A apicultura galega crece no medio da crise económica

Novo traxe abelleiro © AGA

Hai moitos sectores en crise, pero a apicultura non é un deles. Nos últimos anos o número de persoas que se achega a esta actividade non deixa de aumentar, froito en moitos casos da propia crise e dunha situación de desemprego que convida a moitos a probar sorte nun eido que mantén unha rendibilidade económica crecente, polo constante incremento da demanda de mel e outros produtos das colmeas. De feito, ao longo de 2013 o número de persoas dedicadas en maior ou menor medida á apicultura en Galicia aumentou nun 10%, até chegar ás 3.799, sobre todo na provincia de Ourense, coas mellores condicións naturais para as abellas. Creceu tamén o número total de colmeas, en máis dun 25%, acadando xa as 109.744. E todo iso a pesar de que o 2013 foi un mal ano para a produción de mel, por mor dun clima extremo (unha primavera con demasiada auga e un verán caloroso de máis). Porén, o número de persoas que viven da apicultura en Galicia de xeito profesional e que, como referencia, posúen máis de 150 colmeas, é aínda pequeno, unhas 90.

"É un bo momento. Hai unha gran demanda destes produtos e ademais hai unha diversificación moi grande, non é só mel, senón que hai moitos produtos apícolas"

Suso Asorey, secretario técnico da Asociación Galega de Apicultura (AGA) destaca sobre todo a incoporación de mulleres e de xente nova, que "busca algún lugar onde meterse, por mor da crise económica". De igual xeito, valora moi positivamente as posibilidades que esta incorporación de mozos e mozas, moitas delas con formación universitaria, abre para o crecemento desta actividade en Galicia: "É un bo momento. Hai unha gran demanda destes produtos, neste momento hai moita máis demanda que oferta, e os prezos están á alza. E ademais hai unha diversificación moi grande, non é só mel, senón que hai moitos produtos apícolas". De feito, con cada vez máis frecuencia se están explorando as súas posibilidades, por exemplo, para a cosmética, a produción de hidromel, de vinagre de mel "e mesmo da cervexa de mel, que puxeron de moda os Obama ao producila na Casa Branca", destaca.

Que fai falla daquela para dar o paso e converterse en apicultor ou apicultora? Suso Asorey salienta que "o investimento non é moi grande" (ao redor de 100 euros por colmea), pero lembra que "tampouco dá resultados inmediatos, debe pensarse a medio prazo. Non é unha actividade consistente unicamente en poñer cartos, hai que aprender, hai que pasar por un período de formación". A propia AGA ofrece distintos cursos e actividades de formación: "Nós ofrecemos unha formación mínima de 12 horas, hai moitos libros de apicultura que é importante ler e, despois, é importante comezar o primeiro ano con catro ou cinco colmeas, para practicar, e a partir do segundo ano xa se pode incrementar o número". Engade que "tamén recomendamos que se asocien en AGA, porque é a forma de que a xente reciba asesoramento permanente. E, así mesmo, contamos cunha cooperativa propia para comercializar a produción".

O que tamén creceu nos últimos anos foi a produción de mel ecolóxica. Ao longo de 2013 o número de colmeas inscritas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia creceu un 30% (até as 8.500), nunha tendencia que se espera manter este ano. A meirande parte da produción destínase á exportación, nomeadamente a Francia e Alemaña.

