Unha ducia de momentos de Eurovisión
Este sábado celébrase a final de Eurovisión 2012 (aínda que os verdadeiros fans levan días pendentes das semifinais). Repasade algunhas das mellores cancións, anécdotas, personaxes e estrelas que o festival amosou nos seus máis de cincuenta anos de historia. E desta vez si que unha ducia nos quedou moi curta.
-
01
Comezamos con Domenico Modugno
O Festival de Eurovisión empezou no ano 1956. Xa nos seus comezos, en branco e negro, deu acollida a algúns artistas que acadarían éxito internacional. Por exemplo, o representante italiano en 1958: Domenico Modugno.
-
02
La, la, la (etcétera)
Na década seguinte, o número de países participantes incrementouse. Así, o réxime franquista tamén aproveitou as posibilidades de difusión europea do festival. O La, la, la gañou en 1968, interpretado por Massiel, despois de que se retirase ao seu cantante orixinal, Joan Manuel Serrat, que pretendía cantar en catalán. Tamén se di que houbo "primas a terceiros".
-
03
Anticipando a Revolução dos Cravos
Eurovisión tamén serviu para facer a revolución. Temos un caso moi perto de nós. A canción de Portugal -un país que nunca gañou Eurovisión- en 1974, E depois do adeus, de Paulo de Carvalho, converteuse nun dos contrasinais que deu paso á Revolução dos Cravos.
-
04
Sweden, 12 points
...pero quen gañou o festival ese ano foi Suecia, cos despois famosísimos Abba e o seu Waterloo, aproveitando unha das épocas en que non era obrigatorio cantar nunha lingua oficial do país en Eurovisión.
-
05
Marrocos en Eurovisión!
Agora que tanto se critica que participen en Eurovisión países asiáticos, pouca xente lembra que Marrocos concorreu unha soa vez no festival, ao pertencer a súa televisión pública á UER. Foi un ano en que Israel foi expulsado temporalmente, ao non querer organizar o concurso por segundo ano consecutivo. Foi Samira Said, en 1980.
-
06
Quien manejaba su barca?
Se xa repasamos antes o éxito español de Massiel, tamén é xusto lembrar os seus fracasos máis sonoros. A obsesión de TVE por pretender poñer de moda en Europa os ritmos flamencos levou a mandar en 1983 a Remedios Amaya e a súa barca a Munich, obtendo cero puntos, os mesmos ca Turquía aquel ano.
-
07
Estes alemáns...
Nos anos 90 volveu ser obrigatorio cantar nunha lingua oficial do estado participante, circunstancia que aproveitou Irlanda para gañar tres anos seguidos, e outra vez máis dous anos despois. Outros concorrentes decidiron optar pola vistosidade e extravagancia, como a oferta alemá en 1998, Guildo Horn.
-
08
O momento de Dana Internacional
Pero ese 1998 foi tamén un fito no eurofestival, ao ser a primeira vez que unha transexual vencía o concurso, impulsada tamén pola afección que ten a comunidade LGBT a esta competición. Dana International gañou, e tentou repetir en 2011, sen lograr pasar da semifinal.
-
09
Entran os países do leste
Tamén nos 90 se abriu a participación aos países do leste de Europa, aínda que Iugoslavia xa levaba dende os 60 en Eurovisión grazas á súa "terceira vía". Despois de sufrir unha cruenta guerra, Bosnia e Herzegovina decidiu achegar tamén un toque kitsch no ano 2000 co seu artista nacional Laka.
-
10
Tamén hai 'heavy' en Eurovisión
Un dos países que compartía con Portugal a deshonra de levar toda a vida participando e nunca gañando era Finlandia, que por fin logrou a vitoria no ano 2006 cunha canción que rompía os moldes do concurso, o Hard rock hallelujah dos monstros de Lordi.
-
11
As avoas de Eurovisión. Favoritas no 2012?
A idade mínima para participar en Eurovisión é de 16 anos. Este ano a Federación Rusa decidiu enviar un grupo de mulleres que, aínda que non o pareza, non chegan aos 80. As Buranovskiye Babushki cantan nunha lingua minorizada, o udmurt, e espertaron as simpatías do público. Iso si: aseguran que, se gañan, cos cartos obtidos construirán unha igrexa en Buranovo.