Unha ducia de retos da cultura galega en 2013
Levamos pouco máis dun mes de ano e xa son visibles, na rúa e no Parlamento, conflitos ao redor da lingua das artes escénicas e mesmo sobre o recoñecemento institucional da figura de Rosalia de Castro. A cultura galega sofre a crise e os recortes e, á marxe das cuestións económicas, enfronta ou debe enfrontar numerosos retos que afectan á súa estrutura e futuro. O achegamento ao espazo lusófono, os retos da edición dixital ou a profesionalización e internacionalización das nosas industrias culturais agardan por respostas.
-
01
Recuperar o espazo dos medios galegos
Tras a dobre mordida da crise política e da económica, os medios galegos enfrontáronse ao momento máis duro da súa historia recente. O bo de 2012 foi ver como a implicación colectiva podía dotarnos outra vez do dereito á información na nosa lingua, un exercicio de forza común que non debera ser subestimado. O camiño que queda por diante é lograr a consolidación dos novos proxectos e apostar pola recuperación paulatina do espazo perdido.
-
02
Fomentar a imaxe internacional da literatura galega
Algo se ten andado, pero até agora a nosa literatura pasa por ser unha completa descoñecida fóra de determinados círculos académicos. Conseguir que a literatura galega sexa parte da construción da nosa imaxe no estranxeiro e que conforme un pasaporte inmaterial para toda a galeguidade é un reto necesario, que ademais non debera resultar demasiado difícil.
-
03
Asegurar un futuro ás librarías
Negocios culturais como as librarías atópanse hoxe na encrucillada dos tempos, ameazadas polas grandes multinacionais dun lado e polo principio do declive do papel como formato polo outro. É necesario potenciar o seu valor aló onde seguen a ser imprescindíbeis para a sociedade: espazos de intercambio e difusión de ideas que fomentan a cohesión cultural e o debate. Galiza non pode renunciar aos novos tempos, pero tamén non pode permitirse perder nin unha libraría máis.
-
04
Non deixar esmorecer as traducións á nosa lingua
A pesar de que o entusiasmo de pequenos proxectos e o compromiso constante dalgunha das grandes editoras fixo que pasase case desapercibida para o público, a crise tamén chegou ao campo da tradución. A supresión das axudas por parte da Xunta ameaza o que segue a ser unha das dimensións máis importantes de calquera cultura.
-
05
Consolidar eventos de difusión cultural
Eventos como o Culturgal viñeron demostrando nos últimos anos que a cultura galega non só ten capacidade para atraer o público, senón que segue a ser rendíbel economicamente. Agora chegou a vez de reforzar outras citas como as Feiras do Libro e seguir abrindo camiños para que sociedade se atope de novo coa súa cultura.
-
06
Encarar a fenda dixital do libro galego
Por volta do 2009 a cultura galega pareceu descubrir de golpe o libro dixital e tivo unha breve efervescencia nese sentido. Dende aquela pouco se ten avanzado nese campo e as reticencias da maior parte das editoras a encarar esa dimensión do libro, unidas a conceptos fechados en canto a dispoñibilidade e formatos, poden volverse contra elas nos vindeiros anos.
-
07
A eterna cuestión do voluntarismo
Cada vez máis lonxe das expectativas razoábeis da maior parte dos actores da nosa realidade cultural, se cadra non sería mala idea recuperar a idea da profesionalización de moitos dos traballos asociados á súa existencia. É necesaria unha actitude consciente que permita a creación de novos modelos de retribución, axeitados a un contexto no que a alianza coas políticas restritivas na distribución de contidos xa se revelou como un enorme erro.
-
08
Aproveitar as oportunidades abertas que ofrece a lusofonía
Se cadra resultaría inxenuo agardar unha solución ao conflito normativo que pase sen traumas por calquera das solucións maximalistas que ofrecen os distintos bandos. Porén, é un feito indiscutíbel que a proximidade/identidade da lingua portuguesa coa falada na Galiza abre un caudal de augas limpas das que a nosa cultura podería beber até fartar en lugar de botar tímidos grolos como até agora. Fomentar e aproveitar sen complexos as relacións culturais co espazo lusófono é un dos retos pendentes da nosa cultura. De sempre, pero se cadra máis urxente conforme pasan os anos.
-
09
Manter o nivel do Día das Letras
Non cabe dúbida de que a Academia non atravesa polo seu mellor momento de imaxe, pero se hai que recoñecerlle algo é que nos últimos anos fixo rexurdir o Día das Letras como unha festa popular de celebración da cultura capaz de calar no adormecido tecido social. Manter o nivel acadado nestes anos é o menos que se lle pode pedir a unha institución que sen dúbida debera facer autocrítica e tratar de mellorar moitas outras cousas.
-
10
Superar o abandono institucional das artes escénicas
A loita comezou a principios de febreiro, e seguramente será longa e dura. Como case todos os outros eidos culturais, as artes escénicas acusan un abandono por parte da Xunta que ameaza o seu futuro e a súa viabilidade. Irónico, pero tamén particularmente acaido que o conflito xurda ás portas do ano de Roberto Vidal Bolaño, icona e loitador incansábel polo futuro do teatro galego.
-
11
Máis e mellores críticas
A pesar de que unha parte importante da difusión e do traballo de visibilidade corre a cargo de persoas que dedican á crítica, este labor leva tempo a precisar dun proceso de autorreflexión. A imprescindíbel delimitación entre crítica literaria e filolóxica, ou a tendencia a un entusiasmo autoafirmativo, por veces enormemente afastado da realidade, seguen a ser algúns dos problemas clásicos, aínda a procura de solucións.
-
12
Non volver saír á rúa pola lingua
Non ter que saír á rúa para defender a lingua galega implica, como pouco, conseguir que o goberno da Xunta respecte a lexislación e que abandone as campañas de hostilidade contra un dos bens culturais que ten a obriga de defender e promocionar. Tamén deberían cesar os trasnoitados ataques uniformizadores que proceden do goberno central. 2013 comezou xa cunha manifestación por un dereito básico. Non ter que repetila sería a maior mostra de éxito colectivo".