 

Os praguicidas

"Non é suficiente, é un parche que non vai solucionar o problema. Non hai máis solución que promover unha agricultura sostible e compatible coas leis do medio ambiente. E eliminar estes praguicidas"

Este bo momento da apicultura en Galicia chega a pesar da existencia nos últimos anos de importantes atrancos, moitos deles relacionados cos praguicidas neurotóxicos e as criticadas fumigacións masivas que a Xunta quixo levar a cabo hai dous anos, e que tivo que deter por mor da presión social. Estes pesticidas foron prohibidos pola Comisión Europea o pasado mes de abril, pero só nalgúns casos e por un periodo de dous anos. Suso Asorey explica que "o problema segue estando aí. A mortandade anual de abellas, que era dun 9 ou 10 por cento pasou a ser do 30 ou do 40 por cento debido a estes produtos". "Non é suficiente, é un parche que non vai solucionar o problema. Non hai máis solución que promover unha agricultura sostible e compatible coas leis do medio ambiente. E eliminar estes praguicidas, que matan as abellas e outros polinizadores, que acaban coa biodiversidade e que fan que a agricultura actual sexa inviable pola falta de polinización", sinala. Calcúlase que un 84% das especies vexetais e un 76 % da produción alimentaria en Europa dependen da polinización por parte das abellas.

Asorey engade que "para compensar este dano, a UE está incrementando as axudas para a instalación de colmeas, e tamén para a incorporación de novos agricultura". Porén, subliña que "para nós isto é un erro, o máis importante é evitar que sigan morrendo as abellas, non ten sentido ningún que as abellas sigan morrendo por estes envelenamentos e que á vez eles sigan gastando cartos en poñer novas colmeas". "O que terían que facer era prohibir definitivamente a agricultura de tóxicos e apoiar os procesos de formación, pero parece que as administracións non están interesadas en apoiar esta formación, e prefiren subvencionar unicamente o custe das instalacións", conclúe.

 

A importancia do cambio climático

"As abellas están detectando un cambio climático moi importante. O ano pasado houbo unha primavera moi chuviosa, que fixo que as abellas non puideran aproveitar as flores, e despois veu un verán moi caloroso, que provocou que a produción fose menor"

Outra dificultade engadida é o cambio climático, que vén provocando nos últimos anos grandes alteracións do tempo que era habitual en cada época do ano. "Se o clima vén ao revés, malo" -explica Asorey- "As abellas están detectando un cambio climático moi importante. Por exemplo, o que pasou o ano pasado, cando houbo unha primavera moi chuviosa, que fixo que as abellas non puideran aproveitar as flores, e despois veu un verán moi caloroso, que provocou que a produción fose menor. En Galicia sempre houbo microclimas, e agora estanse acentuando, o que fai que as colleitas sexan máis irregulares". Este cambio climático tamén provoca altercacións no ritmo de floración das distintas especies vexetais que constitúen a base da produción apícola: "En Galicia hai catro plantas fundamentais para a produción apícola: o castiñeiro, as queirogas, o carballo e tamén o eucalipto foi nalgún momento unha planta melífera, pero agora xa non o é: Antes florecía na primavera, pero agora florece no inverno, e as abellas non o aproveitan".

 

Colmeas nas cidades?

Podemos atopar colmeas en varios lugares de París, mesmo no edificio da Ópera, que produce o seu propio mel

Veremos algunha vez colmeas nas cidades galegas? É unha posibilidade que se comezou a ensaiar nos últimos anos en varias urbes europeas, sobre todo en Francia, en boa medida como unha acción de protesta dos apicultores franceses contra o uso de pesticidas tóxicos no campo. Querían demostrar que nas cidades, en xardíns e parques, onde non se empregan estes produtos, as abellas non morrían. E así, podemos atopar colmeas en varios lugares de París, mesmo no edificio da Ópera, que produce o seu propio mel. 

A Asociación Galega de Apicultura está tratando de darlle saída en Galicia a este movemento, que ademais ten unha grande relevacia pedagóxica e publicitaria sobre a importancia da apicultura e das abellas. Está elaborando pequenos proxectos e pedindo a colaboración de moitos concellos que contan con espazos e instalacións moi axeitadas, por exemplo, en Culleredo, onde xa se creou un pequeno apiario urbano. Porén, a restrición en Galicia e España e moito máis restritiva nesta cuestión do que o é en Francia.

Dominio Público Praza Pública
Novo traxe abelleiro © AGA
Colmea antiga © AGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.