e Juan Gimel; e o sábado para Alba Mancebo, Edu Fernández, Olaxonmario e María Mera.

  6. 06

    Preestrea Flooxer: “Terror y Feria“

    Reivíndicase como un Black Mirror co espírito de John Waters, Alfred Hitchcock, La Veneno e Chicho Ibañez Serrador. Polo festival pasarán dous episodios, o director Benja de la Rosa e Sandra Escacena, unha das súas protagonistas.

  7. 07

    Código Fonte Audiovisual: “Autopoética en liña” con Aldaolado.

    Lucía Aldao e María Lado súmanse a unha ilustre nómina de persoeiros (Carlos Pereiro, Chévere, Zopilote, Belén Regueira e Touriñán) que en anteriores edicións do Interplay nos confiaron o seu imaxinario audiovisual.

  8. 08

    Show “Hermostra”, con Charo López e Malena Pichot.

    Defínense como espectáculo terceiromundista. Por primeira vez en Galicia este show de dúas cómicas arxentinas sobre a pobreza, a política, a relixión, o sexo, a familia en particular e a sociedade en xeral, desde o primeiro ao terceiro mundo.

  9. 09

    Narrativas de ficción en Twitter

    No medio de reino do ruído e do imperio do 'zasca' é posible atopar historias de ficción que seducen a milleiros de usuarios. Un par de sedutores, Manuel Bartual e Miguel López 'El Hematocrítico' darán conta do súa traxectoria narrativa no Interplay.

  10. 10

    Redes de sororidade no mundo dixital.

    Creadoras de contido dixital como Anabel Lorente, Lula Gómez, Rocío Quillahuaman e Isabel Cano falarán de como a fraternidade nas redes une e fai máis fortes a mulleres de toda condición.

  11. 11

    Los Prieto Flores

    Borja Prieto e Natalia Flores volven traer o seu atrevemento de tribo familiar ao Carballo Interplay. Polo salón da súa casa no Pazo da Cultura de Carballo pasarán Charo López, Malena Pichot, El Hematocrítico, Rocío Quillahuaman e Lula Gómez.

  12. 12

    A conversa

    No fin de contas, o Interplay é o lugar axeitado onde vernos as caras, gozar da compañía e practicar a nobre arte de falar e escoitar, pasándoo ben. Vémonos en Carballo!