O vindeiro 18 de abril movementos sociais, sindicatos e forzas políticas de Europa e os Estados Unidos levarán a cabo unha xornada conxunta de mobilización contra o Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento (TTIP). Ese día está prevista a convocatoria de mobilizacións contra un tratado que, negociado en secreto, podería provocar un dano irreparable ao sistema de protección social, aos dereitos laborais e aos servizos públicos de todos os países de Europa. As entidades contrarias ao TTIP queren que o debate público sobre as consecuencias deste tratado estea presente nas campañas electorais previas ás eleccións municipais de maio, obrigando as distintas forzas políticas a posicionarse, e tamén nas manifestacións do 1 de maio.
As entidades contrarias ao TTIP queren que o debate sobre as consecuencias do tratado estea presente nas eleccións municipais de maio, obrigando as distintas forzas políticas a posicionarse, e tamén nas manifestacións do 1 de maio
O TTIP pretende introducir unha nova ferramenta para liberalizar o mercado. Trátase do Consello de Cooperación Regulador que, partindo de que a existencia de diferente lexislación entre os estados membros da UE e os EEUU é o principal obstáculo á liberalización absoluta, ten como obxectivo facer seguimento e propostas de harmonización da lexislación actual, mais tamén de controlar a lexislación futura para que non poña en perigo os beneficios dos investidores, das grandes empresas multinacionais de bens e servizos. “Son conscientes de que o maior problema é a protección en materias como a medioambiental, social, laboral, sanitaria ou alimentaria e crean este Consello para ir estudando esas diferenzas lexislativas e presentando propostas de harmonización”, sinala Moncho Boán, responsable de Relacións Internacionais da CIG.
A UE tamén negocia con Canadá para a aprobación dun tratado semellante, o CETA (Acordo Económico de Comercio Global), un acordo que chegaría mesmo antes que o TTIP. De feito, as negociacións secretas con Canadá xa remataron e está previsto que a súa aprobación teña lugar no segundo semestre do 2015. Dáse por case seguro que esta terá que facerse, non só polo Consello Europeo e o Europarlamento, senón tamén separadamente por cada un dos 27 estados da Unión Europea. Porén, como advirte Moncho Boán, “é moi posíbel que non se fagan públicos todos os anexos e documentos adxuntos ao acordo UE-Canadá, o que imposibilitaría coñecer en toda a súa extensión a gravidade dos seus contidos”.
O 18 de abril convocaranse mobilizacións en todos os países da UE. Tamén as haberá en Galicia
Nos últimos meses foi estendéndose por toda Europa a oposición a estas opacas negociacións, que comezan a xerar dúbidas mesmo entre algúns partidos conservadores e de centro esquerda. O 18 de abril convocaranse mobilizacións en todos os países da UE. Tamén as haberá en Galicia. A CIG, membro da plataforma europea Alter Summit, prevé organizar actos en todas as localidades posibles, cun contido concreto que se irá definindo nas vindeiras semanas. BNG, Esquerda Unida, Anova, Podemos ou Equo opóñense con firmeza ao TTIP, o mesmo que CC.OO., UGT ou CGT, e entidades sociais coma ATTAC, Amigos da Terra, ADEGA, SLG ou Ecoar.
Precisamente, Ecoar organiza a partir do 26 de marzo unhas xornadas de debate baixo o título de Recuperar Soberanía. Desarmar o TTIP, nas que participará, entre outros, Susan George, que ofrecerá unha conferencia en Vigo. Recuperar Soberanía, desarmar o TTIP busca, segundo destaca Ecoar, "xerar un punto aberto onde, ademais de informarse, as persoas poidan participar e debater sobre os Tratados de Libre Comercio e todo o que os rodea, especialmente sobre o TTIP".