Nunca antes se crearan tantas cooperativas en Galicia, segundo destaca o Informe da Economía Social en Galicia 2022
Nunca antes se crearan tantas cooperativas en Galicia. O pasado ano 2022 constituíronse 142 destas sociedades, o máximo dende o inicio da serie histórica no ano 1990. Así o destaca o Informe da Economía Social en Galicia 2022, elaborado por profesorado e persoal investigador das universidades de Santiago de Compostela e Vigo e que foi presentado este luns na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.
Segundo os datos achegados no informe, estas 142 novas cooperativas contaron con 542 socios e socias promotores, e as mulleres foron a metade exacta. Ademais, puxéronse en marcha 24 sociedades laborais, o que converteu Galicia na terceira comunidade autónoma en canto a constitución de novas sociedades deste tipo, con 58 socios e socias (41% mulleres) e sete centros especiais de emprego.
O número de cooperativas creadas en Galicia leva anos en ascenso
O número de cooperativas creadas en Galicia leva anos en ascenso, dende as 41 constituídas en 2017, pasouse a 72 (2018), 109 (2019), 98 (2020, ano da pandemia), 135 (2021) e agora 142. Nos anos 90 a cifra anual de novas cooperativas movérase entre as 70 e as 90, para descender posteriormente a niveis máis baixos nas dúas décadas seguintes.
En total hai 1.265 cooperativas e 735 sociedades laborais activas en Galicia
En total, hai 1.265 cooperativas e 735 sociedades laborais activas en Galicia. Ademais, son 124 os centros especiais de emprego, 13 empresas de inserción laboral, catro mutuas e mutualidades, 63 confrarías de pesca, 1.052 sociedades agrarias de transformación e 3.029 comunidades de montes veciñais en man común. Todas elas constitúen a economía social galega.
O conxunto das sociedades da economía social xeran máis de doce mil empregos
O conxunto destas sociedades da economía social xeran máis de doce mil empregos, se sumamos os postos de traballo en cooperativas (7.917) e sociedades laborais (2.162). Os datos actuais son superiores, pois estas cifras, que achega o Ministerio de Traballlo, corresponden aos últimos meses do ano 2020. Ademais, hai que engadir os centros especiais de emprego, que ocupan a 2.185 persoas, e as empresas de inserción laboral, que xeran 211 postos de traballo. Así mesmo, nas confrarías as afiliacións de persoas traballadoras ascende a 6.997.
O estudo inclúe unha aproximación ao impacto socioeconómico das sociedades laborais e as cooperativas
No estudo, que se poderá consultar na web do Centro de Estudos Cooperativos da USC, tamén se recolle un apartado sobre o marco xurídico e novidades lexislativas e outro no que se analizan as políticas públicas para o desenvolvemento da economía social en Galicia. Así mesmo, inclúese unha aproximación ao impacto socioeconómico das sociedades laborais e as cooperativas e as entidades galegas máis representativas dentro do contexto español e, igualmente, unha reflexión sobre o panorama que terán que afrontar estas entidades nos próximos anos.