Unha ducia de xogos de sempre
Polo San Martiño, peóns ao camiño. Tralo 11 de novembro entramos de cheo no magosto. Castañas, carne de porco e bo viño cos peóns a bailar no camiño. Un bo momento no que lembrar os xogos da nenez, ou non tan nenez! Para unhas xentes populares, para outras tradicionais, e para min, neste caso, os nosos, os de sempre.
-
01
Peón
Buxaina, trompo, bailarete, ... unha morea de nomes para chamar a un mesmo enredo: o peón! Un pequeno xoguete de madeira con forma cónica que remata nunha punta metálica. E en que consiste o xogo? En facer bailar o peón. Para iso temos que enrolarlle un cordel (piola, baraza, ...) na barriga e soltalo ata que role no chan. Parece doado, máis non o é! Sobre todo se despois de poñelo a bailar pretendes que o siga facendo na túa man.
-
02
Pelouro
Xogamos con cinco pequenas pedras redondeadas. Lanzámolas ao aire e tentamos coller unha. Despois, arrebolamos esa, a coutadeira, e collemos outra. E así sucesivamente ata tirar o pelouro principal e coller os catro que quedan. O xogo tamén se coñece co nome de chuca e é similar ás tabas. Neste último caso, en vez de xogar con pedriñas, facémolo con astrágalos, os pequenos ósos das articulacións das ovellas e das cabras. Con catro caras (carne, cu, chuca e taba), gañamos ou perdemos segundo a posición na que caia a taba.
-
03
Bolichas
Primeira, trúquel, máis trúquel, pé, paso de bóla, ghuá! ... un dos xogos máis populares das bolichas, bólas, boliñas ou canicas. O obxectivo é meter as bólas nun burato que feito no chan, o guá. Os/as participantes tiran por quendas desde unha liña marcada a uns cinco pasos do burato. Se a túa bóla queda no campo, e alcánzache outra, quedas eliminado/a.
-
04
Mariola
Pintamos ou raiamos no chan un taboleiro composto por varias casas numeradas que lle darán nome a variedade do xogo: avión, cadro, rectángulo, ceo, caracol, sete e media, ... Situados/as fóra do campo, lanzamos un anaco de tella ou pedra plana (pello, peletre, peletra, patefa, ...) e saltamos os cadros sen tocar os bordos. Despois, seguiremos á pata coxa e iremos empuxando o pello co pé. Se este é lanzado fóra ou queda sobre a raia, perdemos a quenda. Outra modalidade é a do cravo, na que se cambia o pello por un coitelo, unha navalla ou unha barra metálica apuntada.
-
05
A aña da aghachada
Aghachadas, escondite, escondedelas ou coito. Un xogo moi coñecido que non precisa ningún material. Simplemente xente, como mínimo tres persoas. Mentres que unhas se esconden, outra "queda" na "casa" para despois buscalas. De costas á zona de xogo, ben mirando cara a un obstáculo ou tapando os ollos, comeza a contar ata o número que se decida e darlle tempo ao resto a esconderse. O xogador terá que chegar aquí sen ser visto e dicir en alto que chegou e está a salvo. "Por min" é o berro máis soado, aínda que na Arousa convértese noutro tan curioso como "coito", se cadra co significado de refuxio.
-
06
Corda
Pan, queixo, viño, touciño, touciño, touciño, touciño, ... así comeza a cantiga dun popular xogo da corda. A medida que imos cantando, a velocidade coa que saltamos vai en aumento. Tanto, que ás veces acaba "perdendo" a persoa que dá, non a que salta! Outro mítico era o Cucu rei, aínda que tamén algo malicioso, pois seguía Cantos anos vivirei? e segundo o número de saltos que deras, serían os anos que terías de vida! Xogos colectivos pero tamén para poder brincar en parellas ou en solitario. Iso si, sempre cunha comba ou unha corda na man.
-
07
Billarda
Do mesmo xeito que se coñecen moitos nomes para este enredo (estornela, pincha, caño, cepo, lipe, lípio, lipilape, pateiro...) tamén hai regras diferentes segundo a zona. En xeral, o xogo consiste en darlle co palán ou marro, un pau duns 50 centímetros de longo, á billarda, outro pau máis pequeno, duns 15 centímetros, rematado en punta nos extremos. E que hai que facer? Colocar a billarda no chan e darlle co palán antes que o teu contrincante para lanzala o máis lonxe posible.
-
08
Zancos
Xogo de equilibrio que deriva da necesidade de pasar por terreos anegados ou enlamados. En algunhas zonas, coñécense co nome de chancos, andas, tamancos ou trécolas. E que hai que facer? O primeiro, tentar manter o equilibrio enriba dos zancos. O segundo, andar, correr e salvar obstáculos. O último, tentar facelo sobre o taco máis alto.
-
09
Bolos
Con numerosas tipoloxías segundo a zona, as máis coñecidas son a dos bolos celtas e a dos bolos ao canteiro. Un xogo diferente cun obxectivo común: tirar o maior número de birlos posible. Sempre de madeira, aínda que con diferentes formas, adoitan colocarse sobre unha lastra, a pedra boleira, e en grupo. O/a xogador/a sitúase ao seu lado para lanzar coa bóla, tamén de madeira, de aí que pertenzan á modalidade de pasa-bolos. Os birlos terán que pasar unha liña de fondo para que a partida puntúe, pero cada modalidade ten as súas regras específicas.
-
10
Aros
Xogo de habilidade que consiste en facer rodar polo chan un aro axudándose dun pau guiador. O aro reutilizábase dun barril ou da roda dunha bicicleta, pero tamén pode ser feito de ferro e aceiro. Pola contra, a guía, con ou sen mango, será metálica cun extremo con forma de arco para suxeitar o aro. Tras trazar un percorrido, fanse carreiras para ver quen roda máis rápido ou durante máis tempo. Con novas modalidades adaptadas de plástico, os máis novos pensan que é un hula-hoop!
-
11
Chave
Xogo de lanzamento con himno propio que comeza dicindo: A nosa Nación Galega/ ten un deporte esquecido / que é o xogo da chave / deporte moi ben querido. Con moitas variantes, as máis coñecidas son a da Coruña, Ordes e Santiago, semellantes pero diferentes, con forma de folla ou de punta de lanza; a de Vigo e Ourense, de aspas horizontais; e a de Ferrolterra, cunha pa xiratoria vertical con dobre lingüeta. Pero existen outras menos coñecidas como a de Vilagarcía, cunha forma de alfinete cunha grosa cabeza plana. O obxectivo do xogo consiste en facer chaves. Estas coneguímolas cando acertamos o lanzamento dos pellos (pellas, peletres ou pesos) contra ese ferro, a chave, chantado no chan ou sobre un toco.
-
12
Ra
Típico xogo de taberna que consiste en lanzar fichas a unha caixa na que está a ra. O obxectivo é introducir os pellos na boca da ra ou en calquera outro furado, algúns libres e outros con pontes ou co rodicio dun muíño. A puntuación variará dependendo do burato no que entren os discos. Estes recóllense nun caixón que se sitúa baixo da mesa. Pero neste xogo tamén atopamos moitas tipoloxías. Mesas con moitos caixóns, mesas sen ningún ou mesas sen buratos nin pezas, salvo a ra.