O rancho de ouro. Nada menos. Niso se poden convertir en cuestións de días estes animais que agora mesmo medran a poucos kilómetros de Santiago, na SAT Castro de San Gregorio, no concello de O Pino. Por terceira vez en cinco anos, esta tecnificada granxa opta a converterse, xunto con outras 76 instalacións en toda España, na mellor do país segundo os parámetros esixidos pola BDporc: número de nados vivos, taxa de partos e produtividade numérica
O galardón, ao que aspiran tres granxas galegas, concederao o vindeiro día 26 de novembro o Departamento de Agricultura da Generalitat de Cataluña, o Irta, así como Pfizer Salud Animal e a Asociación Nacional de Porcinocultura Científica, Anapoc e está considerado como o referente no sector.
Castro de San Gregorio aspira por terceira vez a este recoñecemento en 12 anos de vida. Nunca tivo o premio, para o seu socio e fundador, Manuel Castro, estar nominado é un premio. O maior premio, cando un o ve traballar, é a propia granxa, con premio ou sen él. Con recoñecemento ou sen él e aínda levando ás costas moitos días malos.
Nas instalacións da SAT, única construción de cemento entre ducias de hectáreas de pasto, 700 cochas, 700 nais, como lles chaman os traballadores, viven para parir leitóns. En total, agora mesmo, sumando todas as salas da explotación, hai máis de 3.700 cabezas de ranchos, entre nais e crías. Non sempre estivo tan poboada: en 2000, cando arrincou a actividade, a granxa tiña só 150 nais.
Ciclos vitais
Os xoves, dende o ano 2000, é o día de máis traballo na SAT. Cada xoves hai parto. A natureza é caprichosa e as cochas dan a luz os xoves
Os xoves, dende o ano 2000, é o día de máis traballo na SAT. Cada xoves hai parto. A natureza é caprichosa e as cochas dan a luz os xoves. "Dende que saen inseminadas da nave de xestantes, tamén os xoves, pasan exactamente tres meses, tres semanas e tres días ata que nacen os leitóns", asegura Manuel Catro. Non hai marxe para o erro. Cada xoves nacen centos de leitóns. Unhas 30 cochas paren unha media de 14 leitóns, dos que non todos sobreviven.
En 28 días, os ranchos abandoan á nai, deixan de mamar e comezan a dieta a base de pienso. Con 60 días véndense para consumo. As nais voltan a comezar o seu ciclo vital: inseminación, descanso, parto, descanso, inseminación. Unha nai pode ter ata sete ou oito partos ao longo da súa vida.
Todo este proceso, así como a alimentación, está totalmente mecanizado. Un chip incrustado en cada unha das nais, así como unha complexa e punteira instalación, proporciona a cada animal a comida que precisa, a cantidade exacta, e mesmo as separa para o momento de parir e para ser inseminadas. Unha vez nados, os leitóns tamén están controlados polo mesmo sistema, e pasan por varias salas, todas elas calefactadas, antes da posta á venda.
Gando vacún
Que en San Gregorio traballan por paixón é evidente cando descobres que, ademais dos miles de porcos, Manuel Castro ten cabezas de vacún. Non un calquera: tenreira galega suprema. Vacas de raza galega nadas en Galicia, que conviven en liberdade coa súa nai nas máis de 45 hectáreas de pasto que ten a explotación. Calidade superior.
Pantoja, Panenka, Penélope e a querida Toñita, amamantada por un dos socios da granxa, é case unha máis da familia. As vacas de Manuel Castro, pastando soas nun día de outono, coas crías soltas, non é senón outra mostra da paixón coa que traballan nesta granxa, nacida en 2000 e resurxida das súas cinzas, case literalmente en 2009, cando un fortísimo temporal, aquela famosa cicloxénese, destrozou as instalacións causando danos de máis de 120.000 euros.
"Temos unha granxa modernizada, tecnificada e con instalacións punteiras, pero os accesos son pésimos, o Concello nunca se preocupou de amañalos"
"Recuperámonos gracias ao apoio dos proveedores, sobre todo de Nudesa, e dos traballadores e socios. Doutro xeito, sería imposible", di Castro, que lamenta, por outra banda, a falta "total" de apoio das institucións. "Temos unha granxa modernizada, tecnificada e con instalacións punteiras, pero os accesos son pésimos, o Concello nunca se preocupou de amañalos. Agora mesmo aquí chegan os camións con mercancía porque eu, co me patrimonio persoal, arreglei a entrada, pero sen un só apoio institucional", critica.
O valor do sector primario
Máis alá diso, quéixase de que continúan con telefónos TRAC, sen posibilidade de conexión a internet "malia que a Xunta de Galicia prometera acceso para todas as instalacións no ano 2002". En definitiva, di Castro, non se valora o traballo no rural, no sector primario, eixo vertebrador da economía galega. "A etapa na que Alfredo Suárez Canal foi conselleiro do medio rural (entre 2006 e 2009) deuse un paso moi importante: o Bantegal", ou banco de terras. "É o único xeito de que os gandeiros poidamos redimensionar os terreos, aproveitalos mellor", di. "Só queda agardar que os seus continuadores poñan o broche de ouro a esta política", destaca.
"Só tiña dúas opcións: facelas rendibles con gando, sempre coas mellores instalacións, ou plantar eucaliptos, e isto último non o ía facer aínda que deran moitos cartos"
Durante a visita a San Gregorio, Castro conta porqué decidiu por en marcha unha granxa. "A raiz do reparto de terras da familia, eu vinme con unha extensión importante de terras. Só tiña dúas opcións: facelas rendibles con gando, sempre coas mellores instalacións, ou plantar eucaliptos, e isto último non o ía facer aínda que deran moitos cartos", explica. De feito, non hai en Galicia detrator maior da plantación de eucaliptos. "Son a segunda burbulla despois da inmobiliaria", di, medio en broma, medio en serio.
A última pregunta para Manuel Castro non podía ser outra. Xubilaraste? "Non". Nin unha dúbida. Él non traballa, él vive. Entre Panenka, Toñita, os miles de ranchos que nacen cada xoves e a natureza. Non é un mal plan para unha xubilación.