Filipe Diez

Unha ducia de palabras que estiveron de moda en 2013

Cada ano hai unha serie de palabras que se fan inesperadamente populares. Ás veces son anglicismos, neoloxismos ligados a avances científicos ou técnicos ou ben xerados por algún fenómeno da cultura popular. Pero tamén palabras de toda a vida recuperadas ou postas de actualidade. Neste 2013 tivemos de todo. Cales serán as do 2014?

  1. 01

    Abdicar

    Se 2012 foi o ano en que a crise da monarquía saltou ás portadas, o ano 2013 foi o do aprofundamento no deterioro da imaxe pública da Casa Real española. As peripecias xudiciais de Iñaki de Urdangarín, as piruetas da Fiscalía e do Ministerio de Facenda para exculpar a infanta Cristina, as sucesivas doenzas do propio Juan Carlos, as fricións coa princesa Letizia ou a censura sobre o documental exhibido na televisión francesa contribuíron a alimentar o debate sobre o futuro da monarquía, até o punto de que mesmo nos medios máis conservadores se discute sobre a abdicación do monarca como mal menor para tentar salvar a Casa Real, cuxo papel nunca desde a chamada Transición estivera tan cuestionado. Mais semella que, polo menos por agora, Juan Carlos I non está polo labor.

  2. 02

    Bitcoin

    Aínda que as moedas virtuais xa teñen case un lustro de vida, nunca antes se falara tanto delas. A máis popular delas, o bitcoin, acabou servindo como nome xenérico para se referir a todas elas. Despois de aumentar o seu valor en até un 13.000%, mais tamén de se devaluar un 50% nun só día, cada vez se debate máis sobre se estamos ante unha moeda libertaria ou ante un novo modelo de bolla especulativa. En plena crise do euro, alguén aí se anima a investir no mercado de bitcoins?

  3. 03

    Denisovanos

    Despois de seren descobertos no ano 2010, a finais de 2013 os homínidos de Denisova ou denisovanos (chamados así en homenaxe ás covas de Siberia onde se acharon os restos) gañaron fama nas páxinas científicas debido á hipótese de que teñan se emparentado con outras especies humanas, espallando o seu ADN polo continente europeu, como probarían as análises de material xenético realizadas nos fósiles de Atapuerca. O que parece claro é que a explicación linear da evolución dos primates é xa claramente insuficiente e que se abre un escenario moito máis complexo a ser desvendado nas próximas décadas.

  4. 04

    Diferido

    Tentando xustificar a suposta desvinculación de Luis Bárcenas respecto do Partido Popular xa á altura de 2010, a pesar de manter salario e despacho na sede central desa forza política aínda a comezos do presente ano, María Dolores de Cospedal acabou protagonizando un dos trabalinguas do ano, de significado indescifrable mais certamente novidoso no ámbito do dereito laboral. Non aclarou nada, pero si conseguiu que as redes sociais se enchesen de mensaxes de persoas que expresaban o seu desexo de seren despedidas en diferido nas mesmas condicións que o PP lle aplicou ao seu célebre ex (agora, si) tesoureiro.

  5. 05

    Fermións

    Cando en 2012 os científicos nos explicaron –con relativo éxito– o que era o bosón de Higgs e a súa relevancia para o estudo da materia e da historia do universo, ninguén esperaba os resultados que nos últimos meses comezaron a recollerse. E é que, polo que parece, o bosón se desintegra noutro tipo de partículas elementares, os fermións. Todo indica que o CERN seguirá empeñado non só en realizar novas descobertas, senón tamén en popularizar novas palabras que até agora só se pronunciaban nas clases de física.

  6. 06

    Fracking e lixiviación

    A loita contra o megaproxecto mineiro de Corcoesto deixounos moitos ensinamentos, sendo o máis importante o da mobilización cidadá nun movemento unitario e capaz de gañar apoios até conseguir paralizar, polo menos por agora, os plans da empresa canadense Edgewater e da Xunta de Galicia. Mais tamén nos aprendeu algunhas novas palabras, como o fracking ou fratura hidráulica, un perigoso sistema de extracción de gases e minerais en profundidade. E tamén a lixiviación, un método de decantación dun material sólido (neste caso, o ouro) mediante o emprego dun disolvente líquido, proceso para o cal en Corcoesto estaba previsto que fosen usados arsénico e cianuro. Nada menos.

