CTNL - Proxecto Apego

Unha ducia de nomes para @s galeg@s do ano que vén

Pórlle nome a unha filla ou fillo é algo importante que cómpre pensar de forma detida. Ese nome será un elemento que a/o vai identificar ao longo de toda a vida, polo que ten certa importancia que a/o vincule coa súa orixe e a/o diferencie dentro da sociedade global e, para iso, escoller un galego é unha boa alternativa. Nomes hai moitos, e ben bonitos e orixinais! Aquí simplemente che damos unha ducia de ideas para que elixas ou propoñas a quen ten que elixir para @s nen@s do ano que vén. Entón, anímaste a que o seu nome sexa propio? Seguro que é un bo comezo! Ah! E bótalle un ollo a Apego.gal ;-)

  1. 01

    Aldara

    Aínda que non chegan a 1.000 as Aldara que na actualidade hai no país, este era un nome moi frecuente en época medieval, como se reflicte nos textos antigos. E ata unha delas que viviu no século X, de Celanova, chegou a santa, a santa dese nome, claro, Santa Aldara, que ademais foi nai doutro santo, San Rosendo. O significado na súa orixe xermánica non está nada mal: “sabia na loita”.

  2. 02

    Carme

    Ven bailar Carmiña, Carmiña, Carmela… Un clásico, tanto o nome como a canción. Pero…, sabes cantas Carme hai, así escrito, en total, en toda Galiza? Pois non chegan a 200! Vaia, nin sequera unha por concello. A proposta perfecta para quen procura un nome tradicional e, ao mesmo tempo, non masificado.

  3. 03

    Exeria

    É moi, moi, moi pouquiña a xente que elixiu este nome, o da abadesa e escritora da Gallaecia do século IV que narrou a súa viaxe a Oriente na obra Itinerarium Egeriae. Ademais Exeria tamén é a deusa romana das fontes e dos partos. Se o que queres é un nome que realmente individualice, este pode ser o ideal.

  4. 04

    Icía

    Que nome tan fermoso e... musical! Se queres que a nena naza xa cun disco de Xabier Díaz dedicado a ela, ponlle Icía. E, ademais, santa Icía é a patroa da música. Este nome, de momento, nunca entrou entre os 50 máis elixidos para as nenas galegas, pero está, pouco a pouco, en alza. Seguro que en 2016 é tendencia!

  5. 05

    Sarela

    O Sarela é un río compostelán, afluente do Sar, e o seu nome, diminutivo deste en que desemboca, ten orixe prerromana e converteuse nos últimos anos en nome de muller. Ata 2014 había 50 nenas chamadas así, e proba de que o nome é ben novo é que a súa media de idade é de 11,5 anos.

  6. 06

    Xoana

    Mentres a súa variante masculina, Xoán, é un dos nomes máis populares e universais de todas as épocas, a feminina, aínda que nunca o foi tanto, tamén foi moi utilizada, aínda que hai anos que está en descenso…, e cremos que é unha mágoa. Foi, ao mesmo tempo, nome de raíñas e traballadoras, e estamos seguras/os de que o seguirá a ser. 

    E en diminutivo é Xoaniña :-)

  7. 07

    Breixo

    Moi certo, sincero, que conta a verdade, é o significado deste nome na súa orixe latina que en 2014 non chegaba aos 600 homes que o levasen, e cunha media de idade de menos de 11 anos. Unha aposta ben xeitosa, non?

  8. 08

    Nuno

    Moi habitual no país veciño Portugal e na Galiza medieval, mais non tanto, aínda que en alza, na Galiza actual, onde non hai aínda nin 200 Nuno. Pero ser é ben bonito, sonoro e sinxeliño, non? "Nuunoo!" Non te ves chamándollo a un neno?

  9. 09

    Roi

    En 2014 ocupou o posto 28 do ránking de nomes en Galiza (naceron 96 nenos aos que chaman Roi), e o sexto de entre os galegos diferenciais, por detrás de Brais, Xoel, Antón, Iago e Anxo. Ser é unha forma abreviada de Rodrigo popularizada no galego, e que significa ‘famoso’, ‘glorioso’. Elixíndoo ou propóndoo ti, seguro que en 2016 haberá máis de 100!

  10. 10

    Xandre

    Seguro que vai ser un gran defensor teu (‘defensor’, ese é o seu significado), polo menos de pequeniño e de maior. As idades intermedias, vaia, xa sabes, son como son… Este hipocorístico de Alexandre está a ser tendencia!

  11. 11

    Xián

    Posiblemente sexa un dos nomes do vindeiro ano..., cando menos ha ser celebrado dos primeiros: a súa festa é o 7 de xaneiro. Conta con variantes como Xiao ou Xulián e o seu equivalente feminino é outro nome que tamén está a gustar moito: Xiana. En 2014 naceron 64 Xián, pero seguro que en 2016 serán máis!

  12. 12

    Xoel

    Xunto con Brais, Anxo e Iago, Xoel é un dos nomes galegos máis escollidos nos últimos anos. Aínda que, como o cantante Xoel López, hainos próximos aos 40, a media de idade dos Xoel anda polos 7 anos.