Unha ducia de iniciativas científicas e talentos
Malia a crise, malia a emigración, malia os paus nas rodas das leis educativas, e o descenso nos investimentos en I+D a niveis de 2005, en Galicia seguen a agromar en 2013 a innovación, as iniciativas baseadas na ciencia e o talento en todos os eidos, científicos e humanísticos Velaí unha ducia.
-
01
A contribución galega ao achado do bosón de Higgs, premiado co Nobel de Física
Por primeira vez na concesión do Nobel cítase ao equipo experimental: "os experimentos ATLAS e CMS no CERN". Nel traballan, contratados polo propio CERN, galegos como Mar Capeáns, cun contrato permanente, implicada en ATLAS, Xabier Cid, no LHCb, e Leticia Cunqueiro no ALICE, estes dous experimentos relacionados co bosón de Higgs a niveis máis teóricos. Tamén colaboran ou colaboraron desde a USC físicos como José Hernando, Abraham Gallas ou Cibrán Santamarina (LHCb), e Carlos Pajares, Néstor Armesto ou Carlos Salgado (ALICE). No CERN fálase de Física en galego, aínda que o decreto de trilingüismo obrigue a impartila en castelán en Galicia.
-
02
Manuel Álvarez Torneiro, premio nacional de poesía 2013
Non era sen tempo! O premio nacional de poesía en 2013 acadado por un poemario escrito en galego, Os ángulos da brasa de Manuel Álvarez Torneiro (Tambo, Faktoría K). A poesía galega imponse neste premio por vez primeira, é unha honra ser representados por Torneiro. Palabra poética, prendendo lume ás certezas. Di Álvarez Torneiro nunha entrevista en Praza "O poeta fala dos problemas e das necesidades que ve. Por iso teño que falar da mentira". E tamén: "Temos que ter o valor de darnos un futur".
-
03
Javier Méndez e os seus estudantes de ESO fan ciencia e acadan premios
Javier Méndez Zunzunegui, profesor de tecnoloxía do colexio público integrado (CPI) dos Dices, Rois, continúa levando a cabo proxectos e participando co seu alumnado e a profesora Susana Rodríguez en concursos como YouTube Space Lab, no que Laura Calvo e María Vilas chegaron á final en 2012, competindo con máis de 2000 proxectos, e levaron a bandeira galega a flotar na ingravidez. En 2013 o proxecto de robótica de Sergio Baleirón, Andrea Conde, Sandra Conde, Sara Iglesias, Alba Sorribas e Fabián Vázquez de 3º de ESO, gañou a Volare Space Robotics Competition, competición promovida pola Axencia Espacial Europea.
-
04
O software Avalingua da da start-up galega Cilenis premiado polo MIT
Avalingua, un corrector intelixente que permite mellorar a aprendizaxe e o ensino de linguas, foi recoñecido en novembro de 2013 en Lisboa no Building Global Innovators, unha iniciativa do Massachusetts Institute of Technology (MIT), cunha mención de honra, que lle permitirá recibir asesoramento do prestixioso instituto tecnolóxico de Boston e acceder a investidores de toda Europa e Estados Unidos. Foi desenvolto por Cilenis, start-up tecnolóxica promovida nun grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, e presentado en Lisboa por Isaac González.
-
05
Os tradutores que verquen obras da literatura universal ao galego
Recoñecemos o labor de escritoras e escritores, mais sen tradutoras e tradutores que verquen obras ao galego, sería imposible ler as obras da literatura universal na nosa lingua. O talento dos profesionais da tradución en Galicia, pode personificarse neste ano en Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle tradutores de Ulises de Joyce ao galego (Galaxia), logo de 10 anos traballando no texto. En 1926 Otero Pedrayo publicara a tradución duns fragmentos na revista Nós.
-
06
Efervesciencia: Programa de Manuel Vicente na Radio Galega
O programa de divulgación científica Efervesciencia que dirixe Manuel Vicente na Radio Galega, os sábados de 16 a 17, continúa o seu labor de achegar a ciencia a todos os lugares de Galicia. Neste ano de 2013 acadou o Premio Prismas de Bronce, da Casa das Ciencias de A Coruña polo reportaxe: "Vacinas? si grazas", do que o xurado subliñou o seu rigor e creatividade.