  7. 07

    Phablet

    Non é un artiluxio creado neste ano e de feito nalgúns países asiáticos xa está a facer furor, mais por aquí foi en 2013 cando comezou a se popularizar o termo. As phablets son un misto de teléfono e tableta, con todas as funcionalidades de ambos e un tamaño intermedio entre eles, e todo indica que será unha das grandes apostas das compañías de comunicación no ano que vai comezar. O caso será se nos afaremos a falar cun aparello de 7 polegadas colado ao oído... mais tamén se dubidada o mesmo cando foron lanzados os teléfonos intelixentes ou smartphones e hoxe xa ninguén se lembra deses receos.

  8. 08

    Phubbing

    Formando a partir de phone (teléfono) e snub (desprezar), o phubbing é un deses paradoxos contemporáneos, xa que a extensión do uso dos teléfonos con funcionalidades sociais acaba creando nalgúns usuarios tal grao de dependencia que acaban realizando un uso anti-social desas ferramentas. E iso precisamente é o phubbing: desprezar, ignorar ou deixar en segundo plano as persoas en cuxa compañía se está, para dar atención preferente –cando non exclusiva– ao teléfono móbil. Un hábito cada vez máis estendido e tamén máis criticado.

  9. 09

    Preferentistas

    Comezaron a facerse oír en 2012 e aos poucos foron capaces de venceren o muro de silencio dos grandes medios, que acabaron facendo das súas mobilizacións e reivindicacións un dos asuntos principais nas portadas, nos espazos informativos e nos debates. O termo non é totalmente exacto, xa que nos colectivos de persoas afectadas hai, ao lado dunha maioría de compradores de participacións preferentes, tamén xente estafada por outros produtos tóxicos, coñecidos xenericamente como derivados financieiros. Mais a súa loita, que xa conseguiu mudar a política das institucións financieiras canto á negociación dunha solución, ademais dun monte de sentenzas favorables e unha enorme solidariedade social e política, ben merece un aplauso, ademais da nosa gratitude por ensinarnos o que son as preferentes e que riscos implican.

  10. 10

    Selfie

    O que era unha moda –xa veterana– identificada sobre todo cos adolescentes e coas redes sociais de encontros para adultos pasou ás portadas dos principais medios internacionais cando o presidente dos EUA, Barack Obama, participou nun selfie nun momento en principio tan pouco apropiado como o funeral por Nelson Mandela. O selfie (ou autorretrato tirado cunha cámara dixital, habitualmente a que vén integrada nun teléfono intelixente) da polémica reuniu, xunto a Barack Obama, o primeiro-ministro británico, David Cameron, e mais a sua homóloga danesa, Helle Thorning-Schmidt, que foi a autora do disparo, mentres ao fondo a primeira-dama americana se mantén á marxe e con semblante serio. Grazas a eles, relembramos o que é un selfie e, tamén, o que non se debe facer nun funeral.

  11. 11

    Sesquicentenario

    Sesquicentenario é unha desas palabras que adoitan permanecer agachadas nunha remota liña dos dicionarios, á espera dunha oportunidade de ver a luz. Unha oportunidade ben pouco probable no caso de termos tan eruditos como o presente. Mais eis que Rosalía de Castro operou o milagre, xa que ao cumprirse o 150º aniversario da publicación do seu primeiro grande poemario en lingua galega, algúns críticos literarios comezaron a desempoar o termo e así, paseniño, foi se abrindo paso até que primeiro os colectivos culturais e despois os medios xeneralistas comezaron a plasmalo. Con todo, nin esa efeméride nin a intensa reclamación do mundo da cultura conseguiron até agora que a Xunta de Galicia oficialice un Día de Rosalía, que a AELG propón comemorar todos os 24 de febreiro. Outro desafío en aberto para o ano que entra.

  12. 12

    Twerking

    O máis banal dos termos que aprendemos neste ano é, case sen ningunha dúbida, o twerking. A responsable por conseguilo foi Miley Cyrus, a ex chica Disney agora reconvertida nunha cicloxénese –por usar outro termo da moda– de enerxía sexual. Todo ocorreu durante a entrega dos premios musicais VMA (Video Music Awars), cando Miley interpretaba unha canción a dúo con Robin Thicke: no medio da actuación, Miley asaltou a entreperna do seu compañeiro de palco para esfregarse nela cunha cadencia rítmica tan picante como o resto da súa interpretación desa noite. Máis adiante, a propia Miley repetiu a dose facéndolle un twerking… a Santa Claus! Se pretendía borrar de vez o seu pasado de chica boa da Disney, con certeza conseguiuno.