1º de maio, día (tamén) dos traballadores e traballadoras autónomas

Evolución do peso dos distintos réximes de afiliación á seguridade social en Galicia Dominio Público Praza Pública

"O 1º de Maio é tamén o día dos traballadores autónomos galegos". É o recordatorio que, a xeito de reivindicación, vén de facer a Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (AGTAMAR), na véspera do Día dos Traballadores e Traballadoras. A entidade lembra a importancia numérica deste colectivo en Galicia, que suma 217 mil persoas, cun peso crecente no conxunto da masa laboral. De feito, os autónomos e autónomas son xa case un de cada catro traballadores en Galicia (un 24%), unha proporción que mesmo é superior se lle sumamos outros empregados por conta propia, coma os inscritos e inscritas nos réximes de traballadores do mar ou de empregados do fogar.

144 mil deses 217 mil, exercen a súa actividade de forma independente, sen traballadores asalariados ao seu cargo. Máis do 15% do total traballan en exclusiva ou case en exclusiva para unha soa empresa

A categoría de autónomo é moi ampla e heteroxénena, abranguendo dende pequenos empresarios ou propietarios de comercios ou pequenos negocios, ata mesmo os chamados falsos autónomos, que só traballan para un único pagador, e que na práctica son asalariados que non están dados de alta como tales. AGTAMAR subliña, neste senso, que en Galicia case dous terzos dos autónomos e autónomas, en concreto 144 mil deses 217 mil, exercen a súa actividade de forma independente, sen traballadores asalariados ao seu cargo. E sinala que máis do 15% do total traballan en exclusiva ou case en exclusiva para unha soa empresa, sinalando que "cada vez é máis necesario protexer as súas condicións de traballo".

A entidade celebra, a través do seu vicepresidente, Jesús Diéguez, que o colectivo de autónomos e autónomas acadaran nos últimos anos uns "determinados niveis de protección social" que levaban décadas reivindicando, pero alerta de que estas conquistas “volven estar en perigo ao poñerse en dúbida certos ámbitos do Estado Social que lles afectan de forma directa”. Diéguez denuncia que dende o comezo da crise económica, "as rendas e rendementos netos dos traballadores autónomos en España reducíronse en máis dun 20%".

Diéguez denuncia que dende o comezo da crise económica, "as rendas e rendementos netos dos traballadores autónomos en España reducíronse en máis dun 20%"

A base media de cotización dos traballadores e traballadoras autónomas é duns 1.030,45 euros ao mes, moi inferior á cotización media dos traballadores e traballadoras do réxime xeral da seguridade social (1.738,96 euros). De igual xeito, as pensións medias que reciben os e as autónomas xubiladas é dunha contía moi baixa: 598,31 euros, moi por debaixo da pensión media dos inscritos e inscritas no réxime xeral (956 euros). AGTAMAR tamén critica o feito de que os máis de 28 traballadores e traballadoras autónomas da UE non conten sequera cun estatuto xurídico común, o que os "expulsa do sistema europeo de protección e recoñecemento dos seus dereitos sociais".

 

Difícil conciliación do tempo laboral e persoal

Os traballadores e traballadoras autónomas teñen, maioritariamente, xornadas laborais partidas, o que aínda dificulta máis a conciliación da vida laboral e familiar e tamén a realización doutras actividades

Segundo as cifras da Enquisa de Poboación Activa correspondentes ao conxunto do ano 2014, un de cada catro autónomos e autónomas(o 24,65%) traballa dous ou máis domingos cada mes, fronte ao 14% dos asalariados e asalariadas. E máis da metade (o 52,6%) traballa dous ou máis sábados cada mes, o dobre que os asalariados (o 24,89%) De igual xeito, case tres de cada dez (o 29,5%) traballa habitualmente ata a hora de cear, unha porcentaxe que no caso dos asalariados é do 18,69%. Ademais, o 12,6% traballa habitual ou ocasionalmente polas noites, unha porcentaxe semellante á dos asalariados e asalariadas (12,5%).

Os traballadores e traballadoras autónomas teñen, maioritariamente, xornadas laborais partidas, o que aínda dificulta máis a conciliación da vida laboral e familiar e tamén a realización doutras actividades. É así no 71,3% dos casos, unha proporción moi superior á que se rexistra nos asalariados e asalariadas: o 35,4%.

  2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015
Réxime xeral 782.298 753.121 730.625 710.987 680.720 641.242 632.518 646.558
Autónomos 237.866 231.690 224.325 219.091 215.725 212.913 213.224 216.287
Outros reximes 49.959 50.047 49.191 48.376 46.710 53.405 53.078 52.218
Total 1.070.123 1.034.858 1.004.141 978.454 943.155 907.560 898.820 915.063

Evolución dos inscritos e inscritas galegas na Seguridade Social, por réxime. Fonte: Ministerio de Emprego

Evolución do peso dos distintos réximes de afiliación á seguridade social en Galicia Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.