-
07
Alan Turing, grande talento matemático rehabilitado en 2013
Calquera ano sería bo para reivindicar a memoria de Turing, pai da ciencia da computación e da intelixencia artificial, inventor da máquina que leva o seu nome. Ten sona polo seu papel no desciframento do código Enigma, utilizado polos alemáns para encriptar as comunicacións durante a Segunda Guerra Mundial. É acaído lembralo en 2013 porque en Nadal foi rehabilitado (tecnicamente "perdoado") polo goberno e a Raíña de Inglaterra da condena por homosexualidade en 1952 que, probablemente, levou á súa morte por comer unha mazá envelenada con cianuro. Unha lembranza necesaria nun intre en que hai gobernos empeñados en impoñer a todos, e especialmente a todas, a súa moral particular, as súas obsesións e estereotipos.
-
08
Oink! Os talentos na banda deseñada
Galicia é unha grande potencia en canto a talentos da banda deseñada, porén as revistas tiveron, até agora, dificultades para acadar continuidade. Nestes tempos difíciles é máis salientable a creación de Oink! A revista do Xabarín club, promovida por Agalip, e Marcos F. Sanmamed, na que colaboran Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Andrés Meixide, Miguel Porto, Fran Bueno, Marilar Aleixandre, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Kohell, Victor Rivas e Pinto & Chinto. Oink! acadou en outubro, nas Xornadas de Banda Deseñada de Ourense o Premio á mellor iniciativa no campo da banda deseñada.
-
09
Xa temos dominio .gal
Xa nos tardaba, mais por fin chegou .gal, o dominio galego na Rede. O 11 de novembro Icann, a corporación que goberna as direccións da Internet e a Asociación Puntogal asinaron o contrato de creación do dominio .gal que, segundo a asociación "significa a culminación de sete anos de traballo nos que toda a sociedade galega se uniu para conseguir un distintivo de máximo nivel na Internet". Os dominios .gal poderán rexistrarse desde comezos de 2014.
-
10
Germán Coppini, músico
Germán Coppini, cofundador e vocalista de Siniestro Total e de Golpes Bajos, artista singular, provocador, comprometido coas ideas republicanas e as reivindicacións sociais morreu en decembro. Como outros protagonistas da Movida Viguesa, Germán era un home moito máis culto e comprometido do que algúns, empeñados en representar a movida como modelo da frivolidade e a fin da política, recoñecen. Participou nunha lista republicana ao congreso nas eleccións de 2011 e, como Julián Hernández, era dos que enviaba parabéns republicanos cada 14 de abril. Marxinado por unha industria que só procura a repetición, resistiu participando de proxectos colectivos ou gravando en solitario. Quédanos a súa música.
-
11
Humsat-D: o satélite espacial galego
O 21 de novembro foi posto en órbita o Humsat-D, un novo satélite creado na Universidade de Vigo, a bordo do foguete Dnepr-1, lanzado desde o cosmódromo ruso de Yasni. Este lanzamento forma parte dun proxecto internacional, Humsat, en colaboración coa ONU e a Axencia Espacial Europea e orientado ao fomento de capacidades en el sector espacial sobre todo en países emerxentes. Permitirá transmitir datos de interese ambiental desde áreas sen infraestruturas. É o segundo satélite creado na UVigo, despois do Xatcobeo.
-
12
Fina Casalderrey na Real Academia Galega
O 22 de novembro Fina Casalderrey, autora sobranceira na literatura infantil e xuvenil galega, tomou posesión da súa cadeira na Real Academia Galega. Con ela recupérase o número de cinco mulleres (disminuído desde a morte de Olga Gallego), aínda insuficiente nunha corporación de 30. Fina foi mestra de primaria e secundaria durante moitos anos, represaliada no franquismo por organizar co alumnado obras de teatro en galego. Nunha entrevista en Praza sinalaba: "A educación é unha conquista da democracia que se nos está esvaecendo coma fume de cabicha, o que non debemos permitir." Sen dúbida realizará grandes achegas á RAG como xa o fai á literatura galega.